Mámoa GA36045052 (Cabeiro)
Publicado: 16 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Mirallo proposta nesta web. Está moi preto da Mámoa do Rei.
Na mesma man da estrada en que se atopa a Mámoa do Rei, uns cen metros de distancia cara ao sur. É doadamente distinguíbel polas dimensións tan sobresaíntes que aínda conserva.
Descrición
A mámoa 52 é a máis grande de todas as que conforman o conxunto tumular de Monte Penide.
Ten unha dimensión de 27 x 26 metros nos seus diámetros e unha altura que chega ata os 2 metros.
Dito isto, engadamos que se pode atravesar dun extremo ao outro polo seu interior, de norte a sur, debido á unha gran retirada de terra que se efectuou do seu interior. Aínda así, conserva gran parte do túmulo circundante.
No seu interior podemos sentir as dimensións que estas construcións puideron chegar a ter no seu momento. Pensemos que hoxe, despois de máis de cinco mil anos, conservamos unha parte do enorme que puido ser a arquitectura orixinal destes megálitos funerarios recubertos de terra e coiraza pétrea.
No interior conserva dous ortóstatos: un de 1,40 m de ancho, 1,90 de alto e 30 cm de grosor; e outro de 1 m de ancho, 1,20 m alto e 15 cm de grosor.
Estado de conservación
Ata o ano 2014 o túmulo estivo recuberto de maleza e árbores plantadas sobre a cuberta de terra.
A partir da creación nese ano do Museo virtual de monte Penide, promovido pola asociación Alén Nós de Redondela, coa colaboración das comunidades de montes e o financiamento do Concello de Redondela, conseguiuse realizar unha actuación de limpeza e posta en valor de numerosos xacementos desta montala, entre os que se encontra esta mámoa en particular.
Isto permitiu que a maleza e árbores que a recubrían fosen eliminados e agora, por fin, poidamos admirar este monumento na súa forma e dimensións actuais.
Valoración final
As administracións non deberían ter especial dificultade en convencer as comunidades de montes na concienciación de que a posíbel perda económica que lles podería causar o deixar de usar os túmulos das mámoas para realizaren as súas plantacións de piñeiros iría en beneficio da conservación dun patrimonio cultural que leva entre nós máis de cinco mil anos e que temos a responsabilidade de perpetualo outros cinco mil anos máis, como mínimo.
Dito doutro xeito, os ridículos beneficios económicos duns cantos piñeiros plantados sobre as mámoas non pode primar sobre o interese común do noso patrimonio, permitindo que se perda un monumento neolítico que ten tantos milleiros de anos.
Pensemos que os dolmens son as primeiras construcións humanas que existen en Galicia. Son as obras de arquitectura máis antigas que temos no noso país. En moitos casos verdadeiras obras de arte e enxeñaría tendo en conta a tecnoloxía que posuían naquel momento.
As pedras que empregaron pesaban varias toneladas. Non tiñan útiles de metal para cortalas e darlles forma; só dispoñían de madeira e outros utensilios de pedra para arrancalas das canteiras. Pensemos no traballo inmenso colectivo que tivo que pasar aquela xente para arrastralas ata os lugares en que se erixiron e o traballoso da súa colocación.
Mais sobre todo pensemos no sentido relixioso que tamén se pode adiviñar detrás destas construcións: os vivos habitaban aldeas, seguramente preto das mámoas, que hoxe non conservamos debido a que estarían construídas con madeira. A esperanza de vida era moi baixa, podemos falar de 40 anos aproximadamente.
A xente construía casas de madeira perecedoiras, que habería que repoñer cada pouco tempo, para unha vida tamén breve e perecedoira; en cambio, para os seus mortos construía moradas realizadas en pedra, imperecedoiras, eternas; e ademais cun traballo inmenso (pensemos na diferenza entre construír vivendas de madeira e “vivendas” funerarias en pedra, que deberon resultar ciclópeas para a tecnoloxía do seu tempo.
Desta exposición podemos inferir que para construír vivendas eternas para os seus mortos, é posíbel que tivesen xa un concepto moi evolucionado da vida despois da vida, como algo eterno tamén. Os achados de elementos rituais en moitas da mámoas galegas corroboran tamén esta visión relixiosa destes túmulos funerarios, como lugares sagrados para os seres humanos do neolítico.