Mámoa GA36045058 (Cabeiro)
Publicado: 9 Outubro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
A súa localización non é moi doada, por estar oculta entre árbores e ter un camiño ao seu carón. Por outra banda, a escasa altura que presenta o túmulo sobre a superficie dificulta tamén a súa identificación.
Tomamos como referencia a estrada que discorre pola chaira do conxunto tumular e as dúas liñas de alta tensión.
Uns 100 m ao sur das liñas eléctricas, a estrada vese atravesada perpendicularmente por un camiño de terra. Tomamos cara ao leste durante uns 50 metros por este camiño e viramos cara ao sur antes de chegar ao seguinte carreiro que aparece ao final. A uns 40 m atopamos esta mámoa no medio dos piñeiros.
Descrición
As dimensións diametrais son de 10,50 m e 75 cm de altura.
Trátase dunha mámoa de tamaño pequeno, comparada coa media das mámoas desta chaira que roldan os 15 m de diámetro.
No centro presenta unha abertura cónica que ocupa a metade da súa dimensión total.
A vexetación herbácea que arrodea este túmulo é moi mesta e abundante, o que a mantén completamente cuberta e de difícil visión e identificación.
Por outra parte está situada entre unha plantación de piñeiros realizada hai pouco tempo. Todos eles foron plantados seguindo unha disposición lineal. Foi unha sorte que non lle tocase plantar no centro da mámoa algún deles.
Pódese apreciar claramente como algúns dos piñeiros foron plantados sobre a masa tumular da mámoa, coa realización do correspondente burato fondo con algún tipo maquinaria.
As imaxes falan por si mesmas do estado en que se atopa esta tumba neolítica de ao redor do IV milenio antes da nosa era.
Valoración final
A recente plantación de piñeiros sobre a masa tumular pon en evidencia a falta de coñecemento por parte da Comunidade de Montes de Cabeiro da existencia deste mámoa milenaria neste lugar, se non, doutro modo non se entendería que non se gardase un espazo de protección ao redor do túmulo.
Isto manifesta tamén a falta de comunicación existente entre a adminsitración local e as comunidades de montes para buscar conxuntamente as medidas de prevención que eviten as sistemáticas agresións que sofren estes xacigos arqueolóxicos situados en terreos comunais.
Coñecen realmente a directiva da Comunidade de Montes de Cabeiro a existencia desta mámoa nos terreos en que habitualmente desenvolven traballos forestais? Os buratos para plantar os piñeiros teñen que ser realizados con maquinaria que, á vista da disposición da plantación, provocou algún tipo de agresión sobre este enterramento neolítico, ao pasar sobre el coas súas rodas e as manobras correspondentes.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).