Castro de Negros

Galería de imaxes

Localización

(Ver en Google Maps)

A 335 metros sobre o nivel do mar, érguese esta maxestosa atalaia dominando a vila de Redondela e todo o val do Maceiras coa vía principal de comunicación que discorre aos seus pés: a Vía XIX de construción romana, hoxe en día continuada polo Camiño de Santiago.

Descrición

Este castro, coma a maioría dos asentamentos deste tipo existentes por Galicia, está situado nunha elevación estratéxica e defendida pola propia orografía. Unha elevación con pronunciadas pendentes ao seu arredor que ademais foi cerrada cunha muralla que circunda a parte máis accesíbel dende a montaña.

A coroa ten unhas dimensións aproximadas de 75 m (leste-oeste) x 50 m (norte-sur).

Na zona leste aparecen afloramentos graníticos, tanto no interior do recinto coma no bordo do terraplén que arrodea a coroa por esta parte.

Defensas

As vertentes norte, leste e sur presentan elevados terrapléns naturais que forman unha efectiva barreira natural defensiva.

A vertente occidental, a que mira cara ao monte Mirallo presenta un afloramento rochoso na propia coroa do castro que tamén fai de barreira natural, este afloramento continúase bordeando a zona sur da coroa cunha muralla defensiva de cachotería.

Esta muralla, aínda que evidente, está completamente esborrallada pola actividade forestal tan intensiva que está sufrindo este castro.

A zona occidental exterior á coroa está dominada toda ela por unha terraza natural a xeito de antecastro, onde se encontra tamén a entrada natural ao recinto.

Esta entrada vai bordeando a muralla pola zona sur ata chegar ao cumio da coroa no sueste.

No interior do recinto castrexo, a pesar das graves alteracións que sufriu, aínda son perceptíbeis os restos pétreos dalgunha vivenda.

Todo o interior do recinto permanece ermo e cuberto por herba, maleza e os eucaliptos da zona da muralla.

Nos bordos que arrodean esta atalaia natural podemos apreciar as profundas caídas deste cotarelo.

Antecastro

Cara ao sueste apreciamos entre eucaliptos un socalco anexo ao castro: trátase do antecastro propiamente dito, destinado normalmente aos animais ou labores agrícolas. Rodeando este polo leste e sur tamén existen profundos terrapléns.

Estado de conservación

O camiño polo que ascendemos a esta aldea fortificada é o mesmo que percorreron durante centos de anos os seus moradores, bordeando a súa amurada defensiva. Non obstante, a ruína que contemplamos na actualidade non responde en absoluto á grandeza e beleza deste enclave e da vida que durante séculos se desenvolveu no seu interior.

A muralla está completamente esborrallada, aínda que visíbel, con eucaliptos medrando indiscriminadamente entre as súas pedras. Para máis acelerada perda, na parte final deste camiño de entrada ao recinto foron chantadas hai moi pouco tempo unha serie de mesas de pedra para lecer da xente, e a muralla aberta en canal cunha escavadora para levar unha condución de auga ata o interior do castro, onde se dispuxo unha fonte de auga. A mesma escavadora foi abrindo unha gabia polo interior do castro ata a disposición final da fonte.

Cando chegamos ao cumio e entrada principal do recinto, asómbrannos as dúas torretas alí espetadas: unha correspondente ao control aéreo do aeroporto, que dende a propia vila de Redondela se pode ver cada noite como unha luz vermella sobre este curuto; e unha torre de alta tensión de condución eléctrica.

Camiñando por este recinto un sábese camiñando sobre a nosa historia antiga máis inmediata, aquela da que provimos máis directamente, a que nos transmitiu a nosa forma de ser, de relacionarnos coa terra, os animais e o mundo espiritual da natureza que aínda segue vivo en tantas prácticas animistas existentes nas nosas parroquias.

Lendas e Tradicións

A moura-serpe do castro de Negros

A visita a este castro non pode rematar sen rememorarmos as historias lendarias e mesmo míticas que atopamos en moitos dos nosos asentamentos galaicos.

Os dous castros redondeláns (este de Negros e o do monte da Peneda) conservan dúas fermosas lendas de mouras, esas deidades femininas vinculadas á natureza, reminiscencias probábeis das deusas nai da máis remota antigüidade, gardadoras de grandes tesouros, eses grandes segredos da natureza que ocultan o misterio da súa maior riqueza, unhas veces mineral outras alimentaria.

Aqueles que só pretendan a conquista cobizosa destes tesouros acaban pagando coa súa vida o enfrontamento fallado contra a proba que estas mouras lles impoñen. As mouras son as gardiás dos segredos destes tesouros da natureza para que a cobiza humana se manteña afastada.

Unha fermosa metáfora que se podería aplicar perfectamente na actualidade ao espolio e sobreexplotación que o ser humano causa constantemente na natureza.

A Igrexa da Preta

No castro de Negros, a moura vive dentro da montaña, baixo a aldea castrexa, no interior dunha cavidade chamada a “Igrexa da Preta”. Se antes aludiamos ao carácter de divindade das mouras, a denominación popular de “igrexa” para este lugar é o máis apropiado. A palabra “preta”, en lugar de moura, fai referencia á súa cor, xa que “preta” inda hoxe en portugués significa “negra”.

Nas distintas versións hai referencias a que era a raíña da fortaleza da montaña, que alí facía grandes xantares con cabaleiros que viñan a cabalo para visitala. Noutras versións esta moura sae todas as mañás a recibir o sol nacente (a cavidade está orientada ao leste) e fai rezos e invocacións ao astro solar.

Polas noites sae da cavidade en forma de serpe e sobe ata o curuto do castro. Aquí atopamos varios lugares vinculados coa súa presenza. O máis salientábel é a chamada “Cadeira da Moura” (“Silla da Moura”), unha rocha ao bordo do precipicio que está orientada directamente cara á ría. Nesta “cadeira” ela senta, xa transformada novamente en muller moi fermosa, e, coma todas as mouras, peitea o seu cabelo cun peite de ouro baixo a luarada da noite.

Neste lugar é onde ten os seus encontros cos mozos que a pretenden. Unha das crenzas é que se trata dunha moza enfeitizada entre esta vida e o ultramundo, gardando un gran tesouro, e aquel que sexa capaz de romper o feitizo poderá casar con ela e levar consigo todos os tesouros.

As relacións entre as mouras e os humanos leva sempre consigo a superación dunha proba. Aquí poderiamos falar con seguridade do que son os rituais iniciáticos que se conservan nas tradicións lendarias de todas as culturas, ritos relacionados en moitas ocasións co paso da adolescencia á madurez.

As camas de pedra

Neste caso concreto isto vese con maior claridade. Nunha das versións recollida, fálase da “cama de pedra” que ata hai pouco existiu ao lado da “Cadeira da Moura”. As “camas de pedra” son abundantes por todo o territorio galego e están relacionadas con rituais sexuais, unhas veces de iniciación, outras propiciatorias da procreación, outras dedicadas á curación de enfermidades e mesmo algunhas tamén como adiviñatorias. Neste castro de Negros temos dúas camas.

Cama da Moura

Esta cama de pedra foi esnaquizada case na súa totalidade polos operarios que colocaron a torre de alta tensión. Só se conserva a cabeceira.

A versión lendaria cóntanos que a moura deitábase nesta cama cos mozos que ela desexaba (algo moi semellante ao que se conta, por exemplo, sobre a Orcavella de Fisterra). Mais esta cama foi usada ata a súa desaparición por multitude de parellas que subían a este lugar máxico da natureza para buscar a procreación que en moitas ocasións non se conseguía no leito do fogar. Un rito animista que se practica en incontábeis lugares de Galiza, vinculado neste caso, coma case sempre, a unha deidade da natureza, propiciatoria da fertilidade, quizais un dos segredos que ela garda como moura no ventre da montaña, perdido para sempre.

A Cama dos Nenos

Ao carón da desaparecida “cama de pedra” da moura existe na actualidade unha segunda cama conservada: a “Cama dos Nenos”. Ten un tamaño e unha concavidade que a asemella a un berce de pedra, cunha cunca insculpida na cabeceira. Das diferentes versións recollidas, a coincidencia fundamental é que a esta “cama de pedra” tráense as criaturas para as que non se atopa remedio. Nas noites de lúa chea déitanas nesta pedra para que a luarada da forza coa que move as augas do mundo facendo subir e baixar os mares, reequilibre todos os líquidos internos da crianza, volvendo todo ao seu sitio e propicie a súa curación.

O rito de desencatamento

A relación da nosa moura cos mozos que ata ela se achegan ten sempre un marcado carácter e intención sexual e a proba que eles deben superar expresa todo este significado.

O mozo debe agardar sobre a “cadeira da moura” a media noite a chegada da moura, ao bordo do precipicio. Unha proba só para ser superada polos máis afoutos e valentes. A moura chega ata alí en forma de serpe, reptando polo chan, e porta na boca un caravel vermello. A cor vermella simboliza claramente o sangue. O sangue nos ritos iniciáticos da adolescencia está relacionado coa chegada da menstruación ou coa perda da virxindade; en ambos os casos indicadores simbólicos do paso á madurez.

A moura-serpe, ao que chega á súa “cadeira”, ocupada polo mozo que a agarda, comeza a enroscarse no seu corpo subindo por el arriba, cada vez estruchándoo con máis forza a medida que o vai envolvendo, ata que a cabeza da serpe queda á altura da cabeza do pretendente heroe. Nese momento, a becha abre a súa enorme boca e amosa o caravel que leva entre as súas fauces. O mozo só ten que achegar a súa boca á boca da serpe e tomar do seu interior a flor cos seus beizos. Este é o instante climático, o mozo completamente envolveito e apertado por aquela enorme serpe e sen alento, aquela inmensa boca aberta ante a súa cara, e el só ten que achegar os seus beizos e tomar do seu interior a flor que se lle ofrece. Mais ese é tamén o momento en que o medo supera calquera intento de introducir a súa boca no interior da serpe e arrancar a flor. Prodúcese entón un forcexo por zafarse daquela becha opresora, e na loita que se desenvolve o mozo cae ao precipicio e morre esfragado entre as rochas. Nunha das versións recollidas fálase de dous mozos que apareceron en distintas ocasións mortos pola mañá entre os penedos.

A morte da persoa que non supera a proba á que é sometida é moi corrente nas lendas galegas. No fondo subxace unha intención de selección: só os máis fortes e valorosos están preparados para superar todas as probas que agardan no desenvolvemento madurez; os máis débiles son desbotados e refugados.

Enlazando con este tema de resistir a dureza da vida, que durante séculos e séculos foi sometida a un proceso de selección natural ante as enfermidades, debido á inexistencia de medicamentos tan efectivos coma na actualidade, na que o ser humano debía enfrontarse coa súa propia resistencia ao embate das doenzas, os nenos pequenos foron sempre o elo máis débil da cadea da vida.

Río subterráneo

A auga tamén aparece como elemento noutro elemento fantástico máis recollido nunha visita con persoas da parroquia a este castro na que aseguran que existe un río subterráneo que vai dende o castro, atravesando toda a montaña en dirección á illa de San Simón. Nalgunhas versións cóntase que ten unha saída nunha mina da Portela, noutras versións cóntase que este río subterráneo ten a súa saída diante da punta da praia de Cesante, fronte a illa, nun pozo moi fondo que alí existe no mar, e que o choque das augas deste río subterráneo coas augas do mar provoca os continuos remuíños que se dan nese punto estreito entre a punta da praia e a illa.

Valoración final

Poderiamos pedirlle algo máis a esta xoia da natureza e a historia que temos no noso concello?

Unha cama vinculada coa procreación e outra vinculada coa curación de enfermidades; un río subterráneo que comunica lugares distantes, coma os túneles dos que se fala noutros lugares do concello, coma o Viso. Todo isto sumado á fermosa lenda que acabamos de narrar configuran o maior tesouro que aínda garda celosamente a nosa moura-serpe do castro de Negros.

Historia, paisaxe, lendas, lugares máxicos, ritos animistas… todo xunto formando una unidade que nos transmite unha herdanza de sabedoría e tradicións que están desaparecendo demasiado rápido da nosa forma de vida actual.

A permanencia deste patrimonio cultural, unha vez rota a correa de transmisión dentro das propias familias, só é posíbel mantela a través dun labor de divulgación didáctica.

Esta divulgación pode facerse no propio lugar a través de paneis indicadores y percorridos marcados; e tamén se debe levar aos centros de educación do noso concello a través das correspondentes unidades didácticas, nas que a nosa mocidade se reencontraría coa súa propia historia e lendas de transmisión oral, aprendendo e comprendendo a importancia do que é un patrimonio material e inmaterial que todos temos a obriga de non deixar esmorecer no esquecemento colectivo.

A administración local ten neste cometido unha gran responsabilidade e compromiso para preservar estes lugares tan especiais e importantes na nosa historia, e garantir a súa transmisión ás xeracións vindeiras.

Máis información

Galería de imaxes