Información
O monte Mirallo está situado ao suroeste do concello de Redondela, conformado por cinco parroquias: Cedeira, Trasmañó, Negros, Cabeiro e Chapela. É unha montaña alombada que se estende dende o parque forestal do Vixiador ata a Portela en Redondela. Discorre paralela ao val do río Maceiras, polo leste, e á ría de Vigo polo oeste e o norte. Todo o seu cume está percorrido por unha longa penechaira de 1.500 m de lonxitude e 400 m de largo, situada a 390 m de altura e conta cunha máxima altitude central, o Pico de San Vicente (454 m), arrodeada na periferia por outra serie de cotos de menor altura separados da penechaira por valgadas: o castro de Negros, Coto do Corno, Coto Fenteira, Coto da Rola, Coto Formiga. En total son uns 6,5 Km2 que dominan un amplo territorio ao seu redor e ben comunicado a través da dorsal montañosa que se estende ata as terras de Portugal. Dende as súas alturas tense un control completo da ría de Vigo, a enseada de San Simón e o val do río Maceiras, eixe de comunicación por onde discorreu a principal vía romana da costa, a vía XIX, hoxe convertida no Camiño de Santiago. Na actualidade monte Mirallo ten acceso doado dende todas as parroquias que conforman a súa xeografía, mesmo con estradas asfaltadas que o atravesan dun lado a outro da montaña.
Xacementos existentes na actualidade
Do período Neolítico, con máis de seis mil anos de antigüidade, conservabamos 46 mámoas. Durante a redacción deste traballo constatouse a desaparición doutra (no mapa que achegamos aínda aparece marcada co número 32), arrasada inexplicablemente na súa totalidade para a creación dunha explanada; unha máis das numerosas mámoas que levan desaparecido nos últimos anos.
Do período da Idade do Bronce, con máis de catro mil anos de antigüidade, podemos visitar 15 estacións de gravados rupestres, con numerosos petróglifos en cada unha delas. Gravados que iremos coñecendo na súa variedade e riqueza artística entre os poucos que chegaron ata nós debido principalmente á acción dos canteiros.
Correspondente a estes primeiros momentos de ocupación tamén se atoparon tres posíbeis asentamentos ao ar libre. Faltan intervencións e estudos rigorosos que saquen completamente á luz as características e extensión destas aldeas prehistóricas. Por agora só temos restos de útiles domésticos aparecidos casualmente nos labores de remocións de terras para crear campos de fútbol ou zonas de lecer. Isto é indicativo de como estamos indo por detrás e chegando tarde á descuberta das verdadeiras riquezas arqueolóxicas que aínda poden ir aparecendo nesta montaña por métodos completamente agresivos, descontrolados e desapropiados.
Finalmente, a Idade do Ferro, con máis de dous mil anos de antigüidade, está representada polo único asentamento castrexo existente, o castro de Negros, moi deteriorado na actualidade e cada vez sometido a unha maior agresión de todo tipo como veremos neste traballo, mais posuidor dunha riqueza arquitectónica, paisaxística e de historias lendarias que farán del un referente obrigado de conservación e admiración.