Petróglifos da Poza da Lagoa I
Publicado: 26 Febreiro 2012 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 40 m máis adiante atopamos á dereita do camiño unhas rochas. Os gravados están espallados por varias delas.
En total este conxunto está formado por cinco rochas. Moitos dos petróglifos que imos describir aquí non son nada doados de ver a simple vista. Agardamos que as fotografías axuden na pescuda dos últimos trazos que permanecen dalgúns deles, antes da súa definitiva desaparición.
Descrición
Rocha 1
É a que está apegada ao camiño, a rentes do chan, cunha superficie lixeiramente alombada. Presenta dous motivos gravados.
Motivo 1
Unha figura cuadrangular de 22 x 18 cm coas esquinas lixeiramente redondeadas. Está situada na parte norte da súa superficie.
Motivo 2
Na zona NO, unha figura formada por dous círculos concéntricos de 33 cm de diámetro. Presenta un pequeno suco de saída de 34 cm de lonxitude. Por dentro da figura circular aparecen un total de 6 coviñas.
Rocha 2
Situada a uns 5 m ao norte da anterior, presenta una superficie lisa, duns 15 cm de altura, cuarteada por traballos de cantería, que se observan nos cortes que presenta. As figuras están case desaparecidas e son apenas perceptíbeis máis ca ao tacto. Baixo esta apreciación detéctase un suco duns 50 cm de lonxitude que ten anexas tres liñas e unha figura ovoide perpendiculares.
Rocha 3
Situada a uns 2,50 m ao NO da rocha nº 1, presenta unha superficie irregular a rentes do chan, moi próxima á rocha 4. Os gravados son apenas perceptíbeis. O que mellor se aprecia é unha coviña dus 8 cm de diámetro. Ao seu arredor apenas se notan ao tacto trazos irregulares que non forman unha figura recoñecíbel.
Rocha 4
Está situada a uns 3 m ao sueste da rocha 3. A superficie é irregular, cunha pequena inclinación cara ao sur. Os petróglifos semellan formar unha unidade de conxunto constituída por tres motivos.
Motivo 1
Un cruciforme de base circular, de 22 x 10 cm.
Motivo 2
Un cruciforme de base triangular, de 20 x 8 cm, rodeado doutros trazos que envolven a súa contorna.
Motivo 3
Un suco duns 20 cm que discorre pola parte inferior do motivo 2, e ao que están unidos os trazos que envolven ese cruciforme. Os remates das puntas deste suco son curvos, e pola parte inferior presenta catro pequenas liñas perpendiculares anexas ao suco principal.
No seu conxunto, inda que poidan semellar figuras antropomorfas, trátase de dous cruciformes. Un deles curiosamente parece formar unidade co motivo 3 a modo de pedestal con elementos decorativos que envolven o cruciforme ao redor.
A súa adscrición ao Bronce xa non sería tan clara, tanto polo trazo dos sucos, bastante máis estreito e de picado en V notoriamente máis recente ca os petróglifos que ten ao seu redor nesta contorna da Poza da Lagoa, de sucos máis anchos, con forma de U aberto e moito máis desgastados polo paso dos anos.
Normalmente estes cruciformes adoitan asociarse a épocas medievais e poderían servir como divisorias parroquiais; de feito, por este lugar pasa a estrema que divide as parroquias de Trasmañó e Cedeira.
Ao carón destas figuras, a 1,5 m ao SO delas, obsérvase tamén con nitidez unha pequena cruz gravada na pedra.
Rocha 5
A uns 10 m ao norte das anteriores, na zona de descenso do terreo, aparece unha laxe plana a flor de terra; no seu lado sur atópase o último dos petróglifos deste grupo I da Poza da Lagoa. Tamén está moi desgastado, polo que a súa percepción resulta bastante dificultosa.
Motivo 1
Círculo de 50 cm de diámetro con coviñas no seu interior.
Motivo 2
Grupo de 5 coviñas espalladas pola contorna do círculo anterior, con diferentes tamaños que oscilan entre os 4 cm e os 8 cm.
Estado de conservación
A degradación natural que están sufrindo estas rochas é moi considerábel. Estamos asistindo aos últimos momentos de posibilidade de visualización dalgúns destes destes gravados.
Erosión natural, acción humana, traballos forestais na zona, toda unha serie de factores que aceleran a desaparición destes petróglifos.
Das cinco rochas descritas, en catro delas apenas se poden apreciar os gravados existentes, xustamente nas catro rochas máis antigas, as que podemos adscribir á epoca da Idade do Bronce, hai uns catro mil anos.
A que mellor se conserva é a que ten gravados cruciformes que se poden situar en épocas máis recentes, quizais ao redor da Idade Media, como sucede noutros casos semellantes.
Valoración final
O conxunto de gravados rupestres de Poza da Lagoa comprende tres grupos diferentes que abranguen esta zona concreta da montaña.
Temos unha ampla representación de motivos que van dende os máis simples, que son as coviñas, presentes en todos os grupos, pasando por figuras circulares simples ata chegar aos máis importantes de monte Penide, que son as representacións de armas, existentes tanto no Grupo II como no Grupo III da Poza da Lagoa. No seu conxunto forman unha das máis emblemáticas e importantes de toda Galiza, e son as únicas existentes no concello de Redondela.
Mais todos estes gravados están nun perigo inminente de desaparición. Tanto no que atinxe a este Grupo I do presente artigo, coma as armas dos outros dous grupos, os sucos estánse esvaecendo a unha velocidade demasiado acelerada. As armas xa é moi dificil de aprecialas durante o día; as mellors imaxes que puidemos conseguir delas foron tomadas de noite baixo luz artificial.
A acción humana pisando continuamente estes gravados acelera a súa desaparición na actualidade. Moitas veces por descoñecemento da súa dimensión e localización concreta, así coma polo emprego de utensilios de remarcado sobre a pedra na procura de velos con maior claridade.
Neste caso estamos ante unha emerxencia arqueolóxica: se non se intervén xa nesta área, en pouco tempo non existirá case nada.
As comunidades de montes de Trasmañó e Cedeira, xunto coas administracións máis directamente implicadas teñen nas súa mans a preservación desta riqueza. Paneis, valados, recomendacións, etc contribuirán a unha acción pedagóxica de toma de conciencia da cidadanía na responsabilidade de conservación do que temos neste momento.
A Poza da Lago é na actualidade unha área de lecer á que se achegan diariamente numerosas familias e grupos de persoas. Unha área construída sobre unha aldea da Idade do Bronce, ao redor da que aínda conservamos varios grupos de gravados rupestres, xunto cunha mámoa que seguramente pode ser anterior. Todo un conxunto cultural que enriquecería aínda máis o aproveitamente de lecer familiar que atrae a tantas persoas a este lugar.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Pétroglifos Poza da Lagoa II GA26045019 (Trasmañó)
Publicado: 14 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación collemos inmediatamente de novo á dereita, na propia encrucillada, descendendo cara a unha laxes planas que atopamos inmediatamente.
Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.
Descrición
Este conxunto etá formado por tres rochas que a continuación describiremos detalladamente.
Rocha 1
É a primeira que atopamos no noso descenso.
Conxunto 1
Presenta unha gran circunferencia de 2,60 m de diámetro. Dende o seu interior, en dirección leste-oeste, discorren dúas liñas case paralelas que saen do circo pola parte oeste. O tipo de suco que trazan estas figuras, máis estreito e anguloso, fai pensar que posibelmente sexan de realización moito máis moderna ca os gravados que atoparemos a continuación.
Conxunto 2
No seguinte treito desta rocha, fixándonos na súa zona norte, veremos unha espada ou puñal incompleto; o gravado só conserva a súa folla. Ten uns 37 cm de lonxitude.
A continuación vemos outra espada ou puñal completo, con empuñadura. Mide en total uns 60 cm de lonxitude e 17 cm de largo.
A carón da folla desta arma podemos ver unha coviña duns 6 cm de diámetro.
As armas forman entre si un ángulo de case 90º.
Entre estas dúas armas, na parte central da laxe, podemos atopar outra coviña de forma ovalada, cunhas dimensión de 9 x 7 cm.
Estas dúas figuras están en moi mal estado de conservación e apenas se dexergan na pedra se non temos unha luz apropiada.
Rocha 2
A separación natural que presenta esta ocha con respecto ás outras dúas que a arrodean está formada por cadansúa diaclasa nas estremas.
No noso percorrido de descenso polas laxes, ao chegarmos a esta, atoparemos o primeiro motivo á nosa esquerda, en dirección sur. Trátase de oito coviñas dispostas en dúas fileiras de tres coviñas e outra fileira de dúas coviñas na parte superior.
A parte central da rocha presenta diferentes liñas de formas irregulares de difícil comprensión. Unha destas liñas está conectada a unha coviña central de forma ovalada de 9 x 7 cm. Estas liñas irregulares, con formas rectas e curvas, conservan un trazo máis visíbel ca os das rochas adxacentes.
Entre este conxunto de liñas irregulares hai dous motivos que se poden identificar, pola súa forma, como posíbeis alabardas.
Unha delas presenta un mango completo de 66 cm, rematando nunha cabeza de alabarda de 20 cm de longo e 10 cm de largo. O enmangue non describe unha liña recta, senón que presenta unha pequena creba na parte central.
A outra alabarda está conectada coa primeira: o seu posíbel enmangue semella saír da punta da anterior alabarda, cuns 37 cm de lonxitude e rematar nunha cabeza de alabarda de 24 cm e longo e 10 cm de largo.
Rocha 3
No final deste percorrido, chegamos a unha laxe na que se atopan os motivos máis salientábeis de todo este conxunto da Poza da Lagoa. Trátase dun grupo de armas que, xunto cos da Auga da Laxe en Gondomar, son dos máis representativos da zona sur de Pontevedra.
O primeiro que topamos no noso percorrido, na zona leste da rocha, son dúas coviñas de 4 e 7 cm respectivamente.
A continuación unha espada ou puñal con empuñadura. Ten unha lonxitude total de 50 cm e 24 cm de ancho de folla. Ao carón da empuñadura hai unha coviña asociada a pequenos sucos sen identificación precisa.
Perpendicular a esta arma hai outro puñal máis pequeno, tamén con empuñadura.
A ambos os lados deste puñal vemos dúas alabardas, das tres que forman o conxunto.
A alabarda situada pola banda do norte do puñal ten un enmangue de 74 cm que aproveita unha fendedura natural da pedra. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 18 de largo.
A alabarda situada pola banda sur do pequeno puñal ten un enmangue de 64 cm e unha cabeza triangular de 22 cm de longo e 17 cm de largo. Case apegada á cabeza desta alabarda obsérvase outra forma triangular incompleta de 20 cm de longo e 17 cm de largo.
Entre estas dúas alabardas hai varios sucos de difícil identificación, sobre todo tendo en conta o acusado desgaste que presentan os gravados da laxe.
A terceira alabarda, situada pola banda sur desta última, ten un enmangue algo máis curto, de 42 cm de lonxitude. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 16 cm de largo. Asociada á parte superior desta alabarda hai unha figura que parece continuación e que ten unha forma máis oval, de 25 cm de longo e 12 de largo.
Valoración final
O estado de conservación desta última rocha, e a principal de todo o conxunto, é deplorábel, e apenas se poden percibir os gravados de armas. O desgaste que sofren é moi importante. Para dificultar aínda máis a súa observación, a vexetación que medra ao seu arredor impide a entrada de luz apropiada ao atardecer, que é o mellor momento para observalos.
Aquí é moi necesario un entendemento apropiado entre a administración local e a Comunidade de Montes de Trasmañó para conservar estes gravados e facilitar a súa visita.
Non se entende que sendo estes os motivos rupestres máis representativos de monte Penide non haxa ningún tipo de posta en valor social: non existe nin sinalización para chegar a eles, nin coidado da contorna (os labores forestais realizados neste mesmo lugar foron denunciados publicamente por diversos colectivos debido á falta de protección que sufriron durante as intervencións), nin carteis que os identifiquen e informen das súas características e, naturalmete, o correspondente valado de protección coas indicacións necesarias para non estragar coas nosas pisadas ou intentos de redebuxado os gravados que tan infrutuosamente se conservan na actualidade.
Esta situación é aínda máis rechamante se pensamos que están situados nunha área de lecer á que acoden moitas persoas cada fin de semana.
Entendámolo ben: a Poza da Lagoa en todo o seu conxunto está situada nunha área de habitación haumana que pode remontarse quizais a hai máis de cinco mil anos de antigüidade.
Nesta área recreativa atópase unha mámoa, mais outra nas proximidades, posibelmente da época neolítica (entre 5.000-6.000 anos de antigüidade). En toda a zona por onde se creou o espazo de lecer atopáronse restos de útiles domésticos da Idade do Bronce – Calcolítico, o que nos indica que aquí houbo unha poboación asentada, coas súas vivendas, etc, que nos sitúa hai uns 3.000-4.000 anos de antigüidade. Esta poboaciaón foi tamén a que realizou os gravados rupestres que existen espallados por toda esta área recreativa e arredores.
Como é posíbel que as persoas visitantes deste parque forestal non sexan informados de que están camiñando sobre a propia historia, que están facendo os seus xantares e movéndose por un lugar no que existiu unha aldea hai tantos milleiros de anos, que aínda conserva tumbas e gravados rupestres tan fermosos e importantes daquelas épocas tan temperás da nosa historia?
Podemos subir a pasar un día de lecer e de paso levar para a nosa casa unha gran lección de historia, vivida no propio lugar en que se desenvolveron os nosos devanceiros, comprendendo moito mellor a paisaxe e o territorio que habitaron, a súa forma de vida, a súa arte gravada nas pedras e a súa espiritualidade manifestada na forma tan especial que tiveron de enterrar e perpetuar a vida eterna dos seus mortos.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Pétroglifos Poza da Lagoa III GA26045020 (Trasmañó)
Publicado: 13 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación, a uns 50 m de distancia collemos inmediatamente de novo á dereita e atoparemos á beira do camiño unha laxe de forma alongada e alombada, duns 10 m de longo e 50 cm de altura.
Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.
Descrición
Neste 3ª conxunto de gravados da Poza da Lagoa só nos constaba a catalogación dun petróglifo formado por un círuculo de coviñas. As pescudas nocturnas con luz artificial, así como as que mellor aproveitaron a luz solar do nacente e do poñente, ao longo de carias visitas, permitiron localizar varios gravados máis que a continuación detallaremos.
Figura 1. Círculo de coviñas.
Está situada a 3 m de distancia ao sur da rocha principal, a rentes do chan, normalmente oculta pola maleza e liques que a recobren.
Está conformado por 13 coviñas dispostas en círculo. 10 delas no perímetro exterior e as outras tres no interior.
O diámetro total é de 20 cm e as coviñas teñen un diámetro aproximado de 3 cm cada unha.
Figura 2. Dúas espadas curtas.
Están situadas na parte superior central da rocha principal. Para localizalas abonda con nos fixarmos na diaclasa central que percorre a rocha en toda a súa lonxitude. Os gravados das dúas espadas localízanse unha a cada lado desta fenda, moi próximas unha da outra.
Espada curta 1: a súa punta mira cara ao norte. Conta con folla e empuñadura. As súas dimensións son de 25 cm de longo e 10 cm de largo.
Espada curta 2: a súa punta mira cara ao sur. Conta con folla e empuñadura. As súas dimensións son iguais ás da espada 1.
Resulta curiosa a disposición das súas figuras, cada unha a un lado da diaclasa, apuntado en direccións opostas e, aínda que están desprazadas unha respecto da outra, as súas puntas coinciden case á mesma altura.
Zona sur da rocha
A diaclasa central que percorre lonxitudinalmente o lombo desta rocha etá cortada perpendicularmente na súa zona sur por outra diaclasa. Esta fenda delimita unha nova zona na que atopamos tres figuras.
Figura 3. Círculo.
Na parte central desta zona sur da rocha atopamos un círulo concéntrico con coviña central.
Figura 4. Coviña.
Na parte leste desta zona da rocha, moi próxima ao bordo, existe unha gran coviña que ten uns 12 cm de diaámetro e 6 cm de fondo.
Figura 5. Forma indeterminada.
Apegada á diaclasa, na súa parte central atopamos unha serie de gravados con forma indeterminada. A feitura dos sucos permítenos poder incluílos como gravados artificiais, non naturais.
Valoración final
Este conxunto de gravados está preto, a uns 18 metros ao sur, do conxunto denominado Poza da Lagoa II, onde tamén se rexistran numerosas armas.
A conexión temática de ámbalas dúas é moi directa, polo que agardamos que nun futuro se poñan en relación ambos grupos de petróglifos. Ete que acabamos de ver engade, ademais, o fermoso círculo de coviñas tan ben conservado baixo a capa de terra e lique que o cobre habitualmente.
Curiosamente, na rocha II do conxunto Poza da Lagoa II, tamén hai un grupo de 11 cazoletas, mais desta vez formando unha figura cuadrangular, moi mal conservada, nun avanzado estado de desgaste.
Engadindo estas duas espadas curtas que acabamos de describir, temos un conxunto global de diferentes representacións de armas, con diferentes tamaños, que van dende os puñais, as espadas curtas, ata outras de maior lonxitude e largura.
A mágoa é, coma sempre, o abandono e descoñecemento destes gravados. Agardamos que a partir de agora a Comunidade de mOntes de Trasmañó, así como a corporación municipal, vaian contando con maior información sobre o formidábel patrimonio que teñen nas súas mans e poñan todo da súa parte para preservalo e difundilo adecuadamente.
Indicadores, paneis informativos cos debuxos e fotografías correspondentes que eviten que a xente rañe nas pedras pola súa conta con calquera tipo de obxecto agresor para os gravados, valado protector ao redor das rochas e unha limpeza e coidado da contorna, contribuírán a unha posta en valor tanto educativa como social que tan necesaria é nunha zona, ademais, moi frecuentada por persoas e familias que se achegan ata a área recreativa da Poza da Lagoa.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).