Pétroglifos Poza da Lagoa II GA26045019 (Trasmañó)

Localización

(Ver en Google Maps)

Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa.  Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación collemos inmediatamente de novo á dereita, na propia encrucillada, descendendo cara a unha laxes planas que atopamos inmediatamente.

Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.

Descrición

Este conxunto etá formado por tres rochas que a continuación describiremos detalladamente.

Rocha 1

É a primeira que atopamos no noso descenso.

Conxunto 1

Presenta unha gran circunferencia de 2,60 m de diámetro.  Dende o seu interior, en dirección leste-oeste, discorren dúas liñas case paralelas que saen do circo pola parte oeste. O tipo de suco que trazan estas figuras, máis estreito e anguloso, fai pensar que posibelmente sexan de realización moito máis moderna ca os gravados que atoparemos a continuación.

Conxunto 2

No seguinte treito desta rocha, fixándonos  na súa zona norte, veremos unha espada ou puñal incompleto; o gravado só conserva a súa folla. Ten uns 37 cm de lonxitude.

A continuación vemos outra espada ou puñal completo, con empuñadura. Mide en total uns 60 cm de lonxitude e 17 cm de largo.

A carón da folla desta arma podemos ver unha coviña duns 6 cm de diámetro.

As armas forman entre si un ángulo de case 90º.

Entre estas dúas armas, na parte central da laxe, podemos atopar outra coviña  de forma ovalada, cunhas dimensión de 9  x 7 cm.

Estas dúas figuras están en moi mal estado de conservación e apenas se dexergan na pedra se non temos unha luz apropiada.

Rocha 2

A separación natural que presenta esta ocha con respecto ás outras dúas que a arrodean está formada por cadansúa diaclasa nas estremas.

No noso percorrido de descenso polas laxes, ao chegarmos a esta, atoparemos o primeiro motivo á nosa esquerda, en dirección sur. Trátase de oito coviñas dispostas en dúas fileiras de  tres coviñas e outra fileira de dúas coviñas na parte superior.

A parte central da rocha presenta diferentes liñas de formas irregulares de difícil comprensión. Unha destas liñas está conectada a unha coviña central de forma ovalada de 9 x 7 cm. Estas liñas irregulares, con formas rectas e curvas, conservan un trazo máis visíbel ca os das rochas adxacentes.

Entre este conxunto de liñas irregulares hai dous motivos que se poden identificar, pola súa forma, como posíbeis alabardas.

Unha delas presenta un mango completo de 66 cm, rematando nunha cabeza de alabarda de 20 cm de longo e 10 cm de largo. O enmangue non describe unha liña recta, senón que presenta unha pequena creba na parte central.

A outra alabarda está conectada coa primeira: o seu posíbel enmangue semella saír da punta da anterior alabarda, cuns 37 cm de lonxitude e rematar nunha cabeza de alabarda de 24 cm e longo e 10 cm de largo.

Rocha 3

No final deste percorrido, chegamos a unha laxe na que se atopan os motivos máis salientábeis de todo este conxunto da Poza da Lagoa. Trátase dun grupo de armas que, xunto cos da Auga da Laxe en Gondomar, son dos máis representativos da zona sur de Pontevedra.

O primeiro que topamos no noso percorrido, na zona leste da rocha, son dúas coviñas de 4 e 7 cm respectivamente.

A continuación unha espada ou puñal con empuñadura. Ten unha lonxitude total de 50 cm e 24 cm de ancho de folla. Ao carón da empuñadura hai unha coviña asociada a pequenos sucos sen identificación precisa.

Perpendicular a esta arma hai outro puñal máis pequeno, tamén con empuñadura.

A ambos os lados deste puñal vemos dúas alabardas, das tres que forman o conxunto.

A alabarda situada pola banda do norte do puñal ten un enmangue de 74 cm que aproveita unha fendedura natural da pedra. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 18 de largo.

A alabarda situada pola banda sur do pequeno puñal  ten un enmangue de 64 cm e unha cabeza triangular de 22 cm de longo e 17 cm de largo. Case apegada á cabeza desta alabarda obsérvase outra forma triangular incompleta de 20 cm de longo e 17 cm de largo.

Entre estas dúas alabardas hai varios sucos de difícil identificación, sobre todo tendo en conta o acusado desgaste que presentan os gravados da laxe.

A terceira alabarda, situada pola banda sur desta última, ten un enmangue algo máis curto, de 42 cm de lonxitude. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 16 cm de largo. Asociada á parte superior desta alabarda hai unha figura que parece continuación e que ten unha forma máis oval, de 25 cm de longo e 12 de largo.

Valoración final

O  estado de conservación desta última rocha, e a principal de todo o conxunto, é deplorábel, e apenas se poden percibir os gravados de armas. O desgaste que sofren é moi importante. Para dificultar aínda máis a súa observación, a vexetación que medra ao seu arredor impide a entrada de luz apropiada ao atardecer, que é o mellor momento para observalos.

Aquí é moi necesario un entendemento apropiado entre a administración local e a Comunidade de Montes de Trasmañó para conservar estes gravados e facilitar a súa visita.

Non se entende que sendo estes os motivos rupestres máis representativos de monte Penide non haxa ningún tipo de posta en valor  social: non existe nin sinalización para chegar a eles, nin coidado da contorna (os labores forestais realizados neste mesmo lugar foron denunciados publicamente por diversos colectivos debido á falta de protección que sufriron durante as intervencións), nin carteis que os identifiquen e informen das súas características e, naturalmete, o correspondente valado de protección coas indicacións necesarias para non estragar coas nosas pisadas ou intentos de redebuxado os gravados que tan infrutuosamente se conservan na actualidade.

Esta situación é aínda máis rechamante se pensamos que están situados nunha área de lecer á que acoden moitas persoas cada fin de semana.

Entendámolo ben: a Poza da Lagoa en todo o seu conxunto está situada nunha área de habitación haumana que pode remontarse quizais a hai máis de cinco mil anos de antigüidade.

Nesta área recreativa atópase unha mámoa, mais outra nas proximidades, posibelmente da época neolítica (entre 5.000-6.000 anos de antigüidade). En toda a zona por onde se creou o espazo de lecer atopáronse restos de útiles domésticos da Idade do Bronce – Calcolítico, o que nos indica que aquí houbo unha poboación asentada, coas súas vivendas, etc, que nos sitúa hai uns 3.000-4.000 anos de antigüidade. Esta poboaciaón foi tamén a que realizou os gravados rupestres que existen espallados por toda esta área recreativa e arredores.

Como é posíbel que as persoas visitantes deste parque forestal non sexan informados de que están camiñando sobre a propia historia, que están facendo os seus xantares e movéndose por un lugar no que existiu unha aldea hai tantos milleiros de anos, que aínda conserva tumbas e gravados rupestres tan fermosos e importantes daquelas épocas tan temperás da nosa historia?

Podemos subir a pasar un día de lecer e de paso levar para a nosa casa unha gran lección de historia, vivida no propio lugar en que se desenvolveron os nosos devanceiros, comprendendo moito mellor a paisaxe e o territorio que habitaron, a súa forma de vida, a súa arte gravada nas pedras e a súa espiritualidade manifestada na forma tan especial que tiveron de enterrar e perpetuar a vida eterna dos seus mortos.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s