Mámoa GA36045048 (Negros)
Publicado: 8 Abril 2013 Filed under: Comunidade de Montes de Negros, Mámoas Deixar un comentarioLocalización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada neste itinerario co número 48.
Esta situada na contorna inmediata da denominada Mámoa do Rei, na encrucillada que existe nese lugar, ao pé do camiño que percorre a zona central desta gran chaira cara ao norte.
Dende a Mámoa do Rei e o propio camiño é perfectamente visíbel, xa que a súa dimensión é considerábel en circunferencia.
Descrición
As dimensións diametrais desta mámoa son 21 x 18,5 m. Estamos polo tanto ante un dos túmulos de tamaño grande de monte Mirallo, das que se conservan quince exemplares dos trinta e sete que se coñecen na actualidade.
A altura do túmulo chega a 1,25 m polo sueste.
Posúe furado de espoliación central.
Non conserva ningún ortóstato da cámara dolménica.
Pola superficie da mámoa obsérvanse cascallos soltos que puidesen corresponder á coiraza da mámoa.
Estado de conservación
Está bastante estragada e con moita perda de terra tumular.
Os constantes traballos intensivos forestais que se levan a cabo nesta chaira provocan que o continuo paso de maquinaria sobre os túmulos provoque a súa constante e paulatina perda de masa tumular e esmagamento das mámoas.
Sobre o túmulo pódense contar ata dezanove piñeiros plantados. Demasiadas árbores medrando sobre a mámoa e enterrando as súas raíces na masa tumular. Isto vai provocar a súa rápida desaparición.
É incomprensíbel que a estas alturas a comunidade de montes aínda manteña árbores sobre estes túmulos milenarios. O estrago que lles produce ás mámoas é infinitamente superior á ridícula ganancia que estes piñeiros lles poidan proporcionar.
Valoración final
Esta mámoa ten a importancia engadida de estar na área de influencia inmediata da Mámoa do Rei, e visualmente é moi tanto dende a mámoa do Rei coma do propio camiño.
Faise necesaria unha intervención de prevención que evite a progresiva desaparición desta mámoa por perda de masa tumular e esmagamento provocados polos traballos forestais.
Un entendemento entre administración local e a Comunidade de Montes permitiría realizar un cerramento protector de madeira, por exemplo, que impedise que tanto a maquinaria forestal como outros vehículos motorizados e mesmo as persoas tripen constantemente este túmulo.