Ruta 1 das mámoas de Monte Penide

As mámoas que conforman esta chaira son en total 35.

Decidimos dividir a ruta completa en dúas partes debido a que a páxina web na que van montadas só admite 25 puntos de referencia.

Nesta primeira etapa poderedes visitar 12 mámoas.

Lugar de partida

Esta primeira ruta para coñecer as mámoas de Monte Penide vai dende o campo de fútbol de Cabeiro ata a Mámoa do Rei.

Saímos do campo de fútbol de Cabeiro. Ata o campo de fútbol chégase comodamente subindo por Cabeiro, por Trasmañó, ou mesmo dende o parque forestal do Vixiador.

Dende aquí encamiñámonos ata a mámoa que está sobre o chamado Coto da Arca (referencia toponímica a mámoas). Unha fermosa mámoa que domina unha espléndida vista do val do Maceiras, Cabeiro e Peinador e dende onde comezará o noso percorrido.


A páxina web na que vai montada esta ruta permite descargala nun navegador GPS para que non perdades detalle de localización.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Tamén vos recomendamos a súa visualización en Google Earth dende a propia páxina web. Despregade a referencia da ruta que aparecerá na columna da esquerda da pantalla e premede sobre a opción “path”: faredes un percorrido aéreo sobre a ruta.



Mámoa Coto da Arca GA36045060 (Cabeiro)


Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á Ruta 1 das mámoas de monte Penide. Ocupa o punto nº 2 do itinerario proposto.

Está emprazada nun dos lugares máis fermosos que ten Monte Penide, na parroquia de Cabeiro, nunha atalaia con espléndidas vistas sobre o val do Maceiras e a propia parroquia.

Tamén representa o comezo da chaira, moi preto do campo de fútbol de Cabeiro e un bo lugar para comezar a andaina de visita de todas estas mámoas.

A mámoa está sobre o cumio dun promontorio de grandes dimensións chamado Coto da Arca. Este topónimo fai de seu unha clara referencia a un lugar arqueolóxico vinculado, normalmente, con mámoas (cfr. Chan de Arquiña –O Morrazo-, Pedra da Arca –Malpica-, etc.)

Descrición

É un túmulo de grandes dimensións. Ten un diámetro de case 20 m, o que o converte nun dos máis destacábeis de Monte Penide. A altura, na súa base, rolda o 1,50 m.

A pesar do ben que se observa e recoñece, unha vez que nos achegamos ao lugar decatámonos do alterado que está este túmulo.

A vexetación que hai no seu cumio non permite apreciar a forma xeral da mámoa; ademais, está atravesada por un camiño que non só é de paso a pé, senón habitual tamén de paso de motos de montaña.

Tamén se poden apreciar restos de cachotes da coiraza que van quedando ao descuberto ao redor da mámoa.

Lembremos que esta coiraza de pedras de pequeno tamaño foron depositadas polos seus construtores para dar consistencia ao túmulo e impedir a súa degradación.

Estado de conservación

A alteración que presenta esta mámoa, debida de forma máis particular ás agresións polo paso de motos de montaña ao seu través, obriga a unha inmediata intervención que impida este tránsito.

Debido a isto, estase perdendo a masa tumular a unha gran velocidade. É coma unha serra que pouco a pouco vai abrindo un suca cada vez máis fondo polo centro da mámoa. Pensamos que estas desaforadas escavacións arqueolóxicas deberían seguir outro procedemento máis apropiado.

Por outra parte, toda a perenne maleza que hai no seu cume necesita un desbrozado.

Valoración final

A simple vista, a propia lóxica xa nos indica o que necesita este lugar concreto do Coto da Arca (canto nos transmite a nosa toponimia da relación entre o ser humano e o lugar que habita!) é unha intervención orientada á súa preservación e á súa posta en valor.

Preservación impedindo o paso de motos polo centro da mámoa (doado de conseguir) e, no posíbel, de persoas –a pesar de que vai ser difícil conseguir que non se empregue como miradoiro-.

Posta en valor con indicadores que dean toda a información necesaria para saber o que é, o que representa, o que vale para nós como patrimonio, o coidado que debemos ter na súa presenza, a súa relación co propio topónimo…

Cantos anos máis de desidia deberemos sufrir para que alguén na administración local tome por fin conciencia da necesidade de intervir neste lugar?

Será que son todos tan miopes que non se atreven a subir ata este lugar pola amplitude de miras e vistas que ten?

Máis información

Galería fotográfica sobre esta mámoa.

CÓDIGO DO XACIGO: GA36045060

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045059 (Cabeiro)

Localización

Esta mámoa pertence á Ruta 1. Ocupa o punto nº 3 do itinerario proposto.

Para localizar este túmulo, tomamos como referencia a denominada Coto da Arca. Cara ao norte descende un camiño que nos leva polo medio dos piñeiros. Entre estas árbores, á beira esquerda do camiño (Goolge maps), consonte se descende podedes intentar atopala.

Certamente é difícil porque está completamente cuberta de maleza, mais a protuberancia alombada que observedes daravos a referencia precisa.

Descrición

O túmulo ten unhas medidas de 15 x 15 metros, unha dimensión considerábel se atendemos ao seu deteriorado estado de conservación. O desgaste tumular que presenta fai que apenas sobresaia 90 cm do nivel do chan.

Na parte que linda co camiño, a mámoa está bastante estragada, debido precisamene á súa construción tan próxima ao túmulo.

Presenta un burato central e non se aprecia ningún ortóstato pertencente á cámara nin ao corredor.

Estado de conservación

Completamente abandonado e desleixado. Só se conserva o túmulo de terra. Os chantos foron subtraídos.

Tampouco  hai nada que indique que aquí se atopa unha tumba neolítica de hai tantos milleiros de anos.

Hoxe en día é difícil encontrala debido ao desgaste sufrido polo túmulo.

O peor desta situación é que as xuntas directivas cambiantes da Comunidade de Montes de Cabeiro sexan coñecedoras da localización desta mámoa para evitar a súa destrución durante os traballos forestais que habitualmente se realizan por esta zona.

Valoración final

O normal é que a corporación municipal de Redondela, de quen depende en primeira instancia a conservación do noso patrimonio local, velase pola protección deste túmulo.

Debería estar perfectamente localizado e despexado de toda a maleza que o recobre, así como das árbores que medren encima.

Perodicamente é necesario unha inspección de toda esta ruta da mámoas de Monte Mirallo para comprobar a súa evolución e estado de conservación.

O diálogo permanente coas novas directivas da Comunidade de Montes actualizando e informando sobre o patrimonio que deben protexer facilitaría a súa conservación e mesmo divulgación.

Nest sentido, a creación de roteiros escolares, coas súas correspondentes unidades didácticas, contribuiría a que a mocidade tomase conciencia deste patrimonio.

Máis información

Galería de fotos

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045058 (Cabeiro)

Localización

(Ver en Google Maps)

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.

A súa localización non é moi doada, por estar oculta entre árbores e ter un camiño ao seu carón. Por outra banda, a escasa altura que presenta o túmulo sobre a superficie dificulta tamén a súa identificación.

Tomamos como referencia a estrada que discorre pola chaira do conxunto tumular e as dúas liñas de alta tensión.

Uns 100 m ao sur das liñas eléctricas, a estrada vese atravesada perpendicularmente por un camiño de terra. Tomamos cara ao leste durante uns 50 metros por este camiño e viramos cara ao sur antes de chegar ao seguinte carreiro que aparece ao final. A uns 40 m atopamos esta mámoa no medio dos piñeiros.

 Descrición

As dimensións  diametrais son de 10,50 m e 75 cm de altura.

Trátase dunha mámoa de tamaño pequeno, comparada coa media das mámoas desta chaira que roldan os 15 m de diámetro.

No centro presenta unha abertura cónica que ocupa a metade da súa dimensión total.

A vexetación herbácea que arrodea este túmulo é moi mesta e abundante, o que a mantén completamente cuberta e de difícil visión e identificación.

Por outra parte está situada entre unha plantación de piñeiros realizada hai pouco tempo. Todos eles foron plantados seguindo unha disposición lineal. Foi unha sorte que non lle tocase plantar no centro da mámoa algún deles.

Pódese apreciar claramente como algúns dos piñeiros foron plantados sobre a masa tumular da mámoa, coa realización do correspondente burato  fondo con algún tipo  maquinaria.

As imaxes falan por si mesmas do estado en que se atopa esta tumba neolítica de ao redor do IV milenio antes da nosa era.

Valoración final

A recente plantación de piñeiros sobre a masa tumular pon en evidencia a falta de coñecemento por parte da Comunidade de Montes de Cabeiro da existencia deste mámoa milenaria neste lugar, se non, doutro modo non se entendería que non se gardase un espazo de protección ao redor do túmulo.

Isto manifesta tamén a falta de comunicación existente entre a adminsitración local e as comunidades de montes para buscar conxuntamente as medidas de prevención que eviten as sistemáticas agresións que sofren estes xacigos arqueolóxicos situados en terreos comunais.

Coñecen realmente a directiva da  Comunidade de Montes de Cabeiro a existencia desta mámoa nos terreos en que habitualmente desenvolven traballos forestais? Os buratos para plantar os piñeiros teñen que ser realizados con maquinaria que, á vista da disposición da plantación, provocou algún tipo de agresión sobre este enterramento neolítico, ao pasar sobre el coas súas rodas e as manobras correspondentes.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045057 (Cabeiro)

Localización

(Ver en Google Maps)

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.

Tomamos como referencia a estrada que discorre pola chaira do conxunto tumular e as dúas liñas de alta tensión.

Uns 50 m ao sur das liñas eléctricas, a estrada vese atravesada transversalmente por un camiño de terra. Tomamos cara ao leste durante uns 100 metros por este camiño e viramos cara ao norte no seguinte carreiro que aparece. A uns 30 m atopamos esta mámoa no medio dos piñeiros.

Descrición

Recoñecer esta mámoa é bastante dificultoso na actualidade. Ao igual que denunciabamos a respecto da mámoa GA36045056, estátamén está case completamente destruída; máis aínda ca a anterior.

Podemos recoñecer o túmulo que forma a maleza que hai na súa superficie, bastante inaccesíbel. Mais a masa tumular da mámoa propiamente dita está case desaparecida.

As medidas son, xa que logo, moi imprecisas de determinar, tanto nos seus diámetros coma en altura.

Na actualidade percíbese un gran burato central que ocupa toda a mámoa e moitos de cascallos e refugallos no seu interior.

Na observación realizada, foi moi difícil precisar incluso se se trataría realmente dunha mámoa, xa que a pedra que está asociada a este túmulo máis parece propia dos restos dunha canteira.

Valoración final

A limpeza completa da contorna deste xacigo permitirá discernir con maior claridade se se trata ou non dunha mámoa asói como das dimensións e estado real de conservación deste posíbel tumulo funerario.

É unha mágoa que se conserve no actual estado en que se pode ver. Instamos á Comunidade de Montes de Cabeiro a menter un especial coidado con esta zona e a colaborar na súa conservación. Calquera intervención que se realice neste lugar, sen o debido coidadoe control,  pode causar danos que acaben definitivamente con este probábel xacemento neolítico que a duras penas dá sobrevivido nos últimos anos, logo de máis de cinco mil anos entre nós.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045056 (Cabeiro)

Localización

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.

Tomamos como referencia a estrada asfaltada no encontro coas liñas de alta tensión.

Ao sur das dúas liñas electrificadas, a uns corenta metros miramos cara ao leste. No medio do bosque, uns trinta metros cara ao interior atoparemos esta mámoa.

A primeira identificación que atoparemos é unha das pedras da cámara. O que é o túmulo apenas se percibe entre a maleza e as árbores.

(Ver en Google Maps)

Descrición

Esta mámoa ten unha dimensións diametrais de 14 x 12,50 metros. A altura do túmulo é de 0,40 metros.

Como pode verse, a altura do túmulo é moi pequena. De aí que apenas sobresaia do chan formando unha pequena elevación. Isto é debido a que foi perdendo case toda a súa masa tumular.

Entre a maleza poden dexergarse varias lousas con bastante dificultade.

Dous ortóstatos permanecen en posición horizontal, os demais están tirados polo furado central do túmulo. Este furado ocupa todo o que é a mámoa en si, por iso é difícil de apreciar o túmulo na súa forma e dimensión precisa.

1º Ortóstato, o máis grande e sobresaínte, mide 1,30 m de altura sobre o chan e 1,30 m na zona máis ancha. O grosor é de 20 cm.

2º ortóstato, o segundo en posición horizontal, mide 0,55 m de altura e 0,70 m de ancho. O grosor é de apenas 10 cm.

Un 3º ortóstato mide 0,65 m de longo e 0,50 de largo.

Un 4º ortóstato mide 0,70 m de mongo e 0,50 de largo.

Hai unha quinta pedra que non se pode identificar claramente como un ortóstato, senón máis ben coma un resto de pedra de procedencia imprecisa.

A mámoa está rodeada por escavacións de terra, difíciles de identificar en canto á súa función.

Estado de conservación

Está case destruída, moi estragada polo tempo e acción humana principalmente: toda a mámoa está moi alterada por remocións.

Como acabamos de dicir, a parte central está completamente arrasada e retirada case toda a terra do túmulo.

A maleza e as árbores, principalmente piñeiros, ocupan toda a mámoa.

Valoración final

Esta mámoa necesita unha atención moi urxente, debido ao perigo de inminente de desaparición que sofre.

Calquera nova intervención incontrolada que se realice neste lugar pode ser definitiva. Polo tanto cómpre unha limpeza de toda a contorna e o coidado da Comunidade de Montes de Cabeiro para evitar a súa perda completa.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045055 (Cabeiro)

Localización

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.

Para localizala, partiremos da estrada asfaltada, entre as dúas liñas de alta tensión. Collemos, cara ao leste, por calquera das dúas devasas abertas baixo os cables eléctricos. A uns douscentos metros atopamos un camiño transversal que comunica as dúas devasas. A uns trinta metros da devasa norte, na beira leste do camiño está esta mámoa.

A pesar da abundante vexetación, a elevada protuberancia da mámoa fai sobresaír unha lombeira característica da súa identificación.

(Ver en Google Maps)

Descrición

Esta mámoa ten unha dimensións diametrais de 20,50 x 19,90 metros. A altura do túmulo chega a 1,90 metros.

O tamaño, como pode apreciarse é considerábel, para poder clasificala entra as destacábeis de todo o conxunto.

Presenta unha abundante vexetación e plantacións de piñeiros e outras árbores e abustos sobre o túmulo.

Tamén podemos observar un pequeno cono de espoliación central sen ningún ortóstato que se puidese apreciar a primeira vista.

Estado de conservación

É unha mágoa que unha mámoa destas dimensións esta nas condicións en que se atopa.

Tantas árbores sobre o túmulo están producindo un dano que pode chegar a ser irreparábel e mesmo abocala á súa desaparición. Pensemos nos traballos forestais que haberá que realizar para liberala desta agresión.

No momento actual resulta moi difícil apreciar este exemplar arqueolóxico en toda a súa dimensión. Mesmo se fixeron unhas remocións de terra ao seu carón que afectan a súa configuración orixinal.

Valoración final

É curioso que estando ao lado dunha devasa, todo estea limpo baixo os cables e que en cambio se deixe de lado a limpeza deste importante xacigo arqueolóxico.

Por extensión foron eliminadas todas as árbores que puidesen colidir coa liña de alta tensión, mais non se fixox o mesmo coas árbores que enterran profundamente as súas raíces entre as terras do túmulo.

Estando tan preto a zona que se mantén perodicamente despexada e limpa de cexetación da devasa, nada custaba aproveitar tamén para despexar e limpar esta mámoa de todos estes mesmos elementos de vexetación que tanto dano lle causan, sobre todo considerando que é un monumento arqueolóxico que leva aí dende hai máis de 5.000 anos.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045054 (Cabeiro)

 

Localización

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.

Pódese localizar entre as dúas liñas de alta tensión, moi preto da estrada. Está situada entre piñeiros e unha densa vexetación que impiden completamente a súa visibilidade. A pouca altura do túmulo tamén dificultan a súa inmediata localización.

(Ver en Google Maps)

Descrición

As medidas son de 13,75 x 11,25 metros nos seus diámetros. A altura do túmulo é de aproximadamente 1 metro.

No centro da mámoa hai un cono de espoliación no que sobresae un ortóstato 25 cm sobre o nivel da terra e ten un ancho de 60 cm. Non se aprecian as demais pedras do dolmen.

Sobre a mámoa hai plantados varios piñeiros, un deles de grandes proporcións mesmo a carón da depresión central. O resto do tú,mulo está cuberto dunha densa vexetación.

Estado de conservación

A pesar de encontrarse nun lugar bastante accesíbel, dar con ela non é doado debido ás condicións que acabamos de expoñer.

Os piñeiros que hai sobre o túmulo son o problema máis grave que presenta, xa que a medida que van medrando, a agresión que provocan é maior.

Cortar estes piñeiros leva de seu consigo un traballo forestal bastante agresivo contra a mámoa debido ás grandes dimensións que teñen na actualidade; mais o peor aínda é a raíz que queda dentro do túmulo, que xa non se pode extraer sen danar gravemente a masa de terra que lle dá forma.

Valoración final

Hai un traballo inmediato de intervención das distintas entidades implicadas na conservación deste conxunto patrimonial de primeira categoría en Galicia.

Tanto a corporación municipal coma a Comunidade de Montes de Cabeiro teñen unha importante responsabilidade no coidado e atención que estas construcións milenarias precisan.

Algo que foi construído polos nosos devanceiros hai máis de cinco mil anos, e que son ademais as primeiras construciósn humanas que existen en Galicia, non pode ser destruído en apenas unha xeración na actualidade; sobre todo en momentos nos que, en teoría, debería existir un control democrático e responsábel do noso patrimonio.

Esta é a concienciación na que deben traballar todas as entidades implicadas. De non ser así, poucos anos de vida lle podemos dar a este legado arqueolóxico inmemorial.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045053 (Cabeiro)

Localización

Esta mámoa pertence á Ruta 1 das Mámoas de Monte Penide. Ocupa o punto nº 11 do itinerario proposto.

Podemos falar dunha mámoa illada con respecto á concentración das demais deste conxunto. Encontrámola na marxe dereita da estrada durante o noso itinerario da Ruta 1. Está a uns corenta metros cara ao interior do monte. O punto que nos pode servir como referencia é a liña de alta tensión, xa que se atopa uns cincuenta metros logo de pasar a devasa que se abre por debaixo dos cables. (Ver en Google Maps).

Descrición

A mámoa mide 20,75 x 23,50 metros nos seus diámetros. A altura chega ata 1,75 m.

Todo o túmulo está cuberto de abundante vexetación e árbores como eucaliptos, carballos e piñeiros.

No cono central espoliado só se atopa un ortóstato, os demais desapareceron. Este chanto mide 1,3o m de altura, 1 m de largura e 20 cm de grosor. Este cono central presenta un fondo burato, do que nada se pode precisar debido á abundante vexetación que o cobre.

Estado de conservación

Tal como acabamos de apuntar, o túmulo ten encima eucaliptos, carballos, piñeiros e todo tipo de vexetación.

Isto leva consigo que tanto as raíces, coma os traballos forestais derivados, estraguen cada vez máis esta mámoa.

Valoración final

Aquí intervén tanto a administración local coma a Comunidade de Montes de Cabeiro para restituír e recuperar a contorna da mámoa. Non hai sinalización ningunha que indique onde se sitúa. Mesmo pasa bastante desapercibida como túmulo neolítico para calquera persoa descoñecedora deste ben patrimonial.

As directivas das comunidades de montes son cambiantes, así como as persoas que manexan maquinaria pesada para traballos forestais, en moitos casos todos eles descoñecedores da existencia desta mámoa.

Dende logo, se non se sinaliza no propio lugar, o máis normal é que as persoas que fan traballos forestais non sexan capaces de recoñecela como patrimonio arqueolóxico.

O esperábel sería tamén que a propia Comunidade de Montes, se fose coñecedora da súa existencia e valor, evitase a plantación de árbores sobre o túmulo, ou procedese á súa eliminación e limpeza.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045052-b (Cabeiro)

Localización

Galería de imaxes

Esta mámoa pertence á Ruta 1. Está situada ao lado da mámoa GA36045052. (Ver en Google Maps)

Como non aparece nas catalogacións oficiais, denominámola GA36045052-b, por estar situada contigua á anterior.

É máis difícil de percibir ca a outra, por ser de moito menos tamaño e desaparece da vista en canto se cobre de arbustos e maleza. Non obstante, está situada máis preto da estrada e pode percibirse a protuberancia alombada das vexetación que medra sobre ela.

Descrición

Mide ao redor de 14,50 m de diámetro; a altura que sobresae do chan é de aproximadamente 70 cm.

Conserva o túmulo, con cono de espoliación e non posúe ningunha lousa no seu interior que se poida percibir.

Estado de conservación

Está en pésimas condicións debido principalmente a ser pequena e pasar bastante desapercibida por mor da vexetación que a recobre.

Ao ter un túmulo moito menos sobresaínte, os traballos forestais, así como as raíces e malezas deterioran gravemente a súa cuberta de terra.

Por outra banda, tamén está afectada pola estrada que pasa ao seu carón, resultado do asfaltado do camiño forestal que se creara anteriormente.

Asemade, pódese observar como o túmulo está alterado por un poste de telefonía (como lle sucede á Mámoa do Rei) e unha perforación de sumidoiro, da que se pode apreciar claramente a tampa metálica.

Valoración final

Esta é unha mámoa na que hai que evitar a súa desaparición. Cómpre sacala á luz e destapala da vexetación que está ocultándoa.

Tamén se necesita catalogala e facer unha primeira análise das súas características e estado.

É curioso que estando tan preto da estrada asfaltada, pase tan desapercibida. Ademais forma parte dun conxunto de túmulos próximos á Mámoa do Rei.

Podemos engadir que forma unha curiosa tríade xunto coa Mámoa do Rei e a GA36045052. Esta tríade amosa tres mámoas con características singulares: a Mámoa do Rei é a que presenta os ortóstatos mellor conservados de todo Monte Penide; a GA36045052 é a que conserva un dos túmulos máis grande e cunhas peculiaridades abondo rechamantes, como a de poder pasear polo seu interior atravesándoa dun lado ao outro; e esta GA36045052-b por ser un exemplo de mámoa de reducidas dimensións ao carón das outras dúas, de moito maior tamaño, que nos leva a consideracións e especulacións sobre a funcionalidade que terían as distintas dimensións con que eran construídos estes megálitos funerarios.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045052 (Cabeiro)

Localización

Galería de imaxes

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web. Está moi preto da Mámoa do Rei.

Na mesma man da estrada en que se atopa a Mámoa do Rei, uns cen metros de distancia cara ao sur. É doadamente distinguíbel polas dimensións tan sobresaíntes que aínda conserva.

(Ver en Google Maps).

Descrición

A mámoa 52 é a máis grande de todas as que conforman o conxunto tumular de Monte Penide.

Ten unha dimensións de 27 x 26 metros nos seus diámetros e unha altura que chega ata os 2 metros.
Dito isto, engadamos que se pode atravesar dun extremo ao outro polo seu interior, de norte a sur, debido á unha gran retirada de terra que se efectuou do seu interior. Aínda así, conserva gran parte do túmulo circundante.

No seu interior podemos sentir as dimensións que estas construcións puideron chegar a ter no seu momento. Pensemos que hoxe, despois de máis de cinco mil anos, conservamos unha parte do enorme que puido ser a arquitectura orixinal destes megálitos funerarios recubertos de terra e coiraza pétrea.

No interior conserva dous ortóstatos: un de 1,40 m de ancho, 1,90 de alto e 30 cm de grosor; e outro de 1 m de ancho, 1,20 m alto e 15 cm de grosor.

Estado de conservación

Ata o ano 2014 o túmulo estivo recuberto de maleza e árbores plantadas sobre a cuberta de terra.

A partir da creación nese ano do Museo virtual de monte Penide, promovido pola asociación Alén Nós de Redondela, coa colaboración das comunidades de montes e o financiamento do Concello de Redondela, conseguiuse realizar unha actuación de limpeza e posta en valor de numerosos xacementos desta montala, entre os que se encontra esta mámoa en particular.

Isto permitiu que a maleza e árbores que a recubrían fosen eliminados e agora, por fin, poidamos admirar este monumento na súa forma e dimensións actuais.

Valoración final

As administracións non deberían ter especial dificultade en convencer as comunidades de montes na concienciación de que a posíbel perda económica que lles podería causar o deixar de usar os túmulos das mámoas para realizaren as súas plantacións de piñeiros iría en beneficio da conservación dun patrimonio cultural que leva entre nós máis de cinco mil anos e que temos a responsablidade de perpetualo outros cinco mil anos máis, como mínimo.

Dito doutro xeito, os ridículos beneficios económicos duns cantos piñeiros plantados sobre as mámoas non pode primar sobre o interese común do noso patrimonio, permitindo que se perda un monumento neolítico que ten tantos milleiros de anos.

Pensemos que os dolmens son as primeiras construcións humanas que existen en Galicia. Son as obras de arquitectura máis antigas que temos no noso país. En moitos casos verdadeiras obras de arte e enxeñaría tendo en conta a tecnoloxía que posuían naquel momento.

As pedras que empregaron pesaban varias toneladas. Non tiñan útiles de metal para cortalas e darlles forma; só dispoñían de madeira e outros utensilios de pedra para arrancalas das canteiras. Pensemos no traballo inmenso colectivo que tivo que pasar aquela xente para arrastralas ata os lugares en que se erixiron e o traballoso da súa colocación.

Mais sobre todo pensemos no sentido relixioso que tamén se pode adiviñar destrás destas construcións: os vivos habitaban aldeas, seguramente preto das mámoas, que hoxe non conservamos debido a que estarían construídas con madeira. A esperanza de vida era moi baixa, podemos falar de 40 anos aproximadamente.
A xente construía casas de madeira perecedoiras, que habería que repoñer cada pouco tempo, para unha vida tamén breve e perecedoira; en cambio, para os seus mortos construía moradas realizadas en pedra, imperecedoiras, eternas; e ademais cun traballo inmenso (pensemos na diferenza entre construír vivendas de madeira e “vivendas” funerarias en pedra, que deberon resultar ciclópeas para a tecnoloxía do seu tempo.

Desta exposición podemos inferir que para construír vivendas eternas para os seus mortos, é posíbel que tivesen xa un concepto moi evolucionado da vida despois da vida, como algo eterno tamén. Os achados de elementos rituais en moitas da mámoas galegas corroboran tamén esta visión relixiosa destes túmulos funerarios, como lugares sagrados para os seres humanos do neolítico.

Máis información

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045051 (Cabeiro)

Localización

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web. Ocupa o penúltimo lugar do noso percorrido.

Está situada á beira da estrada, moi preto da Mámoa do Rei, xusto ao outro lado da estrada asfaltada que discorre entre as dúas.

A súa localización é ben doada, a pouco que nos fixemos, malia o deteriorado estado de conservación que presenta.

Descrición

Esta mámoa ten unha medidas de 13,60 x 14,50 metros. A altura actual apenas acada 1 metro.

Presenta un corte importante de masa tumular debido á construción da estrada que pasa ao seu carón. Este corte tamén deformou a configuración orixinal do terreo creando unha ruptura paisaxística na continuidade do conxunto tumular que arrodea a Mámoa do Rei.

No cono central da mámoa obsérvanse súas pedras chantadas que poderían corresponder a ortóstatos do dolmen interno.

Ao redor do túmulo tamén podemos constatar a presenza de varios ortóstatos estrado polo chan, que poden pertencer a esta mámoa ou a outras do seu arredor. De feito, ao outro lado da estrada obsérvanse máis otóstatos tirados entre os piñeiros.

Estado de conservación

Despois do exposto, queda claro que o estado de conservación é calamitoso. Esta mámoa sufriu graves agresións e alteracións que a piques están de facela desaparecer. Hoxe en día é difícil percatarse da súa existencia se non se sabe previamente que se trata dun túmulo neolítico.

Cómpre unha intervención que evite o seu progresivo deterioro e desaparición. Observada dende a parte interior do monte, apréciase con mellor perspectiva o túmulo e os ortóstatos que están ciscados ao seu arredor. Unha limpeza a fondo e unha posta en valor coas apropiadas indicacións espertarían, sen dúbida, a sorpresa das persoas visitantes que na actualidade non contan coa súa presenza, tan preto da Mámoa do Rei como está.

Valoración final

A estrada foi financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra. Paradoxalmente, a administración foi neste caso a principal responsábel da agresión patrimonial que sufriu esta mámoa. Daquela, unha asociación cultural de Redondela, Alén Nós, defensora do noso patrimonio cultural, intentou por activa e por pasiva a paralización das obras e a rehabilitación deste conxunto tumular. A intervención agresora da Deputación foi rápida e contundente. Dun día para outro, toda a pista forestal apareceu asfaltada e os feitos consumados.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa do Rei GA36045050 (Trasmañó)

 

Situación

(Ver en Google Maps)

Está emprazada no principal cruzamento de camiños que hai entre Cabeiro e Trasmañó. Hoxe en día existe unha estrada asfaltada que rodea esta mámoa, feita a finais dos anos noventa. Pódese chegar á Mámoa do Rei perfectamente en coche e aparcar xusto ao seu carón, tanto dende Cedeira, Trasmañó, Cabeiro e o monte do Vixiador en Candeán.

Descrición

Diámetros: N-S: 20.30 m, L-O: 19.20 m

Altura: 1.75 m

Túmulo: cada vez conserva menos masa tumular debido ás continuas agresións que sofre: árbores plantadas, construción dunha estrada ao seu carón, numerosos tobos de coellos, marco de Telefónica. Aínda así, apréciase a estrutura do túmulo en toda a súa dimensión.

Dolmen: conserva 6 ortóstatos. Falta un nun dos laterais. O conxunto conservado na actualidade dános unha dimensión do tamaño que debeu ter antes da súa degradación. Ao redor da mámoa do Rei hai varios chantos tirados, dos que algún deles puido pertencer a este dolmen. Hai persoas maiores que aseguran recordalo aínda co túmulo de terra ata a parte superior das lousas.

Tradicións

 A máis interesante das recollidas fala de que os acompañamentos mortuorios que antes pasaban dun ao outro lado da montaña facían parada diante da mámoa do Rei para rezar responsos pola persoa que levaban no cadaleito. Isto ten un interese especial pola conservación da significación mortuoria deste lugar, a pesar de que con toda probabilidade a xente xa no sabía realmente que as mámoas eran utilizadas seis mil anos atrás para enterrar mortos.

Podedes observar, ademais, que un dos ortóstatos pertencente ao comezo do corredor ten unha cruz inscrita no seu cimo.

Tamén se recolleu a memoria da tradición de ser lugar de parada da mocidade que atravesaba dunha a outra parroquia nos días de festa para parar diante da mámoa do Rei a troulear un pouco.

Outra das mulleres entrevistadas contaba que de pequena subía para esta chaira co gando e lembra a introducirse nalgunhas das mámoas xogando cos cachiños de “azulexos” que había no seu interior e mesmo recordaba ter roto nunha ocasión unha vasilla de barro que estaba enteira.

Estado de conservación

A construción da estrada, a pesar da protesta que xerou no seu momento, deteriorou o túmulo que rodea o dolmen; especialmente a zona de entrada do corredor que conduce ao seu interior. A construción da estrada implicou a realización de fondas gabias pola beira, que non respectaron ningún tipo de distancia con respecto ao túmulo.

Ao estar nun lugar polo que, grazas á oportuna estrada, pasan tantos vehículos a diario, as agresións son constantes: os paneis informativos son obxecto de actos vandálicos; o ortóstato reposto amosa unha ocorrente pintada de alguén con menos intelixencia e coñecemento ca as persoas que o construíron hai milleiros de anos; os coellos teñen tobos furados con entradas e saídas por todas as partes do pouco de túmulo que vai sobrevivindo.

Sobre o túmulo tamén hai un pequeno poste de pedra de Telefónica. O enxeñeiro que deseñou ese trazado foi un deses eméritos licenciados que pasan por unha universidade, pero que a universidade non pasa por eles, e marcan liñas rectas nos planos sen importarlles o que leven por diante.

Valoración final

A Lei de Patrimonio de Galicia, con ser do ano 1995, non impediu que a Deputación provincial de Pontevedra acordase asfaltar a finais dos anos noventa a pista de terra que comunicaba Trasmañó con Cabeiro, a pesar de que no pleno da Deputación había varios representantes da corporación municipal de Redondela. 

Ata agora, podemos asegurar que o desprezo e indiferenza que mostra a corporación ao completo do concello de Redondela por este conxunto arqueolóxico –quizais o máis importante de Galicia- é absoluta.

Non hai vixilancia de ningún tipo. Non hai medidas efectivas de protección –as comunidades de montes son as auténticas propietarias do noso patrimonio, e fan, desfán, constrúen e destrúen segundo o seu propio criterio-.

A única actuación de información e significación que se levou a cabo foi a sinalización do paso do Sendeiro das Greas por diante da mámoa do Rei. Iso permitiu que se fixese unha intervención no dolmen que concluíu na reposición dun chanto caído (nas imaxes podedes ver o antes e o despois). 

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitardes converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Vídeo de Xoán Arco da Vella.