Mámoa GA36045059 (Cabeiro)
Publicado: 9 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 1. Ocupa o punto nº 3 do itinerario proposto.
Para localizar este túmulo, tomamos como referencia a denominada Coto da Arca. Cara ao norte descende un camiño que nos leva polo medio dos piñeiros. Entre estas árbores, á beira esquerda do camiño (Goolge maps), consonte se descende podedes intentar atopala.
Certamente é difícil porque está completamente cuberta de maleza, mais a protuberancia alombada que observedes daravos a referencia precisa.
Descrición
O túmulo ten unhas medidas de 15 x 15 metros, unha dimensión considerábel se atendemos ao seu deteriorado estado de conservación. O desgaste tumular que presenta fai que apenas sobresaia 90 cm do nivel do chan.
Na parte que linda co camiño, a mámoa está bastante estragada, debido precisamene á súa construción tan próxima ao túmulo.
Presenta un burato central e non se aprecia ningún ortóstato pertencente á cámara nin ao corredor.
Estado de conservación
Completamente abandonado e desleixado. Só se conserva o túmulo de terra. Os chantos foron subtraídos.
Tampouco hai nada que indique que aquí se atopa unha tumba neolítica de hai tantos milleiros de anos.
Hoxe en día é difícil encontrala debido ao desgaste sufrido polo túmulo.
O peor desta situación é que as xuntas directivas cambiantes da Comunidade de Montes de Cabeiro sexan coñecedoras da localización desta mámoa para evitar a súa destrución durante os traballos forestais que habitualmente se realizan por esta zona.
Valoración final
O normal é que a corporación municipal de Redondela, de quen depende en primeira instancia a conservación do noso patrimonio local, velase pola protección deste túmulo.
Debería estar perfectamente localizado e despexado de toda a maleza que o recobre, así como das árbores que medren encima.
Perodicamente é necesario unha inspección de toda esta ruta da mámoas de Monte Mirallo para comprobar a súa evolución e estado de conservación.
O diálogo permanente coas novas directivas da Comunidade de Montes actualizando e informando sobre o patrimonio que deben protexer facilitaría a súa conservación e mesmo divulgación.
Nest sentido, a creación de roteiros escolares, coas súas correspondentes unidades didácticas, contribuiría a que a mocidade tomase conciencia deste patrimonio.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).