Mámoa Coto da Arca GA36045060 (Cabeiro)
Publicado: 9 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 1 das mámoas de monte Penide. Ocupa o punto nº 2 do itinerario proposto.
Está emprazada nun dos lugares máis fermosos que ten Monte Penide, na parroquia de Cabeiro, nunha atalaia con espléndidas vistas sobre o val do Maceiras e a propia parroquia.
Tamén representa o comezo da chaira, moi preto do campo de fútbol de Cabeiro e un bo lugar para comezar a andaina de visita de todas estas mámoas.
A mámoa está sobre o cumio dun promontorio de grandes dimensións chamado Coto da Arca. Este topónimo fai de seu unha clara referencia a un lugar arqueolóxico vinculado, normalmente, con mámoas (cfr. Chan de Arquiña –O Morrazo-, Pedra da Arca –Malpica-, etc.)
Descrición
É un túmulo de grandes dimensións. Ten un diámetro de case 20 m, o que o converte nun dos máis destacábeis de Monte Penide. A altura, na súa base, rolda o 1,50 m.
A pesar do ben que se observa e recoñece, unha vez que nos achegamos ao lugar decatámonos do alterado que está este túmulo.
A vexetación que hai no seu cumio non permite apreciar a forma xeral da mámoa; ademais, está atravesada por un camiño que non só é de paso a pé, senón habitual tamén de paso de motos de montaña.
Tamén se poden apreciar restos de cachotes da coiraza que van quedando ao descuberto ao redor da mámoa.
Lembremos que esta coiraza de pedras de pequeno tamaño foron depositadas polos seus construtores para dar consistencia ao túmulo e impedir a súa degradación.
Estado de conservación
A alteración que presenta esta mámoa, debida de forma máis particular ás agresións polo paso de motos de montaña ao seu través, obriga a unha inmediata intervención que impida este tránsito.
Debido a isto, estase perdendo a masa tumular a unha gran velocidade. É coma unha serra que pouco a pouco vai abrindo un suca cada vez máis fondo polo centro da mámoa. Pensamos que estas desaforadas escavacións arqueolóxicas deberían seguir outro procedemento máis apropiado.
Por outra parte, toda a perenne maleza que hai no seu cume necesita un desbrozado.
Valoración final
A simple vista, a propia lóxica xa nos indica o que necesita este lugar concreto do Coto da Arca (canto nos transmite a nosa toponimia da relación entre o ser humano e o lugar que habita!) é unha intervención orientada á súa preservación e á súa posta en valor.
Preservación impedindo o paso de motos polo centro da mámoa (doado de conseguir) e, no posíbel, de persoas –a pesar de que vai ser difícil conseguir que non se empregue como miradoiro-.
Posta en valor con indicadores que dean toda a información necesaria para saber o que é, o que representa, o que vale para nós como patrimonio, o coidado que debemos ter na súa presenza, a súa relación co propio topónimo…
Cantos anos máis de desidia deberemos sufrir para que alguén na administración local tome por fin conciencia da necesidade de intervir neste lugar?
Será que son todos tan miopes que non se atreven a subir ata este lugar pola amplitude de miras e vistas que ten?
Máis información
Galería fotográfica sobre esta mámoa.
CÓDIGO DO XACIGO: GA36045060
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).