Mámoa GA36045038 (Negros)
Publicado: 9 Setembro 2011 Filed under: Comunidade de Montes de Negros, Mámoas, Ruta 2 das mámoas Deixar un comentario
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 das mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 38.
Para localizala, tomamos como referencia a Mámoa do Rei e diríxímonos pola pista de terra que sae cara ao norte dende ela. A uns cento cincuenta metros de distancia, á beira do camiño, podemos ver o que queda desta mámoa na actualidade.
Descrición
Esta mámoa foi arrasada pola pista que se abriu ao seu carón. Só se conserva a metade do que foi o túmulo orixinal.
As dimensións acutais son de 16 m no eixo lonxitudinal ao camiño, o que representaría o diámetro total da mámoa, e 11,5 m no eixo transversal ao camiño, evidencia clara nas súas dimensións da agresión que a tronzou pola metade.
Toda a superficie do que resta da mámoa está cuberta de vexetaciójn e árbores plantadas encima.
Valoración final
Así remata a historia de seis mil anos ininterrompidos de existencia deste monumento funerario. Un final marcado polo descoñecemento da súa importancia e relevancia histórica.
Pensemos que se destruíu una das primeiras construcións humanas que se realizaron en Galiza. Non existen outras construcións anteriores tan relevantes e transformadoras da paisaxe. Orixinalmente hai que imaxinar esta mámoa cunha altura aproximada que sobrepasaba os dous metros e un diámetro que posibelmente chegaría aos 20 m.
A súa edificación foi realizada de forma colectiva con utensilios propios da idade de pedra, cortando e movendo lousas de varias toneladas que dispuxeron formando a cámara funeraria interior, xa espoliada e desaparecida, e logo cubríndoa de terra, alternando con capas de coiraza de cascallos para manter a súa consitencia.
Estaba rodeada de máis de cincuenta mámoas neste mesmo lugar ata hai poucos anos. Agora só restan outras 34 máis.
A apertura indiscriminada destas pistas recentes, marcando liñas rectas que arrasan todo ao seu paso, levou por diante varias destas mámoas, como podemos ver nos exemplos das catalogadas como a mámoa GA36045047 e a mámoa GA36045051. Outras xa desapareceron completamente, sobre todo aquelas que lles tocou estar debaixo das liñas de alta tensión que atravesan esta montaña por varios lugares. As devasas abertas no seu percorrido arrasou con vairos exemplares. A maiores, o traballo forestal tan intensivo e extensivo ao que se somete a explotación forestal de Monte Penide leva consigo a utilización de maquinaria pesada que ocasiona danos irreparábeis en todas elas, xa que se encontran espalladas por todo o territorio de constante repoboación. O máis claro exemplo é a completa desaparición da mámoa GA36045032 a finais do ano 2011, debido á apertura dunha explanada neste lugar de plantación forestal.
Somos conscientes de que as cambiantes directivas das comunidades de montes descoñecen a identificación, localización e existencia da maioría destas mámoas. Por outra parte, non dispoñen de cartografía municipal detallada dos elementos patrimoniais de obrigada conservación. Por tanto, mentres non haxa un diálogo fluido entre as administracións e as comunidades de montes para a preservación deste legado milenario e irrepetíbel.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).