Mámoa GA36045036 (Trasmañó-Negros)

Localización

Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 47.

(Ver en Google Maps)

Está próxima á Mámoa do Rei, ao carón da estrada que comunica con Trasmañó, que a tronzou pola metade. Localízase doadamente, a pesar da maleza que a recobre, polo gran chanto solto que hai á súa beira no chan.

Descrición

As dimensións diametrais desta mámoa son 22,50 x 22,50 m. Estamos polo tanto ante unha das mámoas de gran tamaño diametral de monte Penide.

A altura do túmulo chega a 1,60 m no lado norte.

Presenta algunha alteracións importantes debido as espoliacións que sufriu. Aprécianse dous furados: un no centro, de considerábel dimensión, e outro no lado leste.

Precisamente neste mesmo lado chantaron no medio do túmulo un gran marco divisorio de parroquias (Trasmañó Negros) que non se entende que estea xustamente sobre a mámoa en lugar de telo situado fóra dela, en calquera outro lugar.

No interior da mámoa non se aprecia a existencia xa de ningún ortóstato.

Estado de conservación

A pesar do deteriorada que se atopa, aínda conserva polo lado norte unha apreciábel masa tumular que evidencia o gran tamaño do seu túmulo.

O peor para a súa conservación por máis anos é a cantidade de piñeiros que se plantaron recentemente sobre a superficie do túmulo.

As raíces destes piñeiros, cando medren, van constituír un serio perigo para a delicada consistencia do túmulo, conservada ata actualidade despois de máis de cinco mil anos.

Por outra parte, canto máis se deixen medrar estes piñeiros máis difícil será a súa corta sen danar a mámoa debido á utilización das ferramentas necesarias, as persoas que a esmagarán continuamente durante estes labores e a maquinaria pesada que haberá que empregar para mover as árbores.

Valoración final

É unha mágoa a agresión ocasionada polo enorme marco divisorio que lle chantaron encima. Por outra parte, ao pertencer a dúas parroquias distintas, podemos observar incongruencias tales como a diferente actividade que realiza cada comunidade de montes sobre ela.

Obsérvase curiosamente como os piñeiros e maleza da zona correspondente á parroquia de Negros foron cortados,  e en cambio os piñeiros e maleza correspondentes á comunidade de montes de Trasmañó continúan sobre o túmulo.

A implicación das comunidades de montes na conservación de todo este patrimonio é fundamental; sen ese compromiso non hai futuro posíbel para este grandioso campo de enterramento neolítico, dos mellores de Galiza, que conservamos no concello de Redondela.

O emprego de maquinaria pesada para os labores forestais. A produción intensiva e extensiva de árbores plantadas segundo miras exclusivas de produción madeireira, sen un mínimo de atención á conservación do patrimonio existente ao seu arredor está levando á súa paulatina desaparición.

Baste sinalar que nun inventario do ano 1978 aparecen 58 mámoas localizadas nesta montaña; trinta e dous anos máis tarde quedan 37 túmulos. Podemos constatar como nos últimos anos de democracia, cando máis leis de protección e sensibilidade existen, lévase destruído máis patrimonio ca nos cinco mil anos anteriores.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s