Ruta 2 das mámoas de Monte Penide
Publicado: 9 Xaneiro 2012 Filed under: Mámoas, Ruta 2 das mámoas, RUTAS Deixar un comentarioNesta segunda ruta, partimos do remate da ruta 1, que corresponde coa denominada “Mámoa do Rei”, a máis emblemática e espectacular das mámoas que compoñen este conxunto da Chan da Cruz.
Atravesando esta extensa chaira, en dirección norte, discorre a pista forestal que observades na imaxe inferior.
A ambos os lados do camiño podedes visitar 22 mámoas seguidas, configurando un bosque de túmulos que se percibe claramente cando o monte está limpo e sen maleza.
Lamentábelmente, a mámoa indicada co número 32 desapareceu nos últimos meses do ano 2011. Foi arrasada completamente para crear unha explanada no medio de ningunha parte.
Esta ruta podedes imprimila ou descargala no voso navegador GPS.
Mámoa do Rei GA36045050 (Trasmañó)
Publicado: 13 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Comunidade de Montes de Negros, Comunidade de Montes de Trasmañó, Mámoas, Ruta 1 da mámoas, Ruta 2 das mámoas 2 Comentarios
Localización
Está emprazada no principal cruzamento de camiños que hai entre Cabeiro e Trasmañó. Hoxe en día existe unha estrada asfaltada que rodea esta mámoa, feita a finais dos anos noventa. Pódese chegar á Mámoa do Rei perfectamente en coche e aparcar xusto ao seu carón, tanto dende Cedeira, Trasmañó, Cabeiro e o monte do Vixiador en Candeán.
Descrición
Diámetros: N-S: 20.30 m, L-O: 19.20 m
Altura: 1.75 m
Túmulo: cada vez conserva menos masa tumular debido ás continuas agresións que sofre: árbores plantadas, construción dunha estrada ao seu carón, numerosos tobos de coellos, marco de Telefónica. Aínda así, apréciase a estrutura do túmulo en toda a súa dimensión.
Dolmen: conserva 6 ortóstatos. Falta un nun dos laterais. O conxunto conservado na actualidade dános unha dimensión do tamaño que debeu ter antes da súa degradación. Ao redor da mámoa do Rei hai varios chantos tirados, dos que algún deles puido pertencer a este dolmen. Hai persoas maiores que aseguran recordalo aínda co túmulo de terra ata a parte superior das lousas.
Tradicións
A máis interesante das recollidas fala de que os acompañamentos mortuorios que antes pasaban dun ao outro lado da montaña facían parada diante da mámoa do Rei para rezar responsos pola persoa que levaban no cadaleito. Isto ten un interese especial pola conservación da significación mortuoria deste lugar, a pesar de que con toda probabilidade a xente xa no sabía realmente que as mámoas eran utilizadas seis mil anos atrás para enterrar mortos.
Podedes observar, ademais, que un dos ortóstatos pertencente ao comezo do corredor ten unha cruz inscrita no seu cimo.
Tamén se recolleu a memoria da tradición de ser lugar de parada da mocidade que atravesaba dunha a outra parroquia nos días de festa para parar diante da mámoa do Rei a troulear un pouco.
Outra das mulleres entrevistadas contaba que de pequena subía para esta chaira co gando e lembra a introducirse nalgunhas das mámoas xogando cos cachiños de “azulexos” que había no seu interior e mesmo recordaba ter roto nunha ocasión unha vasilla de barro que estaba enteira.
Estado de conservación
A construción da estrada, a pesar da protesta que xerou no seu momento, deteriorou o túmulo que rodea o dolmen; especialmente a zona de entrada do corredor que conduce ao seu interior. A construción da estrada implicou a realización de fondas gabias pola beira, que non respectaron ningún tipo de distancia con respecto ao túmulo.
Ao estar nun lugar polo que, grazas á desafortunada estrada, pasan tantos vehículos a diario, as agresións son constantes: os paneis informativos son obxecto de actos vandálicos; os coellos teñen tobos furados con entradas e saídas por todas as partes do pouco de túmulo que vai sobrevivindo.
Ata o ano 2003, o ortóstato central da cabeceira estaba caído no centro da cámara do dolmen. Nese momento acometeuse unha restauración do chanto para devolvelo á súa posición orixinal, que é como podemos velo na actualidade.
Sobre o túmulo tamén hai un pequeno poste de pedra de Telefónica. O enxeñeiro que deseñou ese trazado foi un deses eméritos licenciados que pasan por unha universidade, pero que a universidade non pasa por eles, e marcan liñas rectas nos planos sen importarlles o que leven por diante.
Valoración final
A Lei de Patrimonio de Galicia, con ser do ano 1995, non impediu que a Deputación provincial de Pontevedra acordase asfaltar a finais dos anos noventa a pista de terra que comunicaba Trasmañó con Cabeiro, a pesar de que no pleno da Deputación había varios representantes da corporación municipal de Redondela.
Ata agora, podemos asegurar que o desprezo e indiferenza que mostra a corporación ao completo do concello de Redondela por este conxunto arqueolóxico –quizais o máis importante de Galicia- é absoluta.
Non hai vixilancia de ningún tipo. Non hai medidas efectivas de protección –as comunidades de montes son as auténticas propietarias do noso patrimonio, e fan, desfán, constrúen e destrúen segundo o seu propio criterio-.
A única actuación de información e significación que se levou a cabo foi a sinalización do paso do Sendeiro das Greas por diante da mámoa do Rei. Iso permitiu que se fixese unha intervención no dolmen que concluíu na reposición dun chanto caído.
Máis información
Mámoa GA36045049 (Negros)
Publicado: 12 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Negros, Mámoas, Ruta 2 das mámoas Deixar un comentarioLocalización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 49.
Esta situada na contorna inmediata da denominada Mámoa do Rei, na encrucillada que existe nese lugar, ao pé do camiño que descende cara ao leste.
Descrición
As dimensións diametrais desta mámoa son 17,50 x 17 m. Estamos polo tanto ante unha das mámoas de tamaño mediano de monte Mirallo.
A altura do túmulo chega a 1,10 m.
Non conserva ningún dos ortóstatos da cámara dolménica.
Sobre o túmulo crecen ata once piñeiros que deforman e estragan a mámoa.
Estado de conservación
Está bastante estragado e con moita perda de terra tumular.
Os constantes traballos intensivos forestais que se levan a cabo nesta chaira provocan que o continuo paso de maquinaria sobre os túmulos provoque a súa constante e paulatina perda de masa tumular e esmagamento das mámoas.
É incomprensíbel que a estas alturas a comunidade de montes aínda manteña árbores sobre estes túmulos milenarios. O estrago que lles produce ás mámoas é infinitamente superior á ridícula ganancia que estes piñeiros lles poidan proporcionar.
Por outra parte está situado á beira mesmo dunha pista forestal que presenta una gabia que discorre demasiado preto do túmulo.
Valoración final
Esta mámoa ten a importancia engadida de estar na área de influencia inmediata da Mámoa do Rei, e visualmente é moi perceptíbel por estar situada entre dúas pistas forestais: a principal que discorre polo medio de toda a Chan das Formigas na que se concentran a mayoría das mámoas desta montaña e que conforman a Ruta 2; e por outra banda está tamén acaroada á pista forestal que descende cara ao leste de Monte Mirallo en dirección ao Castro de Negros.
Faise necesaria unha intervención de prevención que evite a progresiva desaparaición desta mámoa por perda de masa tumular e esmagamento provocados polos traballos forestais.
Un entendemento entre administración local e a Comunidade de Montes permitiría realizar un cerramento protector de madeira, por exemplo, que impedise que tanto a maquinaria forestal como outros vehículos motorizados e mesmo as persoas tripen constantemente este túmulo.
Máis información
Mámoa GA36045047 (Trasmañó)
Publicado: 9 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Mámoas, Ruta 2 das mámoas Deixar un comentario
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 47.
Está próxima á Mámoa do Rei, ao carón da estrada que comunica con Trasmañó, que a tronzou pola metade. Localízase doadamente, a pesar da maleza que a recobre, polo gran chanto solto que hai á súa beira no chan.
Descrición
As dimensións perimetrais desta mámoa son 11,50 x 20,50 m.
A altura do túmulo chega a 1 m no lado norte.
É difícil facer unha descrición precisa desta tumba neolítica. Está gravemente alterada e estragada.
O gran estrago que se pode apreciar e valorar observando as súas irregulares dimensións é que o túmulo está tranzado pola metade nestes momento debido á construción da pista e estrada asfaltada que pasa ao seu carón.
A construción incontrolada das pistas forestais que atravesan este cámpo de mámoas da Chan da Cruz ou Chan das Formigas, provocou a desaparición dalgunhas delas ou a súa mutilación en diferentes graos, como lle sucedeu a esta.
O túmulo só se aprecia no lado norte, xa que o resto foi sometido a unha acción de desmonte e ensanchamento do furado central, onde estarían situadas as lousas que formarían a cámara pétrea.
Está moi cuberta de maleza, arbustos e piñeiros que imposibilitan a observación do seu interior. Obsérvanse restos de cascallos que poden pertencer á coiraza do túmulo.
Moi preto desta mámoa hai un chanto tirado no chan que puido pertencer a ela ou a outra das proximidades.
Valoración final
Ás veces, computar as mámoas existentes realmente en monte Penide é difícil por canto algunhas delas están tan alteradas e agredidas que só se pode deixar constancia da súa presenza naquel lugar.
Estando tan próxima á Mamoa do Rei, a súa exietencia pasa completamente inadvertida e apenas sobresae unha pequena elevación tumular adiviñada entre a maleza que a afoga.
Cumpría que a Comunidade de Montes de Trasmañó mostrase a súa sensibilidade e compromiso na conservación deste monumento funerario de hai milleiros de anos e levase a cabo un labor de desbrozamento e limpeza do túmulo desta mámoa para deixala ao descuberto e se puidese apreciar no que queda.
De non se facer así, esta será outra de tantas mámoas que deaparecerán irremediabelmente nun futuro moi próximo.
Pénsese que no comezo da nosa democracia inventariáronse 58 mámoas en monte Penide. Na actalidade, só fican 37 en total, e algunhas delas nun estado moi deprorábel de conservación, como é este caso.
Durante o período democrático que levamos transcorrido, lévase perdido máis patrimonio arqueolóxico en monte Penide ca nos seis mil anos anteriores.
É responsabilidade de todos, administracións e comunidades de montes a súa preservación e coidado.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045036 (Trasmañó-Negros)
Publicado: 9 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Negros, Comunidade de Montes de Trasmañó, Mámoas, Ruta 2 das mámoas Deixar un comentario
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 47.
Está próxima á Mámoa do Rei, ao carón da estrada que comunica con Trasmañó, que a tronzou pola metade. Localízase doadamente, a pesar da maleza que a recobre, polo gran chanto solto que hai á súa beira no chan.
Descrición
As dimensións diametrais desta mámoa son 22,50 x 22,50 m. Estamos polo tanto ante unha das mámoas de gran tamaño diametral de monte Penide.
A altura do túmulo chega a 1,60 m no lado norte.
Presenta algunha alteracións importantes debido as espoliacións que sufriu. Aprécianse dous furados: un no centro, de considerábel dimensión, e outro no lado leste.
Precisamente neste mesmo lado chantaron no medio do túmulo un gran marco divisorio de parroquias (Trasmañó Negros) que non se entende que estea xustamente sobre a mámoa en lugar de telo situado fóra dela, en calquera outro lugar.
No interior da mámoa non se aprecia a existencia xa de ningún ortóstato.
Estado de conservación
A pesar do deteriorada que se atopa, aínda conserva polo lado norte unha apreciábel masa tumular que evidencia o gran tamaño do seu túmulo.
O peor para a súa conservación por máis anos é a cantidade de piñeiros que se plantaron recentemente sobre a superficie do túmulo.
As raíces destes piñeiros, cando medren, van constituír un serio perigo para a delicada consistencia do túmulo, conservada ata actualidade despois de máis de cinco mil anos.
Por outra parte, canto máis se deixen medrar estes piñeiros máis difícil será a súa corta sen danar a mámoa debido á utilización das ferramentas necesarias, as persoas que a esmagarán continuamente durante estes labores e a maquinaria pesada que haberá que empregar para mover as árbores.
Valoración final
É unha mágoa a agresión ocasionada polo enorme marco divisorio que lle chantaron encima. Por outra parte, ao pertencer a dúas parroquias distintas, podemos observar incongruencias tales como a diferente actividade que realiza cada comunidade de montes sobre ela.
Obsérvase curiosamente como os piñeiros e maleza da zona correspondente á parroquia de Negros foron cortados, e en cambio os piñeiros e maleza correspondentes á comunidade de montes de Trasmañó continúan sobre o túmulo.
A implicación das comunidades de montes na conservación de todo este patrimonio é fundamental; sen ese compromiso non hai futuro posíbel para este grandioso campo de enterramento neolítico, dos mellores de Galiza, que conservamos no concello de Redondela.
O emprego de maquinaria pesada para os labores forestais. A produción intensiva e extensiva de árbores plantadas segundo miras exclusivas de produción madeireira, sen un mínimo de atención á conservación do patrimonio existente ao seu arredor está levando á súa paulatina desaparición.
Baste sinalar que nun inventario do ano 1978 aparecen 58 mámoas localizadas nesta montaña; trinta e dous anos máis tarde quedan 37 túmulos. Podemos constatar como nos últimos anos de democracia, cando máis leis de protección e sensibilidade existen, lévase destruído máis patrimonio ca nos cinco mil anos anteriores.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045038 (Negros)
Publicado: 9 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Negros, Mámoas, Ruta 2 das mámoas Deixar un comentario
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 das mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 38.
Para localizala, tomamos como referencia a Mámoa do Rei e diríxímonos pola pista de terra que sae cara ao norte dende ela. A uns cento cincuenta metros de distancia, á beira do camiño, podemos ver o que queda desta mámoa na actualidade.
Descrición
Esta mámoa foi arrasada pola pista que se abriu ao seu carón. Só se conserva a metade do que foi o túmulo orixinal.
As dimensións acutais son de 16 m no eixo lonxitudinal ao camiño, o que representaría o diámetro total da mámoa, e 11,5 m no eixo transversal ao camiño, evidencia clara nas súas dimensións da agresión que a tronzou pola metade.
Toda a superficie do que resta da mámoa está cuberta de vexetaciójn e árbores plantadas encima.
Valoración final
Así remata a historia de seis mil anos ininterrompidos de existencia deste monumento funerario. Un final marcado polo descoñecemento da súa importancia e relevancia histórica.
Pensemos que se destruíu una das primeiras construcións humanas que se realizaron en Galiza. Non existen outras construcións anteriores tan relevantes e transformadoras da paisaxe. Orixinalmente hai que imaxinar esta mámoa cunha altura aproximada que sobrepasaba os dous metros e un diámetro que posibelmente chegaría aos 20 m.
A súa edificación foi realizada de forma colectiva con utensilios propios da idade de pedra, cortando e movendo lousas de varias toneladas que dispuxeron formando a cámara funeraria interior, xa espoliada e desaparecida, e logo cubríndoa de terra, alternando con capas de coiraza de cascallos para manter a súa consitencia.
Estaba rodeada de máis de cincuenta mámoas neste mesmo lugar ata hai poucos anos. Agora só restan outras 34 máis.
A apertura indiscriminada destas pistas recentes, marcando liñas rectas que arrasan todo ao seu paso, levou por diante varias destas mámoas, como podemos ver nos exemplos das catalogadas como a mámoa GA36045047 e a mámoa GA36045051. Outras xa desapareceron completamente, sobre todo aquelas que lles tocou estar debaixo das liñas de alta tensión que atravesan esta montaña por varios lugares. As devasas abertas no seu percorrido arrasou con vairos exemplares. A maiores, o traballo forestal tan intensivo e extensivo ao que se somete a explotación forestal de Monte Penide leva consigo a utilización de maquinaria pesada que ocasiona danos irreparábeis en todas elas, xa que se encontran espalladas por todo o territorio de constante repoboación. O máis claro exemplo é a completa desaparición da mámoa GA36045032 a finais do ano 2011, debido á apertura dunha explanada neste lugar de plantación forestal.
Somos conscientes de que as cambiantes directivas das comunidades de montes descoñecen a identificación, localización e existencia da maioría destas mámoas. Por outra parte, non dispoñen de cartografía municipal detallada dos elementos patrimoniais de obrigada conservación. Por tanto, mentres non haxa un diálogo fluido entre as administracións e as comunidades de montes para a preservación deste legado milenario e irrepetíbel.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa desaparecida GA36045032 (Negros-Cedeira)
Publicado: 9 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cedeira, Comunidade de Montes de Negros, Mámoas, Ruta 2 das mámoas 3 Comentarios
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 32.
Para localizar o lugar deste túmulo, tomamos como referencia a denominada Mámoa do Rei. Dende aquí parte un camiño en dirección norte que atravesa lonxitudinalmente esta chaira onde se atopa o conxunto megalítico.
Ao final da pista de terra chegamos a unha encrucillada na que nos dirixiremos ao leste cara a unha liña de alta tensión. Á altura da primeira torreta, ao outro lado do camiño, estaba localizada esta mámoa, apenas a 10 m de distancia da seguinte mámoa que está ao seu carón, tal como se aprecia na imaxe superior.
Descrición
No momento en que se redacta este artigo, xaneiro de 2011, aínda é perfectamente perceptíbel o lugar en que se atopaba esta mámoa ata hai uns meses.
Podemos apreciar a gran zona circular terrosa, arrodeada de herba, que deixou como marca o arrasamento que sufriu; así o evidencia a circunferencia que forma o perímetro do túmulo.
Esta mámoa estaba catalogada oficialmente co número que aparece no título deste artigo, e de acordo cos datos correspondentes a esa catalogación podemos informar das dimensións que tiña no momento da súa desaparición.
Os seus diámetros eran de 17,20 x 15,25 m respectivamente, unhas dimensións que a achegaban ás grandes mámoas desta montaña. a altura do túmulo conservado apreciábase claramente dende o camiño aínda que só conservase 60 cm de altura no seu lado norte. Ao estar situada nunha zona chá, era claramente perceptíbel.
Na parte central do túmulo contiña o típico furado central no que non se conservaban, aparentemente, chantos pertencentes á cámara funeraria do interior.
Espallados pola a mámoa sobresaían numerosos cachotes pertencentes á coiraza do túmulo, esas capas consecutivas de terra e cachotes de pedra coas que se lle daba firmeza e consistencia ao túmulo que cobre as grandes lousas interiores que forman o dolmen.
Agora mesmo, estes cachotes pertencentes á coiraza están arrombados nun recanto do terreo amoreados de calquera xeito.
Nunha pescuda visual superficial polo interior do espazo que ocupou a mámoa apareceu a flor de terra un machado pulimentado neolítico. Este machado formou parte das ofrendas ou do enxoval que acompañou a algunha das persoas enterradas nesta tumba. Nestas dúas imaxes pode verse o machado no propio lugar de localización. Na imaxe precedente ocupa o primeiro plano da fotografía, coa torreta ao fondo.
Valoración final
Que aparecese un machado íntegro daquela época na superficie da terra que antes pertencería ao fondo da mámoa fainos pensar na cantidade de material neolítico que se puido perder nesta agresión patrimonial. Normalmente estes obxecto de gran valor arqueolóxico e antropolóxico para coñecermos a forma de vida e crenzas que posuían os seres humanos de hai uns seis mil anos, aparecen ao longo do corredor de entrada ao centro da mámoa e no interior do propio dolmen. Toda unha perda que xa é irreversíbel.
De todos os xeitos, aínda se debería realizar unha prospección de urxencia no lugar que ocupaba para poder rescatar calquera outro obxecto ou utensilio que puidese quedar soterrado a maior profundidade. Descoñecemos cal sería o fondo orixinal da mámoa. A rasante actual non ten por que coincidir, coa inicial de cando foi erixida.
Pensemos e tomemos conciencia de que a mámoa que tan iloxicamente foi destruída era más antiga cas as propias pirámides de Exipto. Este templo funerario que agora perdemos de monte Penide foi construído uns dous mil anos antes ca as primeiras pirámides dos faraóns.
Monte Penide ten un conxunto de 35 templos funerarios deste tipo. Se estivesen convenientemente conservados, escavados e postos en valor social como o están as pirámides, deixariamos de mirar univocamente para fóra e valorariamos máis os grandes tesouros que posuímos dentro do no noso concello.
Este é un labor que implica unha toma de responsabilidade real das administracións en colaboración coas comunidades de montes.
Este conxunto tumular do neolítico, e en particular esta mámoa irremediabelmente desaparecida, é patrimonio de todos, non é unha propiedade particular de ninguén.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitardes converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).