Petróglifos da Chan da Cruz GA36045029 (Trasmañó)
Publicado: 6 Maio 2012 Filed under: Chan da Cruz, Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos Deixar un comentario
Localización
Está situado no extremo noroeste da penechaira do conxunto tumular da Chan da Cruz, á beira do camiño que conduce á área recreativa da Poza da Lagoa, na parte inferior da aba que descende dende o alto de Penide.
Ten un doado acceso dende a Mámoa do Rei, seguindo pola pista de terra central que percorre o gran conxunto tumular en dirección norte. Ao chegarmos á seguinte encrucillada, tomaremos o camiño da nosa esquerda que conduce á área recreativa.
Descrición
Todo este conxunto de gravados está sobre un grande afloramento rochoso que podemos dividir en varias partes para unha mellor observación dos diferentes motivos.
Zona 1
É a que está situada na entrada a este lugar dende o camiño. Atopámola a rentes do chan e vai subindo gradualmente ante nós.
Motivo 1
Dous círculos concéntricos de 30 cm de ancho o exterior, cunha coviña central de 8 cm rodeada por seis coviñas máis de menor tamaño. Estes círculos concéntricos presentan un suco de saída,d escribindo unha curva, de 25 cm de lonxitude, en dirección sur.
Motivo 2
Figura oval de 20 x 13 cm, situada ao carón do motivo anterior, con catro coviñas no seu interior.
Motivo 3
Ao carón do motivo 1, polo norte, constátanse polo menos tres coviñas con algunha figura máis de moi dificil apreciación.
Motivo 4
Ao carón do motivo 1, polo leste, obsérvase unha figura cuadrangular incompleta.
Motivo 5
Situado a 30 centímetro ao sur do motivo 2, aparecen dous círculos concéntricos, incompletos debido á rotura que presenta a laxe, de 20 cm de ancho o exterior. No seu interior vense tres coviñas.
Motivo 6
Máis ao sur, a 50 cm do anterior, atopamos un gravado moi desgastado que está formado por un círculo concéntrico, de 30 cm de diámetro, con coviña central aproveitando una pequena protuberancia da rocha, xunto con outras coviñas máis pequenas ao seu redor. Presenta tamén suco de saída duns 20 cm de lonxitude.
Zona 2
A continuación da zona 1, cara ao norte, a rocha comeza a subir en lixeira pendente.
Neste lugar atopamos polo menos unhas 14 pequenas cruces gravadas todas xuntas. O tamaño máximo é de 12 cm. Están moi desgastadas e apenas son perceptíbeis.
Zona 3
Plano vertical da gran rocha, cara ao leste dos anteriores gravados. A superficie é bastante irregular e dificulta a apreciación dos gravados existentes.
Consta de tres motivos circulares entrelazados.
Motivo 1
Situado na parte esquerda deste panel vertical. Está formado por dous círculos concéntricos con coviña central aproveitando unha pequena protuberancia da pedra.
Motivo 2
Situado a continuación do anterior, no centro dos tres que forman este conxunto. Presenta un círculo irregular atravesado por unha diáclase da propia rocha.
Motivo 3
Situado á dereita do panel. Está formado por unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central. Presenta suco de saída cara ao norte que remata nunha pequena figura oval.
Motivo 4
Debaixo do motivo 3 hai unha pequena plataforma horizontal que presenta distintos gravados moi irregulares de difícil valoración. Non obstante o que se pode apreciar con máis claridade son varias coviñas repartidas por toda ela.
Zona 4
Subida á parte superior da rocha. Pegado ao panel vertical discorre unha lixeira inclinación da rocha que permite o acceso á parte superior.
Ao longo deste paso atopamos tres figuras circulares.
Motivo 1
Na base mesmo desta subida, ao pé da zona 2 das pequenas cruces, atópase con moita dificultade, aproveitando un suave alombamento da superficie, unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. Esta combinación está tan desgastada que xa apenas se pode ver, máis ca cunha luz moi apropiada.
Motivo 2 (foto 1273)
Está situado na parte central desta subida. Aparecen moi desgastados, sobre unha suave protuberancia alombada que forma a rocha, unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central.
Motivo 3 (foto 1303)
A uns 50 cm a continuación do motivo anterior na subida, aparece unha figura formada por un círculo concéntrico con coviña central.
Zona 5
Parte superior da gran rocha.
Nela aparece un único motivo principal que é a gran cruz gravada na súa superficie. Mide 64 x 64 cm e presenta unha profundidade de rebaixe de 10 cm.
Zona 6
Parte baixa da caída sur da gran rocha. A beira da zona de entrada dende o camiño, atopamos unha figura cruciforme.
A parte superior da figura está formada por un círculo pequeno; a continuación o suco vertical, atravesado por outro horizontal de menor tamaño; e remata na parte inferior cunha forma triangular de vértices non apuntados, senón redondeados.
Zona 7
Na caída leste desta gran rocha atopamos unha pequena plataforma horizontal inserida na propia pedra.
A plataforma esta bordeada por un suco cuadrangular que a envolve. No seu interior hai varias coviñas.
Na parte norte desta pequena plataforma apréciase unha protuberancia que foi aproveitada para gravar ao seu arredor un suco que conecta co que acabamos de describir anteriormente. Sobre a protuberancia obsérvanse tamén varias coviñas.
Estado de conservación
A gran rocha que vemos na actualidade é o que fica do gran conxunto pétreo que descende dende o alto de Penide ata este lugar e que foi completamente esnaquizado polos canteiros para a obtención de pedra.
O seu valor divisorio de parroquias foi o que lle permitiu sobrevivir ata a actualidade.
Non obstante, este conxunto está sufrindo unha importante agresión de desgaste polo paso continuo de motos de montaña e persoas sobre os gravados, principalmente sobre os da zona 1, os máis relevantes e representativos de todo este conxunto.
Outros están sufrindo un desgaste moi acusado polo paso de persoas, que son os da zona 4 de subida á parte superior da rocha. Son tres combinacións de círculos concéntricos dos cada vez menos perceptíbeis.
O conxunto de cruces da zona 2 está case desaparecido tamén debido ao meso motivo ca os anteriores.
De non acometerse unha intervención de acoutamento do paso sobre os gravados, en poucos anos non vai quedar case nada deles.
Tradición oral
Sobre a rocha, como xa quedou dito, está a gran cruz gravada que dá nome a todo este lugar. A súa disposición como antiga división parroquial leva asociada unha lenda que sobrecolle pola súa dimensión e significación.
Nos camiños parroquiais que arrodean este lugar consérvase a tradición das procesións de ánimas, a Compaña. Esta procesión sae nas noites en que morre algunha persoa nunha das parroquias que aquí se delimitaban. Cada parroquia ten a súa Compaña de ánimas. Con cada procesión de almas vai sempre unha persoa viva da propia parroquia, diante da comitiva de espíritos. Contan as historias recollidas que cando vai saír a Compaña, preto da media noite, esa persoa viva érguese da cama (antes a xente deitábase moito máis cedo, recollíase cando se facía de noite) e diríxese, como somnámbula, ata a Chan da Cruz e senta sobre a rocha, ao lado da gran cruz gravada, agardando a que veña a procesión de almas polo camiño da súa parroquia ata ese lugar. En canto chega, levántase e ponse diante da comitiva portando algún dos elementos que tradicionalmente leva consigo (un caldeiro con hisopo, unha cruz…) e van camiñando ata a casa do defunto para recoller a súa alma.
Gravados rupestres vinculados con lendas de procesións de ánimas. Terán algunha relación real na súa significación orixinal, e que a lenda transmite como tradición?
Valoración final
No ano 1929 un grupo de investigadores pertencentes inmorredoira Xeración Nós acudiu a estes lugar atendendo un chamado que os puxo en aviso de que estaba desaparecendo un gran conxunto de gravados rupestres baixo os martelos e ciceis dos canteiros.
Efectivamente, toda esta aba do alto de Penide estaba sendo completamente arrasada polos picapedreiros que só deixaron sen tocar esta gran rocha de divisoria parroquial.
O resultado da súa expedición foi reflectida en dous artigos publicados na Revista Nós nos que se daba conta da desaparición do gran conxunto de gravados que existiu en todo este lugar.
Mesmo hai debuxos realizados polos membros da expedición nos que se recompoñían anacos de rochas xa rotas para deixar constancia, cando menos, dos gravados que se perderan para sempre.
O que se leva perdido nesta montaña é moito máis ca o que se conserva na actualidade. O que acabamos de dicir sobre a desaparición no ano 1929 da maioría dos gravados desta zona é unha evidencia do que debeu ocorrer nas incontábeis canteiras que hai por toda a montaña.
Isto lévanos a pensar que naquela época do Bronce, toda a montaña debeu ser un gran complexo rupestre decorado por todos os lugares e recantos.
Unha perda que é extensiva a outros períodos da nosa prehistoria: pensemos que no ano 1978, nos comezos do actual período democrático, había un mapa que inventariaba 58 mámoas na Chan de Penide. Na actualidade só quedan 35, e algunhas delas xa vivindo os seus últimos días.
Este dato lévanos a afirmar que nos últimos trinta anos de democracia perdeuse máis patrimonio arqueolóxico do Neolítico nesta montaña que nos cinco mil anos anteriores de historia dende que foron erixidas, contando ademais con todas as medidas de protección que as leis lles outorgan.
Máis información
Petróglifos da Poza da Lagoa I
Publicado: 26 Febreiro 2012 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 40 m máis adiante atopamos á dereita do camiño unhas rochas. Os gravados están espallados por varias delas.
En total este conxunto está formado por cinco rochas. Moitos dos petróglifos que imos describir aquí non son nada doados de ver a simple vista. Agardamos que as fotografías axuden na pescuda dos últimos trazos que permanecen dalgúns deles, antes da súa definitiva desaparición.
Descrición
Rocha 1
É a que está apegada ao camiño, a rentes do chan, cunha superficie lixeiramente alombada. Presenta dous motivos gravados.
Motivo 1
Unha figura cuadrangular de 22 x 18 cm coas esquinas lixeiramente redondeadas. Está situada na parte norte da súa superficie.
Motivo 2
Na zona NO, unha figura formada por dous círculos concéntricos de 33 cm de diámetro. Presenta un pequeno suco de saída de 34 cm de lonxitude. Por dentro da figura circular aparecen un total de 6 coviñas.
Rocha 2
Situada a uns 5 m ao norte da anterior, presenta una superficie lisa, duns 15 cm de altura, cuarteada por traballos de cantería, que se observan nos cortes que presenta. As figuras están case desaparecidas e son apenas perceptíbeis máis ca ao tacto. Baixo esta apreciación detéctase un suco duns 50 cm de lonxitude que ten anexas tres liñas e unha figura ovoide perpendiculares.
Rocha 3
Situada a uns 2,50 m ao NO da rocha nº 1, presenta unha superficie irregular a rentes do chan, moi próxima á rocha 4. Os gravados son apenas perceptíbeis. O que mellor se aprecia é unha coviña dus 8 cm de diámetro. Ao seu arredor apenas se notan ao tacto trazos irregulares que non forman unha figura recoñecíbel.
Rocha 4
Está situada a uns 3 m ao sueste da rocha 3. A superficie é irregular, cunha pequena inclinación cara ao sur. Os petróglifos semellan formar unha unidade de conxunto constituída por tres motivos.
Motivo 1
Un cruciforme de base circular, de 22 x 10 cm.
Motivo 2
Un cruciforme de base triangular, de 20 x 8 cm, rodeado doutros trazos que envolven a súa contorna.
Motivo 3
Un suco duns 20 cm que discorre pola parte inferior do motivo 2, e ao que están unidos os trazos que envolven ese cruciforme. Os remates das puntas deste suco son curvos, e pola parte inferior presenta catro pequenas liñas perpendiculares anexas ao suco principal.
No seu conxunto, inda que poidan semellar figuras antropomorfas, trátase de dous cruciformes. Un deles curiosamente parece formar unidade co motivo 3 a modo de pedestal con elementos decorativos que envolven o cruciforme ao redor.
A súa adscrición ao Bronce xa non sería tan clara, tanto polo trazo dos sucos, bastante máis estreito e de picado en V notoriamente máis recente ca os petróglifos que ten ao seu redor nesta contorna da Poza da Lagoa, de sucos máis anchos, con forma de U aberto e moito máis desgastados polo paso dos anos.
Normalmente estes cruciformes adoitan asociarse a épocas medievais e poderían servir como divisorias parroquiais; de feito, por este lugar pasa a estrema que divide as parroquias de Trasmañó e Cedeira.
Ao carón destas figuras, a 1,5 m ao SO delas, obsérvase tamén con nitidez unha pequena cruz gravada na pedra.
Rocha 5
A uns 10 m ao norte das anteriores, na zona de descenso do terreo, aparece unha laxe plana a flor de terra; no seu lado sur atópase o último dos petróglifos deste grupo I da Poza da Lagoa. Tamén está moi desgastado, polo que a súa percepción resulta bastante dificultosa.
Motivo 1
Círculo de 50 cm de diámetro con coviñas no seu interior.
Motivo 2
Grupo de 5 coviñas espalladas pola contorna do círculo anterior, con diferentes tamaños que oscilan entre os 4 cm e os 8 cm.
Estado de conservación
A degradación natural que están sufrindo estas rochas é moi considerábel. Estamos asistindo aos últimos momentos de posibilidade de visualización dalgúns destes destes gravados.
Erosión natural, acción humana, traballos forestais na zona, toda unha serie de factores que aceleran a desaparición destes petróglifos.
Das cinco rochas descritas, en catro delas apenas se poden apreciar os gravados existentes, xustamente nas catro rochas máis antigas, as que podemos adscribir á epoca da Idade do Bronce, hai uns catro mil anos.
A que mellor se conserva é a que ten gravados cruciformes que se poden situar en épocas máis recentes, quizais ao redor da Idade Media, como sucede noutros casos semellantes.
Valoración final
O conxunto de gravados rupestres de Poza da Lagoa comprende tres grupos diferentes que abranguen esta zona concreta da montaña.
Temos unha ampla representación de motivos que van dende os máis simples, que son as coviñas, presentes en todos os grupos, pasando por figuras circulares simples ata chegar aos máis importantes de monte Penide, que son as representacións de armas, existentes tanto no Grupo II como no Grupo III da Poza da Lagoa. No seu conxunto forman unha das máis emblemáticas e importantes de toda Galiza, e son as únicas existentes no concello de Redondela.
Mais todos estes gravados están nun perigo inminente de desaparición. Tanto no que atinxe a este Grupo I do presente artigo, coma as armas dos outros dous grupos, os sucos estánse esvaecendo a unha velocidade demasiado acelerada. As armas xa é moi dificil de aprecialas durante o día; as mellors imaxes que puidemos conseguir delas foron tomadas de noite baixo luz artificial.
A acción humana pisando continuamente estes gravados acelera a súa desaparición na actualidade. Moitas veces por descoñecemento da súa dimensión e localización concreta, así coma polo emprego de utensilios de remarcado sobre a pedra na procura de velos con maior claridade.
Neste caso estamos ante unha emerxencia arqueolóxica: se non se intervén xa nesta área, en pouco tempo non existirá case nada.
As comunidades de montes de Trasmañó e Cedeira, xunto coas administracións máis directamente implicadas teñen nas súa mans a preservación desta riqueza. Paneis, valados, recomendacións, etc contribuirán a unha acción pedagóxica de toma de conciencia da cidadanía na responsabilidade de conservación do que temos neste momento.
A Poza da Lago é na actualidade unha área de lecer á que se achegan diariamente numerosas familias e grupos de persoas. Unha área construída sobre unha aldea da Idade do Bronce, ao redor da que aínda conservamos varios grupos de gravados rupestres, xunto cunha mámoa que seguramente pode ser anterior. Todo un conxunto cultural que enriquecería aínda máis o aproveitamente de lecer familiar que atrae a tantas persoas a este lugar.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Petróglifos do Coto do Corno I GA36045027 (Cedeira)
Publicado: 31 Xaneiro 2012 Filed under: Comunidade de Montes de Cedeira, Petróglifos, Zona Coto do Corno Deixar un comentario
Localización
Na ladeira leste de Monte Penide, contra o nacente, encontramos este conxunto de gravados situado en dúas rochas diferentes que imos describir a continuación.
Para chegar a eles abonda con seguir unha liña de media tensión que atravesa a montaña, ao norte das dúas liñas de alta tensión que pasan sobre o castro de Negros.
O poste que nos servirá de referencia é no que se bifurcan dúas liñas diferentes: a que continúa en liña recta descendendo cara a Cedeira e a que se desvía cara a Negros.
Ao pé deste poste atopamos os tres motivos rupestres pertencentes aos Petróglifos do Coto do Corno II, e a uns trinta metros cara ao leste están os gravados que nos ocupan neste artigo.
Descrición
Pedra 1
Rocha a rentes do chan con lixeiro alombamento na zona central. Os gravados están repartidos por toda a súa superficie con variados motivos.
Comezaremos a descrición dende o gravadocircular situado máis ao leste e de maior tamaño.
Motivo 1
Combinación de círculos concéntricos. Mide uns 70 cm de diámetro e consta de 7 circunferencias concéntricas, cunha cova central. Ao redor desta cova central poden observarse varias coviñas de menor tamaño. Dende un lateral desta cova central parte unha liña de saída cara ao oeste, percorrendo a parte central da rocha.
Este motivo ocupa unha zona concreta da rocha, caracterizada pola maior pendente do lugar que ocupa e a diaclasa que a separa da figura acaroada a ela.
É curioso observar como esta diaclasa non marca o límite dos círuclos, senón que o máis exterior deles sobrepásaaa un pouco.
Tamén resulta curioso observar como a liña de saída caracteristica de moitas das combinacións ciruclares dos gravados rupestres, non parte da cova central, senón dun lateral desta; unha liña que remata na parte superior da rocha formando unha gran coviña.
Motivo 2
Ao carón do anterior, separada por unha diaclasa da propia rocha, encóntrase outra figura circular formada por un só círculo, con numerosas coviñas no seu interior. Da parte inferior do círculo saen varias liñas rectas curtas que rematan no bordo da rocha. Neste momento apenas é perceptíbel a simple vista, mesmo nesta imaxe que ofrecemos aproveitando todo posíbel a luz rasante solar do amencer, vese con dificultade.
Motivo 3
A carón da liña que sae do gran conxunto circular, atopamos unha figurra oval cunhas once coviñas no seu interior. Do extremo oeste sae unha liña que discorrendo en curva vai rematar tamén noutra coviña de gran tamaño e maior profundidade ca as demais desta rocha.
Esta figura oval está situada na parte máis alombada da pedra.
Motivo 4
O gravado do motivo 3 está conectado con outra figura circular de menor tamaño, con forma de semicírculo e un suco recto cerrándoa diametralmente.
Motivo 5
Rematando esta rocha na súa caída oeste presenta un círculo cunha coviña na súa parte superior.
Pedra 2
Está situada ao carón da pedra 1, na súa zona sur. Ten forma alongada e plana cunha lixeira inclinación superficial e unha posterior caída en desnivel de 50 cm cara ao leste.
Motivo 1
Dous círculos simples acaroados.
Estes círuclos están situados entre dous gravados naviculares.
Estes gravados naviculares están orientados perpendicularmente entre si. Un deles con orientación leste-oeste e o outro con orientación norte-sur.
Ambos os dous naviculares presentan os pequenos rebaixes caracteríticos dos extremos.
En monte Penide existe só outro lugar en que se gravasen estas figuras naviculares, que está no outro lado da montaña, na vertente occidental, no conxunto de gravados da Porteliña.
Non se pode descartar que na montaña houbese máis, porque case todos os lugares con rochas foron traballados polos canteiros para a extracción de pedra. De feito os 15 xacigos de petróglifos que conservamos na actualidade son unha parte pequena de todo o que exisitiu e se perdeu.
Motivo 2
Figura dun cervo. Adiviñar un cervo na seguinte imaxe é bastante dicicultoso, mais así é como mellor se puido captar durante o día despois de numerosos intentos a diferentes horas.
Trátase do único gravado animal do que temos constancia en monte Penide. Hay evidencias testemuñais da posíbel existencia doutro cérvido no lugar da Porteliña, un pouco máis abaixo da laxe de gravados que se coñece na actualidade. A densa vexetación existente decote impediría a súa observación e constatación na actualidade.
É de trazado bastante esquemático, coma en moitos destes motivos dos nosos petróglifos galaicos.
Está formado por dúas liñas paralelas que van marcando a contorna da súa silueta dende as patas traseiras ata pechárense xuntas na cabeza.
Sobre a cabeza elévanse dúas cornamentas de gran tamaño en proporción ao corpo, con algunhas ramificacións nos extremos.
Asociado a este cérvido, separado uns 50 cm ao sur deste gravado, atopamos un círculo simple. Está situado á altura da cabeza do cervo, fronte a el.
Este tipo de asociación atopámola moi semellante á que existe no veciño concello de Vigo, no Petróglifo das Millaradas en Matamá (Vigo).
Estado de conservación
O desgaste destas dúas rochas é moi considerábel. As figuras cada vez percíbense con maior dificultade.
Estamos asistindo aos últimos momentos de existencia dalgúns destes gravados.
A abrasión producida por elementos atmosféricos como a chuvia ácida, a acción do lume en anos anteriores, os liques, a acción humana camiñando sobre eles ou empregando utensilios de marcado agresivos co trazo dos gravados; todo isto sumado fai que estes petróglifos estean desaparecendo a unha velocidade cada vez máis acelerada.
Valoración final
Estamos ante o grupo de gravados máis importante da vertente nacente da montaña.
Son os restos conservados dunha pedreira que os canteiros fixeron neste lugar de Coto do Corno, agredidos posteriormente pola colocación de torres de alta tensión.
Estamos a tempo de conservar en mellores condicións o pouco e valioso que nos queda.
Noutros lugares como Tourón, o entendemento entre as adminsitracións e a comunidade de montes conseguiu que hoxe sexa un referente en Galiza para a conservación de espazos naturais e arqueolóxicos.
É incomprensíbel que sendo monte Penide un dos máis importantes referentes arqueolóxicos de Galiza, sen punto de comparación polas súas características con outros que si foron máis atendidos, se atope en tal estado de avandono e desleixo por parte das distintas entidades (políticas e sociais) implicadas e corresponsábeis na súa conservación e posta en valor.
Non se entende a falta de compromiso das propias comunidades de montes destas parroquias na preservación adecuada de todo este patrimonio que está situado nos seus ámbitos de actuación e intervención, tal como están facendo outras comunidades doutros concellos.
Non se entende a estas alturas a falta de entendemento tan grave e lesiva para o patrimonio colectivo de todos os redondelán entre a administración local e as comunidades de montes, cando entre todos podiamos facer de Redondela un referente único en toda Galiza, pola paisaxe única que se domina dende monte Penide, con toda a ría de Vigo aos nosos pés, as panorámicas sobre a vila e todo o val do Maceiras. O paseo por todos os momentos máis importantes da nosa prehistoria (Neolítoco, Idade do Bronce e Idade do Ferro) reunidos nun mesmo lugar, fácil de acceder e transitar. Non hai outro lugar en toda Galiza que reúna estas características paisaxísticas e históricas tan destacadas.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Petróglifos do Coto do Corno II GA36045028 (Cedeira)
Publicado: 2 Novembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cedeira, Petróglifos, Zona Coto do Corno Deixar un comentario
Localización
Na ladeira leste de Monte Penide, contra o nacente, encontramos este rico conxunto de gravados que imos describir a continuación.
Para chegar a eles abonda con seguir unha liña de media tensión que atravesa a montaña, ao norte das dúas liñas de alta tensión que pasan sobre o castro de Negros.
O poste que nos servirá de referencia é no que se bifurcan dúas liñas diferentes: a que continúa en liña recta cara a Cedeira e a que se desvía cara a Negros.
Ao pé deste poste atopamos os tres motivos rupestres pertencentes a esta catalogación e a uns vinte metros cara ao leste están o resto dos gravados.
Descrición
Pedra 1
Está situada ao pé da torre electrica, xa partida polos canteiros, coserva unha forma cuadrangular, plana, e sobresae uns 50 cm sobre o solo. Nela atopamos tres gravados.
Gravado 1
Presenta dous círculos concéntricos, cun diámetro de 29 cm. No centro dos círculos hai 9 coviñas. O círculo interior prolóngase cara ao exterior cun trazo lonxitudinal que chega ao borda da rocha, en dirección sur.
Gravado 2
Atópase a uns 34 cm dos círculos, cara ao norte. Está constituído por 7 coviñas que forman un círculo, cun diámetro de 15 cm.
Gravado 3
Está situado a uns 60 cm cara ao norte do anteior. Consiste nunha coviña duns 13 cm de diámetro.
Pedra 2
Está situada a uns 2 m da anteri0r pedra cara ao norte. Vemos unha rocha sobresaínte, redondeada e partida, que presenta o gravado na súa parte superior.
É unha figura irregular formada por trazos pseudoovais fechados de distintos tamaños. No seu interior hai varios gupos de coviñas. Destas figuras saen outros trazos en distintas direccións, que se van bifurcando pola rocha.
Pedra 3
Localízase ao lado da anterior, en dirección norte. Ten forma prominente sobre o chan, coma a anterior e presenta os gravados na súa parte superior.
Pódense observar dous círculos concéntricos, duns 45 cm de diámetro, con multitude de coviñas no interior de ambos os círculos. A figura está incompleta debido aos traballos de cantería que se desenvolveron nesta zona.
Estado de conservación
Os traballos de cantería alteraron moito toda esta zona. A maleza é abundante e invade as pedras gravadas.
Por outra parte a m oderna instalación da torre de media tensión xusto ao seu lado provocou numeroso cascallo ao redor das rochas gravadas que alteran tamén a propia zona.
Non hai información ningunha no lugar sobre a presenza destes gravados.
Valoración final
Monte Penide está sufrindo e padecendo nos últimos anos unha agresiva presión sobre toda a montaña: a invasión cada vez máis numerosa de edificacións, nunha evolución vertixinosa dende hai máis de corenta naos; a construción de vieiros, camiños, pistas, estradas asfaltadas, sen control suficiente nin ordenación ningunha; a condución de servizos como a telefonía e a electricidade, abrindo gavias sen control (a Mámoa do Rei prsenta un poste da compañía de telefonos sobre o seu túmulo), abrindo devasas baixo os cableados de alta e media tensión (arrasando as mámoas que caeron no seu paso); chantando postes e torretas sen control ningún sobre os xacementos ou moi preto deles (coma neste caso) lévanos a temer que estamos asistindo ao final dun patrimonio que se conservou con poucas alteracións durante os últimos milleiros de anos.
Podemos asegurar sen temor a trabucarnos que se leva destruído máis patrimonio en Monte Penide durante os poucos anos de democracia na que vivimos que nos cinco mil anos anteriores.
Hoxe en día, que é cando máis protección legal existe sobre a nosa arqueoloxía, é cando máis xacementos son agredidos e desaparecen. Administracións e comunidades de montes son as máis directamente implicadas na responsabilidade de conservar todo este patrimonio e dalo a coñecer adecuadamente á cidadanía.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Pétroglifos Poza da Lagoa II GA26045019 (Trasmañó)
Publicado: 14 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación collemos inmediatamente de novo á dereita, na propia encrucillada, descendendo cara a unha laxes planas que atopamos inmediatamente.
Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.
Descrición
Este conxunto etá formado por tres rochas que a continuación describiremos detalladamente.
Rocha 1
É a primeira que atopamos no noso descenso.
Conxunto 1
Presenta unha gran circunferencia de 2,60 m de diámetro. Dende o seu interior, en dirección leste-oeste, discorren dúas liñas case paralelas que saen do circo pola parte oeste. O tipo de suco que trazan estas figuras, máis estreito e anguloso, fai pensar que posibelmente sexan de realización moito máis moderna ca os gravados que atoparemos a continuación.
Conxunto 2
No seguinte treito desta rocha, fixándonos na súa zona norte, veremos unha espada ou puñal incompleto; o gravado só conserva a súa folla. Ten uns 37 cm de lonxitude.
A continuación vemos outra espada ou puñal completo, con empuñadura. Mide en total uns 60 cm de lonxitude e 17 cm de largo.
A carón da folla desta arma podemos ver unha coviña duns 6 cm de diámetro.
As armas forman entre si un ángulo de case 90º.
Entre estas dúas armas, na parte central da laxe, podemos atopar outra coviña de forma ovalada, cunhas dimensión de 9 x 7 cm.
Estas dúas figuras están en moi mal estado de conservación e apenas se dexergan na pedra se non temos unha luz apropiada.
Rocha 2
A separación natural que presenta esta ocha con respecto ás outras dúas que a arrodean está formada por cadansúa diaclasa nas estremas.
No noso percorrido de descenso polas laxes, ao chegarmos a esta, atoparemos o primeiro motivo á nosa esquerda, en dirección sur. Trátase de oito coviñas dispostas en dúas fileiras de tres coviñas e outra fileira de dúas coviñas na parte superior.
A parte central da rocha presenta diferentes liñas de formas irregulares de difícil comprensión. Unha destas liñas está conectada a unha coviña central de forma ovalada de 9 x 7 cm. Estas liñas irregulares, con formas rectas e curvas, conservan un trazo máis visíbel ca os das rochas adxacentes.
Entre este conxunto de liñas irregulares hai dous motivos que se poden identificar, pola súa forma, como posíbeis alabardas.
Unha delas presenta un mango completo de 66 cm, rematando nunha cabeza de alabarda de 20 cm de longo e 10 cm de largo. O enmangue non describe unha liña recta, senón que presenta unha pequena creba na parte central.
A outra alabarda está conectada coa primeira: o seu posíbel enmangue semella saír da punta da anterior alabarda, cuns 37 cm de lonxitude e rematar nunha cabeza de alabarda de 24 cm e longo e 10 cm de largo.
Rocha 3
No final deste percorrido, chegamos a unha laxe na que se atopan os motivos máis salientábeis de todo este conxunto da Poza da Lagoa. Trátase dun grupo de armas que, xunto cos da Auga da Laxe en Gondomar, son dos máis representativos da zona sur de Pontevedra.
O primeiro que topamos no noso percorrido, na zona leste da rocha, son dúas coviñas de 4 e 7 cm respectivamente.
A continuación unha espada ou puñal con empuñadura. Ten unha lonxitude total de 50 cm e 24 cm de ancho de folla. Ao carón da empuñadura hai unha coviña asociada a pequenos sucos sen identificación precisa.
Perpendicular a esta arma hai outro puñal máis pequeno, tamén con empuñadura.
A ambos os lados deste puñal vemos dúas alabardas, das tres que forman o conxunto.
A alabarda situada pola banda do norte do puñal ten un enmangue de 74 cm que aproveita unha fendedura natural da pedra. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 18 de largo.
A alabarda situada pola banda sur do pequeno puñal ten un enmangue de 64 cm e unha cabeza triangular de 22 cm de longo e 17 cm de largo. Case apegada á cabeza desta alabarda obsérvase outra forma triangular incompleta de 20 cm de longo e 17 cm de largo.
Entre estas dúas alabardas hai varios sucos de difícil identificación, sobre todo tendo en conta o acusado desgaste que presentan os gravados da laxe.
A terceira alabarda, situada pola banda sur desta última, ten un enmangue algo máis curto, de 42 cm de lonxitude. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 16 cm de largo. Asociada á parte superior desta alabarda hai unha figura que parece continuación e que ten unha forma máis oval, de 25 cm de longo e 12 de largo.
Valoración final
O estado de conservación desta última rocha, e a principal de todo o conxunto, é deplorábel, e apenas se poden percibir os gravados de armas. O desgaste que sofren é moi importante. Para dificultar aínda máis a súa observación, a vexetación que medra ao seu arredor impide a entrada de luz apropiada ao atardecer, que é o mellor momento para observalos.
Aquí é moi necesario un entendemento apropiado entre a administración local e a Comunidade de Montes de Trasmañó para conservar estes gravados e facilitar a súa visita.
Non se entende que sendo estes os motivos rupestres máis representativos de monte Penide non haxa ningún tipo de posta en valor social: non existe nin sinalización para chegar a eles, nin coidado da contorna (os labores forestais realizados neste mesmo lugar foron denunciados publicamente por diversos colectivos debido á falta de protección que sufriron durante as intervencións), nin carteis que os identifiquen e informen das súas características e, naturalmete, o correspondente valado de protección coas indicacións necesarias para non estragar coas nosas pisadas ou intentos de redebuxado os gravados que tan infrutuosamente se conservan na actualidade.
Esta situación é aínda máis rechamante se pensamos que están situados nunha área de lecer á que acoden moitas persoas cada fin de semana.
Entendámolo ben: a Poza da Lagoa en todo o seu conxunto está situada nunha área de habitación haumana que pode remontarse quizais a hai máis de cinco mil anos de antigüidade.
Nesta área recreativa atópase unha mámoa, mais outra nas proximidades, posibelmente da época neolítica (entre 5.000-6.000 anos de antigüidade). En toda a zona por onde se creou o espazo de lecer atopáronse restos de útiles domésticos da Idade do Bronce – Calcolítico, o que nos indica que aquí houbo unha poboación asentada, coas súas vivendas, etc, que nos sitúa hai uns 3.000-4.000 anos de antigüidade. Esta poboaciaón foi tamén a que realizou os gravados rupestres que existen espallados por toda esta área recreativa e arredores.
Como é posíbel que as persoas visitantes deste parque forestal non sexan informados de que están camiñando sobre a propia historia, que están facendo os seus xantares e movéndose por un lugar no que existiu unha aldea hai tantos milleiros de anos, que aínda conserva tumbas e gravados rupestres tan fermosos e importantes daquelas épocas tan temperás da nosa historia?
Podemos subir a pasar un día de lecer e de paso levar para a nosa casa unha gran lección de historia, vivida no propio lugar en que se desenvolveron os nosos devanceiros, comprendendo moito mellor a paisaxe e o territorio que habitaron, a súa forma de vida, a súa arte gravada nas pedras e a súa espiritualidade manifestada na forma tan especial que tiveron de enterrar e perpetuar a vida eterna dos seus mortos.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Pétroglifos Poza da Lagoa III GA26045020 (Trasmañó)
Publicado: 13 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación, a uns 50 m de distancia collemos inmediatamente de novo á dereita e atoparemos á beira do camiño unha laxe de forma alongada e alombada, duns 10 m de longo e 50 cm de altura.
Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.
Descrición
Neste 3ª conxunto de gravados da Poza da Lagoa só nos constaba a catalogación dun petróglifo formado por un círuculo de coviñas. As pescudas nocturnas con luz artificial, así como as que mellor aproveitaron a luz solar do nacente e do poñente, ao longo de carias visitas, permitiron localizar varios gravados máis que a continuación detallaremos.
Figura 1. Círculo de coviñas.
Está situada a 3 m de distancia ao sur da rocha principal, a rentes do chan, normalmente oculta pola maleza e liques que a recobren.
Está conformado por 13 coviñas dispostas en círculo. 10 delas no perímetro exterior e as outras tres no interior.
O diámetro total é de 20 cm e as coviñas teñen un diámetro aproximado de 3 cm cada unha.
Figura 2. Dúas espadas curtas.
Están situadas na parte superior central da rocha principal. Para localizalas abonda con nos fixarmos na diaclasa central que percorre a rocha en toda a súa lonxitude. Os gravados das dúas espadas localízanse unha a cada lado desta fenda, moi próximas unha da outra.
Espada curta 1: a súa punta mira cara ao norte. Conta con folla e empuñadura. As súas dimensións son de 25 cm de longo e 10 cm de largo.
Espada curta 2: a súa punta mira cara ao sur. Conta con folla e empuñadura. As súas dimensións son iguais ás da espada 1.
Resulta curiosa a disposición das súas figuras, cada unha a un lado da diaclasa, apuntado en direccións opostas e, aínda que están desprazadas unha respecto da outra, as súas puntas coinciden case á mesma altura.
Zona sur da rocha
A diaclasa central que percorre lonxitudinalmente o lombo desta rocha etá cortada perpendicularmente na súa zona sur por outra diaclasa. Esta fenda delimita unha nova zona na que atopamos tres figuras.
Figura 3. Círculo.
Na parte central desta zona sur da rocha atopamos un círulo concéntrico con coviña central.
Figura 4. Coviña.
Na parte leste desta zona da rocha, moi próxima ao bordo, existe unha gran coviña que ten uns 12 cm de diaámetro e 6 cm de fondo.
Figura 5. Forma indeterminada.
Apegada á diaclasa, na súa parte central atopamos unha serie de gravados con forma indeterminada. A feitura dos sucos permítenos poder incluílos como gravados artificiais, non naturais.
Valoración final
Este conxunto de gravados está preto, a uns 18 metros ao sur, do conxunto denominado Poza da Lagoa II, onde tamén se rexistran numerosas armas.
A conexión temática de ámbalas dúas é moi directa, polo que agardamos que nun futuro se poñan en relación ambos grupos de petróglifos. Ete que acabamos de ver engade, ademais, o fermoso círculo de coviñas tan ben conservado baixo a capa de terra e lique que o cobre habitualmente.
Curiosamente, na rocha II do conxunto Poza da Lagoa II, tamén hai un grupo de 11 cazoletas, mais desta vez formando unha figura cuadrangular, moi mal conservada, nun avanzado estado de desgaste.
Engadindo estas duas espadas curtas que acabamos de describir, temos un conxunto global de diferentes representacións de armas, con diferentes tamaños, que van dende os puñais, as espadas curtas, ata outras de maior lonxitude e largura.
A mágoa é, coma sempre, o abandono e descoñecemento destes gravados. Agardamos que a partir de agora a Comunidade de mOntes de Trasmañó, así como a corporación municipal, vaian contando con maior información sobre o formidábel patrimonio que teñen nas súas mans e poñan todo da súa parte para preservalo e difundilo adecuadamente.
Indicadores, paneis informativos cos debuxos e fotografías correspondentes que eviten que a xente rañe nas pedras pola súa conta con calquera tipo de obxecto agresor para os gravados, valado protector ao redor das rochas e unha limpeza e coidado da contorna, contribuírán a unha posta en valor tanto educativa como social que tan necesaria é nunha zona, ademais, moi frecuentada por persoas e familias que se achegan ata a área recreativa da Poza da Lagoa.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Petróglifo da Porteliña II GA36045025 (Trasmañó)
Publicado: 23 Agosto 2008 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos Deixar un comentarioLocalización
Chegamos a el collendo a entrada á área recreativa da Poza da Lagoa, dende Trasmañó. Conforme se colle a pista que leva a ela, está na ladeira que sobe á nosa dereita. Hai un carreiro que sobe xusto ata os gravados, que están nunha gran laxe a rentes do chan. As vistas sobre a ría son excepcionais, sobre todo na hora do solpor.
Descrición
O deterioro progresivo e acelerado que se produciu nestes gravados en moi poucos anos fai que a descrición actual non teña nada que ver coa que coñecemos hai apenas quince anos.
Atopamos unha laxe plana, a rentes do chan, con gravados distribuídos por gran parte da súa superficie.
No croquis que podemos ofrecer na actualidade, elaborado tras un estudo completo e catalogación dos xacigos arqueolóxicos desta montaña, realizada en 1997 por Santiago Vázquez Collazo, xa non aparecen algunha formas visíbeis anos antes.
Aínda así, destacan especialmente o gran número de cazoletas agrupadas por diferentes lugares (1, 2, 3, 5, 8, 10, 12, 13) ou asociadas a formas circulares (7, 9, 11, 14, 15, 16, 17). As cozoletas son de moi diferentes tamaños, dende moi pequenas ata algunhas de relevante profundidade e diámetro (entre 9 e 12 cm). Aquí podemos engadir que nalgúns casos hai cazoletas grandes rodeadas de cazoletas pequenas (10, 12, 13)
Tamén salientan os grupos circulares (9, 11, 14, 16, 17), case todos cun só trazado e só un gravado ten dous círculos concéntricos. Os tamaños oscilan entre os 11 cm (16), 23 cm (11, 17), 34 cm (14) e os 58 cm (9) de diámetro de cada un deles.
Outro dos elementos a destacar son os dous gravados naviculares. Habituais noutros moitos lugares, en Monte Penido só existen aquí estes dous e outros dous en Coto do Corno, na outra ladeira da montaña, sobre o val do Maceiras. Alí tamén están vinculados a un numeroso grupo de gravados circulares e cazoletas, así como un cervo.
Estado de conservación
O deterioro é patente a nada que observemos os gravados. A pedra estase descompoñendo a unha velocidade moi rápida. A superficie esfarélase e os sucos actuais case están desaparecidos e de moi difícil apreciación nalgúns casos.
Valoración final
A Porteliña está vinculada á Poza da Lagoa. Toda esta ladeira estaba chea de laxes que desapareceron baixo as picas dos picapedreiros. Só se conservou esta laxe completa. Hai un petróglifo máis na parte baixa desta aba formado por coviñas. Abaixo de todo, ao lado da pista, hai un novo vieiro asfaltado que vai cara a un restaurante. Á entrada dese vieiro agora asfaltado había dous gravados de círculos concéntricos que desapareceron recentemente baixo o cemento. Solicitouse permiso municipal para cementar máis dun cento de metros de camiño? E se así foi, coidou a corporación municipal –non só é responsabilidade do goberno- que eses gravados non fosen sepultados?
Podemos afirmar rotundamente que a corporación municipal de Redondela non controla nada do que suceda con todo este patrimonio arqueolóxico: nin asfaltados, nin desbrozamentos, nin uso de maquinaria pesada no monte, nin construción de tendidos eléctricos ou telefónicos, nin repoboacións forestais… nin nada de nada de nada.
Desapareceu máis patrimonio arqueolóxico nos poucos anos que levamos de democracia ca nos últimos cinco mil anos. Non será que levan dende sempre as mesmas persoas apoltronadas na corporación coa mesma incompetencia, inoperancia e falta de ideas ano tras ano para solucionar este gran problema?
Con respecto á preservación destes gravados, hai xa moitos anos que os arqueólogos levan propoñendo medidas de protección contra a erosión das propias laxes, sobre todo na actualidade, coa chuvia ácida, da que Galicia é ademais unha especial prexudicada.
Se non se toman medidas apropiadas que defendan os gravados da erosión natural, en poucos anos non serán recoñecíbeis a maioría dos gravados que observamos na actualidade.
Isto pódese ver dun xeito aínda máis alarmante nos únicos gravados de armas que temos en Redondela, que están na Poza da lagoa. Atopar hoxe unha alabarda é unha tarefa case reservada ás persoas
avezadas e que coñecen esta rocha dende hai moitos anos.
Máis información
Galería fotográfica: Angel de Prado.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).