Mámoa GA36045055 (Cabeiro)
Publicado: 24 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
Para localizala, partiremos da estrada asfaltada, entre as dúas liñas de alta tensión. Collemos, cara ao leste, por calquera das dúas devasas abertas baixo os cables eléctricos. A uns douscentos metros atopamos un camiño transversal que comunica as dúas devasas. A uns trinta metros da devasa norte, na beira leste do camiño está esta mámoa.
A pesar da abundante vexetación, a elevada protuberancia da mámoa fai sobresaír unha lombeira característica da súa identificación.
Descrición
Esta mámoa ten unha dimensións diametrais de 20,50 x 19,90 metros. A altura do túmulo chega a 1,90 metros.
O tamaño, como pode apreciarse é considerábel, para poder clasificala entra as destacábeis de todo o conxunto.
Presenta unha abundante vexetación e plantacións de piñeiros e outras árbores e abustos sobre o túmulo.
Tamén podemos observar un pequeno cono de espoliación central sen ningún ortóstato que se puidese apreciar a primeira vista.
Estado de conservación
É unha mágoa que unha mámoa destas dimensións esta nas condicións en que se atopa.
Tantas árbores sobre o túmulo están producindo un dano que pode chegar a ser irreparábel e mesmo abocala á súa desaparición. Pensemos nos traballos forestais que haberá que realizar para liberala desta agresión.
No momento actual resulta moi difícil apreciar este exemplar arqueolóxico en toda a súa dimensión. Mesmo se fixeron unhas remocións de terra ao seu carón que afectan a súa configuración orixinal.
Valoración final
É curioso que estando ao lado dunha devasa, todo estea limpo baixo os cables e que en cambio se deixe de lado a limpeza deste importante xacigo arqueolóxico.
Por extensión foron eliminadas todas as árbores que puidesen colidir coa liña de alta tensión, mais non se fixox o mesmo coas árbores que enterran profundamente as súas raíces entre as terras do túmulo.
Estando tan preto a zona que se mantén perodicamente despexada e limpa de cexetación da devasa, nada custaba aproveitar tamén para despexar e limpar esta mámoa de todos estes mesmos elementos de vexetación que tanto dano lle causan, sobre todo considerando que é un monumento arqueolóxico que leva aí dende hai máis de 5.000 anos.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).