Mámoa GA36045051 (Cabeiro)
Publicado: 14 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Mirallo proposta nesta web. Ocupa o penúltimo lugar do noso percorrido.
Está situada á beira da estrada, moi preto da Mámoa do Rei, xusto ao outro lado da estrada asfaltada que discorre entre as dúas.
A súa localización é ben doada, a pouco que nos fixemos, malia o deteriorado estado de conservación que presenta.
Descrición
Esta mámoa ten unha medida de 13,60 x 14,50 metros. A altura actual apenas acada 1 metro.
Presenta un corte importante de masa tumular debido á construción da estrada que pasa ao seu carón. Este corte tamén deformou a configuración orixinal do terreo creando unha ruptura paisaxística na continuidade do conxunto tumular que arrodea a Mámoa do Rei.
No cono central da mámoa obsérvanse súas pedras chantadas que poderían corresponder a ortóstatos do dolmen interno.
Ao redor do túmulo tamén podemos constatar a presenza de varios ortóstatos estrado polo chan, que poden pertencer a esta mámoa ou a outras do seu arredor. De feito, ao outro lado da estrada obsérvanse máis ortóstatos tirados entre os piñeiros.
Estado de conservación
Despois do exposto, queda claro que o estado de conservación é calamitoso. Esta mámoa sufriu graves agresións e alteracións que a piques están de facela desaparecer. Hoxe en día é difícil percatarse da súa existencia se non se sabe previamente que se trata dun túmulo neolítico.
Cómpre unha intervención que evite a súa progresiva deterioración e desaparición. Observada dende a parte interior do monte, apréciase con mellor perspectiva o túmulo e os ortóstatos que están ciscados ao seu arredor. Unha limpeza a fondo e unha posta en valor coas apropiadas indicacións espertarían, sen dúbida, a sorpresa das persoas visitantes que na actualidade non contan coa súa presenza, tan preto da Mámoa do Rei como está.
Valoración final
A estrada foi financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra. Paradoxalmente, a administración foi neste caso a principal responsábel da agresión patrimonial que sufriu esta mámoa. Daquela, unha asociación cultural de Redondela, Alén Nós, defensora do noso patrimonio cultural, intentou por activa e por pasiva a paralización das obras e a rehabilitación deste conxunto tumular. A intervención agresora da Deputación foi rápida e contundente. Dun día para outro, toda a pista forestal apareceu asfaltada e os feitos consumados.