Mámoa inédita 2 das Pedras do Picos (Cabeiro – O Vixiador)

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa foi localizada polos membros da Comunidade Montes de Cabeiro e dada a coñecer nunha xornada pola montaña de identificación dos xacementos arqueolóxicos pertencentes a esta parroquia.

É apenas recoñecíbel dende o camiño principal que discorre preto da mámoa, e só achegándose a ela e percibindo o cono central se fai recoñecíbel como tal.

Está preto dotra das mámoas inéditas atopada tamén por esta comunidade de montes, a que denominamos provisionalmente pola zona na que se sitúa, a Mámoa  1 das Pedras do Picos.

Descrición

Presenta unha dimensión de 15 metros de diámetro. A altura actual do túmulo chega a 1,10 m no lado leste e descende ata os 40 cm no lado oeste.

Polo seu lateral norte discorre un camiño que alterou o túmulo provocando un corte vertical na mámoa.

Sobre a masa tumular hay 13 árbores entre piñeiros e castiñeiros de repoboación.

No centro da mámoa identifícase o típico cono de espoliación. NO seu interior aparecen a simple vista dous chantos da cámara.

Chanto 1: no lado norte do cono está case completamente enterrado. Ten un grosor de 23 cm e unha largura de 62 cm.

Chanto 2: posibelmente pertencente ao comezo do corredor, no lado norte. Está case completamente soterrado e ten 18 cm de grosor e 28 cm de largura.

Estado de conservación

A conservación desta mámoa corre un serio perigo debido ao descoñecemento da súa existencia. A numerosa cantidade de árbores existentes sobre o túmulo evidencia a continua agresión que veu sufrindo ao longo destes anos por mor dos traballos forestais. Por outra banda, o camiño aberto ao seu carón tamén deteriora o túmulo por estar o vieiro a un nivel máis baixo ca a mámoa.

As árbores plantadas por todo o túmulo son neste momento o principal motivo de preocupación de cara á súa conservación. As raíces que invaden o subsolo, xunto cos traballos forestais que leva consigo esta plantación porden acabar difinitivamente coa existencia deste exemplar inédito no noso concello.

Valoración final

Esta é a segunda das mámoas que apareceron mercé a colaboración da Comunidade de Montes de Cabeiro. É sorprendente que estando tan preto do parque forestal do Vixiador, onde se atopan outras mámoas xa coñecidas tanto pertencentes a Vigo (a denominada Mámoa 1 do Vixiador), ou a Redondela (Mámoa de Castro Ferreiro ou a  mámoa GA36045060) non fose coñecida ata a actualidade.

Isto fainos pensar nas posibilidades de colaboración tan importantes que existen entre as comunidades de montes e as administracións. Toda esta área aínda pode agochar máis sorpresas que as propias comunidades poden contribuír a desvelar grazas ao seu coñecemento do monte e os lugares singulares.

Mais aquí hay algo que resulta moi grave. A xornada de identificación de xacigos arqueolóxicos levouse a cabo porque as Comunidades de Montes non contan con mapas detallados coa indicación exacta da localización dos lugares arqueolóxicos que existen no seu territorio.

Como é posíble iso? É inexplicábel. Esta situación de descoñecemento do patrimonio que  existe nos seus respectivos territorios é responsabilidade directa das distintas administracións.

E ningunha administración subministrou estes mapas tan necesarios e importantes ás Comunidades de Montes.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa inédita 1 das Pedras do Picos (Cabeiro – O Vixiador)

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa foi localizada polos membros da Comunidade Montes de Cabeiro e dada a coñecer nunha xornada pola montaña de identificación dos xacementos arquolóxicos pertencentes a esta parroquia.

Ocupa un pronunciado promontorio visíbel dende o camiño. Neste sentido chama a atención como foi aproveitada a propia configuación do terreo para situal sobre este promontorio a construción da mámoa. Isto mesmo pode observarse noutra pertencente a esta mesma zona do Vixiador denominada mámoa de Coto Ferreiro, ou a mámoa GA36045060.

 Descrición

Esta mámoa ten un diámetro de 21 m nas distintas orientacións. A altura do túmulo é de 1,50 m na parte máis alta, cara ao oeste.

Ao estar situada sobre un promontorio aparenta moito más alta, destacando na paisaxe que a arrodea.

O único aparente ortóstato que se observa está situado sobre o túmulo, na parte leste, e ten unhas dimensións de 82 x 68 cm.

Na parte central ten un gran cono de espoliación que ten un diámetro  de 4 m.

Estado de conservación

Esta mámoa estaba oculta entre acacias ata que a Comunidade de Montes realizou traballos forestais de limpeza nesta zona.

Na actulidade aínda presesnta dez árbores de diferentes dimensións sobre a súa masa tumular, principalmente piñeiros.

No resto da mámoa hay moita maleza e pólas tiradas,  e no interior do furado central poden observarse nas imaxes os bidóns de combustile acumulados como refugallo.

Valoración final

A descuberta deste novo achado arqueolóxico  en Monte Mirallo, a estas alturas, e nun lugar no que xa se coñecían outros xacementos importantes evidéncianos que esta montaña continúa sendo unha caixa de sorpresas.

Nesa xornada de percorrido coa Comunidade de Montes apareceron un total de tres novas mámoas aínda non catalogadas.

A implicación das Comunidades na conservación e divulgación do patrimonio que existe no seu territorio é fundamental, xa que son as que mellor coñecen a montaña que traballan diariamente.

Mais aquí hay algo que resulta moi grave. A xornada de identificación de xacigos arqueolóxicos levouse a cabo porque as Comunidades de Montes non contan con mapas detallados coa indicación exacta da localización dos lugares arqueolóxicos que existen no seu territorio.

Como é posíble iso? É inexplicábel. Esta situación de descoñecemento do patrimonio que  existe nos seus respectivos territorios é responsabilidade directa das distintas administracións.

E ningunha administración subministrou estes mapas tan necesarios e importantes ás Comunidades de Montes.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Mámoa GA36045065 (Cabeiro)

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta é unha mámoa que está situada á beira do camiño asfaltado que comunica o campo de fútbol da parroquia de Cabeiro en Redondela co parque forestal do Vixiador. É a vía directa dende o Vixiador para dirixirnos a visitar a Mámoa do Rei e o conxunto tumular que a arrodea.

Realmente, cando paseamos por estes lugares, estamos visitando o maior “parque arqueolóxico” de Galiza. O conxunto formado polos montes de Candeán e Cabral en Vigo e os montes das parroquias de Cabeiro, Trasmañó, Negros e Cedeira en Redondela comprenden máis de noventa mámoas, ao redor dunha vintena de estacións de gravados rupestres e catro castros. Un percorrido por máis de cinco mil anos de historia, todo no mesmo lugar xeográfico, comprendendo os tres principais períodos: neolítico, idade do bronce e idade do ferro. O proxecto do parque arqueolóxico xa está creado e é grandioso e ambicioso. Só falta a implicación das administracións e comunidades de montes. Unha descrición máis detallada de proposta de parque arqueolóxico para estes montes podedes lela no blog do arqueólogo Hidalgo Cuñarro.

Descrición

A mámoa que nos ocupa nesta ocasión pasa desapercibida para quen non a coñeza, e son moitas as persoas que pasan decote ao seu lado, pola estrada que vai dende o campo de fútbol de Cabeiro ata o parque forestal do Vixiador. Ten uns once metros de diámetro e aproximadamente un metro e medio de altura. Está rodeada de maleza e en mal estado de conservación.
A pesar da maleza e árbores que a ocupan, pódese observar o cono central con tres chantos que aínda se conservan.

Estado de conservación

O principal perigo desta mámoa e de tantas outras é o traballo forestal que se realiza ao seu arredor. Tractores desbrozadores que soben e baixan por elas debido á falta de protección e indicación, talas ou plantacións de árbores nos propios túmulos, todo tipo de vehículos pesados que realizan labores forestais pasando por riba das mámoas… e continúan aí despois de seis mil anos, aínda recoñecíbeis, a pesar das continuas agresións a que se ven sometidas.

Valoración final

A súa proximidade á Mámoa 1 do Vixiador e ao propio parque forestal recomendaría a súa inclusión tamén no percorrido neolítico denominado “Ruta das Mámoas de Candeán”.

Máis información

Galería de imaxes 

Navegadores GPS

Podedes vela tamén na Ruta das mámoas de Candeán e descargala ao voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)