Mámoa desaparecida GA36045032 (Negros-Cedeira)

Localización

Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 32.

(Ver en Google Maps)

Para localizar o lugar deste túmulo, tomamos como referencia a denominada Mámoa do Rei. Dende aquí parte un camiño en dirección norte que atravesa lonxitudinalmente esta chaira onde se atopa o conxunto megalítico.

Ao final da pista de terra chegamos a unha encrucillada na que nos dirixiremos ao leste cara a unha liña de alta tensión. Á altura da primeira torreta, ao outro lado do camiño, estaba localizada esta mámoa, apenas a 10 m de distancia da seguinte mámoa que está ao seu carón, tal como se aprecia na imaxe superior.

Descrición

No momento en que se redacta este artigo, xaneiro de 2011, aínda é perfectamente perceptíbel o lugar en que se atopaba esta mámoa ata hai uns meses.

Podemos apreciar a gran zona circular terrosa, arrodeada de herba, que deixou como marca o arrasamento que sufriu; así o evidencia a circunferencia que forma o perímetro do túmulo.

Esta mámoa estaba catalogada oficialmente co número que aparece no título deste artigo, e de acordo cos datos correspondentes a esa catalogación podemos informar das dimensións que tiña no momento da súa desaparición.

Os seus diámetros eran de 17,20 x 15,25 m respectivamente, unhas dimensións que a achegaban ás grandes mámoas desta montaña. a altura do túmulo conservado apreciábase claramente dende o camiño aínda que só conservase 60 cm de altura no seu lado norte. Ao estar situada nunha zona chá, era claramente perceptíbel.

Na parte central do túmulo contiña o típico furado central no que non se conservaban, aparentemente, chantos pertencentes á cámara funeraria do interior.

Espallados pola a mámoa sobresaían numerosos cachotes pertencentes á coiraza do túmulo, esas capas consecutivas de terra e cachotes de pedra coas que se lle daba firmeza e consistencia ao túmulo que cobre as grandes lousas interiores que forman o dolmen.

Agora mesmo, estes cachotes pertencentes á coiraza están arrombados nun recanto do terreo  amoreados de calquera xeito.

Nunha pescuda visual superficial polo interior do espazo que ocupou a mámoa apareceu a flor de terra un machado pulimentado neolítico. Este machado formou parte das ofrendas ou do enxoval que acompañou a algunha das persoas enterradas nesta tumba. Nestas dúas imaxes pode verse o machado no propio lugar de localización. Na imaxe precedente ocupa o primeiro plano da fotografía, coa torreta ao fondo.

Valoración final

Que aparecese un machado íntegro daquela época na superficie da terra que antes pertencería ao fondo da mámoa fainos pensar na cantidade de material neolítico que se puido perder nesta agresión patrimonial. Normalmente estes obxecto de gran valor arqueolóxico e antropolóxico para coñecermos a forma de vida e crenzas que posuían os seres humanos de hai uns seis mil anos, aparecen ao longo do corredor de entrada ao centro da mámoa  e no interior do propio dolmen. Toda unha perda que xa é irreversíbel.  

De todos os xeitos, aínda se debería realizar unha prospección de urxencia no lugar que ocupaba para poder rescatar calquera outro obxecto ou utensilio que puidese quedar soterrado a maior profundidade. Descoñecemos cal sería o fondo orixinal da mámoa. A rasante actual non ten por que coincidir, coa  inicial de cando foi erixida.

Pensemos e tomemos conciencia de que a mámoa que tan iloxicamente foi destruída era más antiga cas as propias pirámides de Exipto. Este templo funerario que agora perdemos de monte Penide foi construído uns dous mil  anos antes ca as primeiras pirámides dos faraóns.

Monte Penide ten un conxunto de 35 templos funerarios deste tipo. Se estivesen convenientemente conservados, escavados e postos en valor social como o están as pirámides, deixariamos de mirar univocamente para fóra e valorariamos máis os grandes tesouros que posuímos dentro do no noso concello.

Este é un labor que implica unha toma de responsabilidade real das administracións en colaboración coas comunidades de montes.

Este conxunto  tumular do neolítico, e en particular esta mámoa irremediabelmente desaparecida, é patrimonio de todos, non é unha propiedade particular de ninguén.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitardes converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


3 Comentarios on “Mámoa desaparecida GA36045032 (Negros-Cedeira)”

  1. Eixón di:

    Hoxe mesmo estivemos no lugar; é arrepiante ver como a situación da antiga mamoa quedou marcado cunha circunferencia no terreo.

    • Xosé Couñago di:

      Moitas grazas Eixón por este interesantísimo artigo. É un pracer poñelo a disposición de todo o mundo para coñecer e sobre todo comprender moito mellor este privilexiado espazo arqueolóxico.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s