Machado paleolítico (Cedeira)

Localización

(Ver en Google Maps)

Este machado apareceu na devasa que descende dende a Chan da Cruz ata a área do Coto do Corno. Estaba no medio do desterro que discorre por deabaixo da liña de media tensión. Ao seu arredor había numerosas pedras e terra removida.

Este achado apareceu apenas a 100 metros de onde fora arrasada a mámoa catalogada como GA36045032. Nos restos desta mámoa apareceu unha machada puída neolítica así como anacos de cerámica.

Descrición

Ten forma oval con perímetro irregular. Presenta dúas caras planas traballadas, cunha zona cortante e outra sen corte, por onde sería empuñada.

Cara A

Na zona non cortante presenta unha superficie lisa propia da pedra. Ao arredor desa superficie lisa ao longo do bordo aparecen as características talladuras coas que se creou o gume cortante da rocha.

As talladuras son de tamaños desiguais, alternando os tallos máis pequenos polo bordo, outorgándolle un efecto de serra, e os máis grandes na parte interior.

Algunhas das talladuras teñen formas bastante irregulares e outras están superpostas entre si.

Cara B

Esta cara está dominada na maior parte por unha superficie rugosa, aconcavada na zona central. Ten unha pequena zona lateral na que conserva o tacto liso orixinal da propia rocha.

Estado de conservación

O seu estado é bastante bo, a pesar de estar situada nunha devasa pola que pasan vehículos forestais e persoas, ademais de sufrir os efectos das arroiadas propias da zona inclinada do terreo en que se localizou.

Tamén hai que considerar que a devasa sofre periódicos traballos de limpeza e remoción de terras.

Valoración final

A súa aparición foi fortuíta e ocorreu durante un percorrido realizado xunto con membros da directiva da Comunidade de Montes de Cedeira para a verificación dos xacigos arqueolóxicos presentes no seu territorio.

Durante esta visita púidose constatar que nesta comunidade non existen planos nin mapas detallados nin outra documentación arqueolóxica dos xacigos existentes en Cedeira.

Ningunha administración ao longo destes anos lle fixo entrega destes imprescindíbeis documentos.

Por outra parte, as directivas cambian cada poucos anos, e moitos dos seus integrantes descoñecen completamente a existencia destes xacigos ou a súa localización concreta.

Sen esa documentación precisa e detallada é normal que en moitas ocasións se produzan involuntariamente agresións e perdas irreparábeis neste patrimonio, como ocorreu recentemente coa desaparición por arrasamento da mámoa catalogada como GA36045032 para a creación dunha explanada.

Máis información

Galería de imaxes



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s