Petróglifos da Chan da Cruz GA36045029 (Trasmañó)

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado no extremo  noroeste da penechaira do conxunto tumular da Chan da Cruz, á beira do camiño que conduce á área recreativa da Poza da Lagoa, na parte inferior da aba que descende dende o alto de Penide.

Ten un doado acceso dende a Mámoa do Rei, seguindo pola pista de terra central que percorre o gran conxunto tumular en dirección norte. Ao chegarmos á seguinte encrucillada, tomaremos o camiño da nosa esquerda que conduce á área recreativa.

Descrición

Todo este conxunto de gravados está sobre un gran afloramente rochoso que podemos dicidir en varias partes para unha mellor observación dos diferentes motivos.

Zona 1

É a que está  situada na entrada a este lugar dende o camiño. Atopámola a rentes do chan e vai subindo graduadamente ante nós.

Motivo 1

Dous círculos concentrícos de  30 cm de ancho o exterior, cunha coviña central de 8 cm rodeada por seis coviñas máis de menor tamaño. Estes círculos concéntricos presentan un suco de saída,d escribindo unha curva, de 25 cm de lonxitude, en dirección sur.

Motivo 2

Figura oval de 20 x 13 cm, situada ao carón do motivo anterior, con catro coviñas no seu interior.

Motivo 3

Ao carón do motivo 1, polo norte, constátanse polo menos tres coviñas con algunha figura máis de moi dificil apreciación.

Motivo 4

Ao carón do motivo 1, polo leste, obsérvase unha figura cuadrangular incompleta.

Motivo 5

Situado a 30 centímetro ao sur do motivo 2, aparecen dous círculos concéntricos, incompletos debido á rotura que presenta a laxe, de 20 cm de ancho o exterior. No seu interior vense tres coviñas.

Motivo 6

Máis ao sur, a 50 cm do anterior, atopamos un gravado moi desgastado que está formado por un círculo concétrico, de 30 cm de diámetro, con coviña central aproveitando una pequena protuberancia da rocha, xunto con otras coviñas máis pequenas ao seu redor. Presenta tamén suco de saída duns 20 cm de lonxitude.

Zona 2

A continuación da zona 1, cara ao norte,  a rocha comeza a subir en lixeira pendente.

Neste lugar atopamos polo menos unhas 14 pequenas  cruces gravadas todas xuntas. O tamaño máximo é de 12 cm. Están moi desgastadas e apenas son percetíbeis.

Zona 3

Plano vertical da gran rocha, cara ao leste dos anteriores gravados. A superficie é bastante irregular e dificulta a apreciación dos gravados existentes.

Consta de tres motivos circulares entrelazados .

Motivo 1

Situado na parte esquerda deste panel vertical. Está formado por dous círculos concéntricos con coviña central aproveitando unha pequena protuberancia da pedra.

Motivo 2

Situado a continuación do anterior, no centro dos tres que forman este conxunto. Presenta un círculo irregular atravesado por una diaclasa da propia rocha.

Motivo 3

Situado á dereita do panel.  Está formado por unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central. Presenta suco de saída cara ao norte que remata nunha pequena figura oval.

Motivo 4

Debaixo deo motivo 3 hai unha pequena plataforma horizontal que presenta distintos gravados moi irregulares de difícil valoración. Nons obstante o que se pode apreciar con máis claridade son varias coviñas repartidas por toda ela.

Zona 4

Subida á parte superior da rocha. Pegado ao panel vertival discorre unha lixeira inclinación da rocha que permite o acceso á parte superior.

Ao longo deste paso atopamos tres figuras circulares.

Motivo 1

Na base mesmo desta subida, ao pé da zona 2 das pequenas cruces, atópase con moita dificultade, aproveitando un suave alombamento da superficie, unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. Esta combinación está tan desgastada que xa apenas se pode ver, máis ca cunha luz moi apropiada.

Motivo 2 (foto 1273)

Está situado na parte central desta subida. Aparecen moi desgastados, sobre unha suave protuberancia alombada que forma a rocha,  unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central.

Motivo 3       (foto 1303)

A uns 50 cm a continuación do motivo anterior na subida, aparece unha figura formada por un círculo concéntrico con coviña central.

Zona 5

Parte superior da gran rocha.

Nela aparece un único motivo principal que é a gran cruz gravada na súa superficie. Mide 64 x 64 cm e presenta unha profundidade de rebaixe de 10 cm.

Zona 6

Parte baixa da caída sur da gran rocha. A beira da zona de entrada dende o camiño, atopamos unha figura cruciforme.

A parte superior da figura está formada por un círculo pequeno; a continuación o suco vertival, atravesado por outro horizontal de menor tamaño; e remata na parte inferior cunha forma triangular de vértices non apuntados, senón redondeados.

Zona 7

Na caída leste desta gran rocha atopamos unha pequena plataforma horizontal inserida na propia pedra.

A plataforma esta bordeada por un suco cuadrangular que a envolve. No seu interior hai varias coviñas.

Na parte norte desta pequena plataforma apréciase unha protuberancia que foi aproveitada para gravar ao seu arredor un suco que conecta co que acabamos de describir anteriormente. Sobre a protuberancia obsérvanse tamén varias coviñas.

Estado de conservación

A gran rocha que vemos na actualidade é o que fica do gran conxunto pétreo que descende dende o alto de Penide ata este lugar e que foi completamente esnaquizado polos canteiros para a obtención de pedra.

O seu valor divisorio de parroquias foi o que lle permitiu sobrevivir ata a actualidade.

Non obstante, este conxunto está sufrindo unha importante agresión de desgaste polo paso continuo de motos de montaña e persoas sobre os gravados, principalmente sobre os da zona 1, os máis relevantes e representativos de todo este conxunto.

Outros están sufrindo un desgaste moi acusado polo paso de persoas, que son os da zona 4 de subida á parte superior da rocha. Son tres combinacións de círculos concéntricos dos cada vez menos perceptíbeis.

O conxunto de cruces da zona 2 está case desaparecido tamén debido ao meso motivo ca os anteriores.

De non acometerse unha intervención de acoutamento do paso sobre os gravados, en poucos anos non vai quedar case nada deles.

Tradición oral

Sobre a rocha, como xa quedou dito, está a gran cruz gravada que dá nome a todo este lugar. A súa disposición como antiga división parroquial leva asociada unha lenda que sobrecolle pola súa dimensión e significación.
Nos camiños parroquiais que arrodean este lugar consérvase a tradición das procesións de ánimas, a Compaña. Esta procesión sae nas noites en que morre algunha persoa nunha das parroquias que aquí se delimitaban. Cada parroquia ten a súa Compaña de ánimas. Con cada procesión de almas vai sempre unha persoa viva da propia parroquia, diante da comitiva de espíritos. Contan as historias recollidas que cando vai saír a Compaña, preto da media noite, esa persoa viva érguese da cama (antes a xente deitábase moito máis cedo, recollíase cando se facía de noite) e diríxese, como somnámbula, ata a Chan da Cruz e senta sobre a rocha, ao lado da gran cruz gravada, agardando a que veña a procesión de almas polo camiño da súa parroquia ata ese lugar. En canto chega, levántase e ponse diante da comitiva portando algún dos elementos que tradicionalmente leva consigo (un caldeiro con hisopo, unha cruz…) e van camiñando ata a casa do defunto para recoller a súa alma.
Gravados rupestres vinculados con lendas de procesións de ánimas. Terán algunha relación real na súa significación orixinal, e que a lenda transmite como tradición?

Valoración final

No ano 1929 un grupo de investigadores pertencentes inmorredoira Xeración Nós acudiu a estes lugar atendendo un chamado que os puxo en aviso de que estaba desaparecendo un gran conxunto de gravados rupestres baixo os martelos e ciceis dos canteiros.

Efectivamente, toda esta aba do alto de Penide estaba sendo completamente arrasada polos picapedreiros que só deixaron sen tocar esta gran rocha de divisoria parroquial.

O resultado da súa expedición foi reflectida en dous artigos publicados na Revista Nós nos que se daba conta da desaparición do gran conxunto de gravados que existiu en todo este  lugar.

Mesmo hai debuxos realizados polos membros da expedición nos que se recompoñían anacos de rochas xa rotas para deixar constancia, cando menos, dos gravados que se perderan para sempre.

O que se leva perdido nesta montaña é moito máis ca o que se conserva na actualiade. O que acabamos de dicir sobre a desaparición no ano 1929 da maioría dos gravados desta zona é unha evidencia do que debeu ocorrer nas incontábeis canteiras que hai por toda a montaña.

Isto lévanos a pensar que naquela época do Bronce, toda a montaña debeu ser  un gran complexo rupestre decorado por todos os lugares e recantos.

Unha perda que é extensiva a outros períodos da nosa prehistoria: pensemos que no ano 1978, nos comezos do actual período democrático, había un mapa que inventariaba 58 mámoas na Chan de Penide. Na actualidade só quedan 35, e algunhas delas xa vivindo os seus últimos días.

Este dato lévanos a afirmar que nos últimos trinta anos de democracia perdeuse más patrimonio arqueolóxico do neolítico nesta montaña que nos cinco mil anos anteriores de histoira dende que foron erixidas, contando ademais con todas as medidas de protección que as leis lles outorgan.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

 

 

Advertisements


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s