Mámoa inédita 2 das Pedras do Picos (Cabeiro – O Vixiador)

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa foi localizada polos membros da Comunidade Montes de Cabeiro e dada a coñecer nunha xornada pola montaña de identificación dos xacementos arqueolóxicos pertencentes a esta parroquia.

É apenas recoñecíbel dende o camiño principal que discorre preto da mámoa, e só achegándose a ela e percibindo o cono central se fai recoñecíbel como tal.

Está preto dotra das mámoas inéditas atopada tamén por esta comunidade de montes, a que denominamos provisionalmente pola zona na que se sitúa, a Mámoa  1 das Pedras do Picos.

Descrición

Presenta unha dimensión de 15 metros de diámetro. A altura actual do túmulo chega a 1,10 m no lado leste e descende ata os 40 cm no lado oeste.

Polo seu lateral norte discorre un camiño que alterou o túmulo provocando un corte vertical na mámoa.

Sobre a masa tumular hay 13 árbores entre piñeiros e castiñeiros de repoboación.

No centro da mámoa identifícase o típico cono de espoliación. NO seu interior aparecen a simple vista dous chantos da cámara.

Chanto 1: no lado norte do cono está case completamente enterrado. Ten un grosor de 23 cm e unha largura de 62 cm.

Chanto 2: posibelmente pertencente ao comezo do corredor, no lado norte. Está case completamente soterrado e ten 18 cm de grosor e 28 cm de largura.

Estado de conservación

A conservación desta mámoa corre un serio perigo debido ao descoñecemento da súa existencia. A numerosa cantidade de árbores existentes sobre o túmulo evidencia a continua agresión que veu sufrindo ao longo destes anos por mor dos traballos forestais. Por outra banda, o camiño aberto ao seu carón tamén deteriora o túmulo por estar o vieiro a un nivel máis baixo ca a mámoa.

As árbores plantadas por todo o túmulo son neste momento o principal motivo de preocupación de cara á súa conservación. As raíces que invaden o subsolo, xunto cos traballos forestais que leva consigo esta plantación porden acabar difinitivamente coa existencia deste exemplar inédito no noso concello.

Valoración final

Esta é a segunda das mámoas que apareceron mercé a colaboración da Comunidade de Montes de Cabeiro. É sorprendente que estando tan preto do parque forestal do Vixiador, onde se atopan outras mámoas xa coñecidas tanto pertencentes a Vigo (a denominada Mámoa 1 do Vixiador), ou a Redondela (Mámoa de Castro Ferreiro ou a  mámoa GA36045060) non fose coñecida ata a actualidade.

Isto fainos pensar nas posibilidades de colaboración tan importantes que existen entre as comunidades de montes e as administracións. Toda esta área aínda pode agochar máis sorpresas que as propias comunidades poden contribuír a desvelar grazas ao seu coñecemento do monte e os lugares singulares.

Mais aquí hay algo que resulta moi grave. A xornada de identificación de xacigos arqueolóxicos levouse a cabo porque as Comunidades de Montes non contan con mapas detallados coa indicación exacta da localización dos lugares arqueolóxicos que existen no seu territorio.

Como é posíble iso? É inexplicábel. Esta situación de descoñecemento do patrimonio que  existe nos seus respectivos territorios é responsabilidade directa das distintas administracións.

E ningunha administración subministrou estes mapas tan necesarios e importantes ás Comunidades de Montes.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s