Mámoa GA36045014 (Cedeira)

Localización

(Ver en Google Maps)

A zona de Coto Fenteira está situada na vertente noroeste de Monte Mirallo, a unha altitude de 235 m sobre o mar.

A mámoa que imos describir está nunha altura inferior ao conxunto de túmulos desta montaña, situados na planicie da Chan da Cruz ou Chan das Formigas, que discorre a 385 m sobre o mar, descritos na ruta das mámoas 1 e ruta das mámoas 2.

Por encima dela tamén atopamos outra mámoa senlleira a unha altitude intermedia na Poza da Lagoa, tamén nesta parroquia de Cedeira, situada a 345 m de altitude.

É de salientar que mentres que a maioría das mámoas desta montaña están concentradas na penechaira da Chan da Cruz, este túmulo que nos ocupa atópase solitaria nesta zona apartada do resto conxunto.

Esta mámoa emprázase sobre un pequeno promontorio do terreo arrodeado de rochas nas que se localizan varios gravados rupestres.

Descrición

É unha mámoa de pequenas dimensións. Ten 10 m de diámetro. A media diametral das mámoas desta montaña está ao redor dos 17 m.

Das 38 mámoas existentes na actualidade, 15 delas superan os 20 metros de diámetro.

Do tamaño aproximado desta mámoa que nos ocupa só hay cinco máis en Monte Mirallo, que son todas elas das máis pequenas.

A altura que acada apenas chega aos 80 cm.  Presenta o característico cono de espoliación dentro do que se pode ver un chanto que mide 72 cm de altura, 60 cm de ancho e  23 cm de grosor.

Este chanto está mesturado con outras pedras que pertencen á canteira que se fixo sobre as rochas dos arredores.

Estado de conservación

Atopala non resulta doado porque está cuberta de maleza e non ten indicación ningunha.

A súa proximidade a unha zona de extracción de pedra, con numerosos cascallos tirados ao seu arredor e dentro dela, xunto coa perda abundante de masa tumular, amezan esta mámoa cun serio perigo de desaparición.

Valoración final

Coto Fenteira é unha zona intersante dende o punto de vista paisaxístico e arqueolóxico.

Está situado mesmo sobre o estreito de Rande e domina unha ampla paisaxe de ría.

Por outra banda, nesta valgada atopáronse achados correspondentes a un posíbel asentamento humano neste lugar, principalmente onde se estende o desterre feito para o que parece ser un campo de fútbol.

Isto é moi importante de cara a estabelecer os puntos de habitación da época do Bronce en Monte Mirallo. Polo de agora os indicios existentes de asentamentos humanos desa época están localizados aquí, así como na Poza da Lagoa e na zona do campo de fútbol de Cabeiro.

Como pode observarse, nos tres casos foron localizados debido a remocións de terreos, en dous casos para a construción de campos de fútbol (Coto Fenteira e Cabeiro) e noutro coa construción dunha área recreativa.

É unha mágoa que os achados desta valía se realicen a partir dun arrasamento do terreo e non de traballos de prospección arqueolóxicos previos á intervención que se pretenda realizar.

Por iso é tan necesaria a concienciación das comunidades de montes de cara a que se realicen intervencións de forma moi controlada, para que non ocorran máis agresións como se constatan en tantos e tantos xacementos que a duras penas van sobrevivindo nesta montaña.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).