Mámoa do Rei GA36045050 (Trasmañó)

Localización

(Ver en Google Maps)

IMG_20130905_200811Está emprazada no principal cruzamento de camiños que hai entre Cabeiro e Trasmañó. Hoxe en día existe unha estrada asfaltada que rodea esta mámoa, feita a finais dos anos noventa. Pódese chegar á Mámoa do Rei perfectamente en coche e aparcar xusto ao seu carón, tanto dende Cedeira, Trasmañó, Cabeiro e o monte do Vixiador en Candeán.

Descrición

Diámetros: N-S: 20.30 m, L-O: 19.20 m

Altura: 1.75 m

IMG_20130905_200654Túmulo: cada vez conserva menos masa tumular debido ás continuas agresións que sofre: árbores plantadas, construción dunha estrada ao seu carón, numerosos tobos de coellos, marco de Telefónica. Aínda así, apréciase a estrutura do túmulo en toda a súa dimensión.

Ga50 (1)Dolmen: conserva 6 ortóstatos. Falta un nun dos laterais. O conxunto conservado na actualidade dános unha dimensión do tamaño que debeu ter antes da súa degradación. Ao redor da mámoa do Rei hai varios chantos tirados, dos que algún deles puido pertencer a este dolmen. Hai persoas maiores que aseguran recordalo aínda co túmulo de terra ata a parte superior das lousas.

Tradicións

 A máis interesante das recollidas fala de que os acompañamentos mortuorios que antes pasaban dun ao outro lado da montaña facían parada diante da mámoa do Rei para rezar responsos pola persoa que levaban no cadaleito. Isto ten un interese especial pola conservación da significación mortuoria deste lugar, a pesar de que con toda probabilidade a xente xa no sabía realmente que as mámoas eran utilizadas seis mil anos atrás para enterrar mortos.

Podedes observar, ademais, que un dos ortóstatos pertencente ao comezo do corredor ten unha cruz inscrita no seu cimo.

Tamén se recolleu a memoria da tradición de ser lugar de parada da mocidade que atravesaba dunha a outra parroquia nos días de festa para parar diante da mámoa do Rei a troulear un pouco.

Outra das mulleres entrevistadas contaba que de pequena subía para esta chaira co gando e lembra a introducirse nalgunhas das mámoas xogando cos cachiños de “azulexos” que había no seu interior e mesmo recordaba ter roto nunha ocasión unha vasilla de barro que estaba enteira.

Estado de conservación

A construción da estrada, a pesar da protesta que xerou no seu momento, deteriorou o túmulo que rodea o dolmen; especialmente a zona de entrada do corredor que conduce ao seu interior. A construción da estrada implicou a realización de fondas gabias pola beira, que non respectaron ningún tipo de distancia con respecto ao túmulo.

Ao estar nun lugar polo que, grazas á desafortunada estrada, pasan tantos vehículos a diario, as agresións son constantes: os paneis informativos son obxecto de actos vandálicos; os coellos teñen tobos furados con entradas e saídas por todas as partes do pouco de túmulo que vai sobrevivindo.

Ata o ano 2003, o ortóstato central da cabeceira estaba caído no centro da cámara do dolmen. Nese momento acometeuse unha restauración do chanto para devolvelo á súa posición orixinal, que é como podemos velo na actualidade.

Sobre o túmulo tamén hai un pequeno poste de pedra de Telefónica. O enxeñeiro que deseñou ese trazado foi un deses eméritos licenciados que pasan por unha universidade, pero que a universidade non pasa por eles, e marcan liñas rectas nos planos sen importarlles o que leven por diante.

Valoración final

A Lei de Patrimonio de Galicia, con ser do ano 1995, non impediu que a Deputación provincial de Pontevedra acordase asfaltar a finais dos anos noventa a pista de terra que comunicaba Trasmañó con Cabeiro, a pesar de que no pleno da Deputación había varios representantes da corporación municipal de Redondela. 

Ata agora, podemos asegurar que o desprezo e indiferenza que mostra a corporación ao completo do concello de Redondela por este conxunto arqueolóxico –quizais o máis importante de Galicia- é absoluta.

Non hai vixilancia de ningún tipo. Non hai medidas efectivas de protección –as comunidades de montes son as auténticas propietarias do noso patrimonio, e fan, desfán, constrúen e destrúen segundo o seu propio criterio-.

IMG_20130905_200738A única actuación de información e significación que se levou a cabo foi a sinalización do paso do Sendeiro das Greas por diante da mámoa do Rei. Iso permitiu que se fixese unha intervención no dolmen que concluíu na reposición dun chanto caído. 

Máis información

Galería de imaxes

Montepenideprehistorico.com

 

 

Advertisement

2 Comentarios on “Mámoa do Rei GA36045050 (Trasmañó)”

  1. Moi bó traballo, espero que esta cousas as coñezan os responsveis de Patrimonio e que tomen medidas.
    Sempre está un ben escoitando un fado.
    Saludos e boa sorte.

  2. Xesus di:

    Oxe estiven visitandoa no roteiro organizado polas consellerias de Cultura e Medio Rural, moi interesante. Unha pena a que cortou a pista e o panel que esta perto dela…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s