Ruta 1 das mámoas de Monte Penide
Publicado: 9 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas, RUTAS Deixar un comentario »As mámoas que conforman esta chaira son en total 35.
Decidimos dividir a ruta completa en dúas partes debido a que a páxina web na que van montadas só admite 25 puntos de referencia.
Nesta primeira etapa poderedes visitar 12 mámoas.
Lugar de partida
Esta primeira ruta para coñecer as mámoas de Monte Penide vai dende o campo de fútbol de Cabeiro ata a Mámoa do Rei.
Saímos do campo de fútbol de Cabeiro. Ata o campo de fútbol chégase comodamente subindo por Cabeiro, por Trasmañó, ou mesmo dende o parque forestal do Vixiador.
Dende aquí encamiñámonos ata a mámoa que está sobre o chamado Coto da Arca (referencia toponímica a mámoas). Unha fermosa mámoa que domina unha espléndida vista do val do Maceiras, Cabeiro e Peinador e dende onde comezará o noso percorrido.
A páxina web na que vai montada esta ruta permite descargala nun navegador GPS para que non perdades detalle de localización.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Tamén vos recomendamos a súa visualización en Google Earth dende a propia páxina web. Despregade a referencia da ruta que aparecerá na columna da esquerda da pantalla e premede sobre a opción “path”: faredes un percorrido aéreo sobre a ruta.
Ruta 2 das mámoas de Monte Penide
Publicado: 9 Outubro 2011 Arquivado en: Mámoas, Ruta 2 das mámoas, RUTAS Deixar un comentario »Nesta segunda ruta, partimos do remate da ruta 1, que corresponde coa denominada “Mámoa do Rei”, a máis emblemática e espectacular das mámoas que compoñen este conxunto da Chan da Cruz.
Atravesando esta extensa chaira, en dirección norte, discorre a pista forestal que observades na imaxe inferior.
A ambos os lados do camiño podedes visitar 22 mámoas seguidas, configurando un bossque de túmulos que se percibe claramente cando o monte está limpo e sen maleza.
Lamentábelmente, a mámoa indicada co número 32 desapareceu nos últimos meses do ano 2011. Foi arrasada completamente para crear unha explanada no medio de ningunha parte.
Esta ruta podedes imprimila ou descargala no voso navegador GPS.
Petróglifos do Coto do Corno II GA36045028 (Cedeira)
Publicado: 2 Novembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cedeira, Petróglifos, Zona Coto do Corno Deixar un comentario »
Localización
Na ladeira leste de Monte Penide, contra o nacente, encontramos este rico conxunto de gravados que imos describir a continuación.
Para chegar a eles abonda con seguir unha liña de media tensión que atravesa a montaña, ao norte das dúas liñas de alta tensión que pasan sobre o castro de Negros.
O poste que nos servirá de referencia é no que se bifurcan dúas liñas diferentes: a que continúa en liña recta cara a Cedeira e a que se desvía cara a Negros.
Ao pé deste poste atopamos os tres motivos rupestres pertencentes a esta catalogación e a uns vinte metros cara ao leste están o resto dos gravados.
Descrición
Pedra 1
Está situada ao pé da torre electrica, xa partida polos canteiros, coserva unha forma cuadrangular, plana, e sobresae uns 50 cm sobre o solo. Nela atopamos tres gravados.
Gravado 1
Presenta dous círculos concéntricos, cun diámetro de 29 cm. No centro dos círculos hai 9 coviñas. O círculo interior prolóngase cara ao exterior cun trazo lonxitudinal que chega ao borda da rocha, en dirección sur.
Gravado 2
Atópase a uns 34 cm dos círculos, cara ao norte. Está constituído por 7 coviñas que forman un círculo, cun diámetro de 15 cm.
Gravado 3
Está situado a uns 60 cm cara ao norte do anteior. Consiste nunha coviña duns 13 cm de diámetro.
Pedra 2
Está situada a uns 2 m da anteri0r pedra cara ao norte. Vemos unha rocha sobresaínte, redondeada e partida, que presenta o gravado na súa parte superior.
É unha figura irregular formada por trazos pseudoovais fechados de distintos tamaños. No seu interior hai varios gupos de coviñas. Destas figuras saen outros trazos en distintas direccións, que se van bifurcando pola rocha.
Pedra 3
Localízase ao lado da anterior, en dirección norte. Ten forma prominente sobre o chan, coma a anterior e presenta os gravados na súa parte superior.
Pódense observar dous círculos concéntricos, duns 45 cm de diámetro, con multitude de coviñas no interior de ambos os círculos. A figura está incompleta debido aos traballos de cantería que se desenvolveron nesta zona.
Estado de conservación
Os traballos de cantería alteraron moito toda esta zona. A maleza é abundante e invade as pedras gravadas.
Por outra parte a m oderna instalación da torre de media tensión xusto ao seu lado provocou numeroso cascallo ao redor das rochas gravadas que alteran tamén a propia zona.
Non hai información ningunha no lugar sobre a presenza destes gravados.
Valoración final
Monte Penide está sufrindo e padecendo nos últimos anos unha agresiva presión sobre toda a montaña: a invasión cada vez máis numerosa de edificacións, nunha evolución vertixinosa dende hai máis de corenta naos; a construción de vieiros, camiños, pistas, estradas asfaltadas, sen control suficiente nin ordenación ningunha; a condución de servizos como a telefonía e a electricidade, abrindo gavias sen control (a Mámoa do Rei prsenta un poste da compañía de telefonos sobre o seu túmulo), abrindo devasas baixo os cableados de alta e media tensión (arrasando as mámoas que caeron no seu paso); chantando postes e torretas sen control ningún sobre os xacementos ou moi preto deles (coma neste caso) lévanos a temer que estamos asistindo ao final dun patrimonio que se conservou con poucas alteracións durante os últimos milleiros de anos.
Podemos asegurar sen temor a trabucarnos que se leva destruído máis patrimonio en Monte Penide durante os poucos anos de democracia na que vivimos que nos cinco mil anos anteriores.
Hoxe en día, que é cando máis protección legal existe sobre a nosa arqueoloxía, é cando máis xacementos son agredidos e desaparecen. Administracións e comunidades de montes son as máis directamente implicadas na responsabilidade de conservar todo este patrimonio e dalo a coñecer adecuadamente á cidadanía.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Pétroglifos Poza da Lagoa III GA26045020 (Trasmañó)
Publicado: 13 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario »
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación, a uns 50 m de distancia collemos inmediatamente de novo á dereita e atoparemos á beira do camiño unha laxe de forma alongada e alombada, duns 10 m de longo e 50 cm de altura.
Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.
Descrición
Neste 3ª conxunto de gravados da Poza da Lagoa só nos constaba a catalogación dun petróglifo formado por un círuculo de coviñas. As pescudas nocturnas con luz artificial, así como as que mellor aproveitaron a luz solar do nacente e do poñente, ao longo de carias visitas, permitiron localizar varios gravados máis que a continuación detallaremos.
Figura 1. Círculo de coviñas.
Está situada a 3 m de distancia ao sur da rocha principal, a rentes do chan, normalmente oculta pola maleza e liques que a recobren.
Está conformado por 13 coviñas dispostas en círculo. 10 delas no perímetro exterior e as outras tres no interior.
O diámetro total é de 20 cm e as coviñas teñen un diámetro aproximado de 3 cm cada unha.
Figura 2. Dúas espadas curtas.
Están situadas na parte superior central da rocha principal. Para localizalas abonda con nos fixarmos na diaclasa central que percorre a rocha en toda a súa lonxitude. Os gravados das dúas espadas localízanse unha a cada lado desta fenda, moi próximas unha da outra.
Espada curta 1: a súa punta mira cara ao norte. Conta con folla e empuñadura. As súas dimensións son de 25 cm de longo e 10 cm de largo.
Espada curta 2: a súa punta mira cara ao sur. Conta con folla e empuñadura. As súas dimensións son iguais ás da espada 1.
Resulta curiosa a disposición das súas figuras, cada unha a un lado da diaclasa, apuntado en direccións opostas e, aínda que están desprazadas unha respecto da outra, as súas puntas coinciden case á mesma altura.
Zona sur da rocha
A diaclasa central que percorre lonxitudinalmente o lombo desta rocha etá cortada perpendicularmente na súa zona sur por outra diaclasa. Esta fenda delimita unha nova zona na que atopamos tres figuras.
Figura 3. Círculo.
Na parte central desta zona sur da rocha atopamos un círulo concéntrico con coviña central.
Figura 4. Coviña.
Na parte leste desta zona da rocha, moi próxima ao bordo, existe unha gran coviña que ten uns 12 cm de diaámetro e 6 cm de fondo.
Figura 5. Forma indeterminada.
Apegada á diaclasa, na súa parte central atopamos unha serie de gravados con forma indeterminada. A feitura dos sucos permítenos poder incluílos como gravados artificiais, non naturais.
Valoración final
Este conxunto de gravados está preto, a uns 18 metros ao sur, do conxunto denominado Poza da Lagoa II, onde tamén se rexistran numerosas armas.
A conexión temática de ámbalas dúas é moi directa, polo que agardamos que nun futuro se poñan en relación ambos grupos de petróglifos. Ete que acabamos de ver engade, ademais, o fermoso círculo de coviñas tan ben conservado baixo a capa de terra e lique que o cobre habitualmente.
Curiosamente, na rocha II do conxunto Poza da Lagoa II, tamén hai un grupo de 11 cazoletas, mais desta vez formando unha figura cuadrangular, moi mal conservada, nun avanzado estado de desgaste.
Engadindo estas duas espadas curtas que acabamos de describir, temos un conxunto global de diferentes representacións de armas, con diferentes tamaños, que van dende os puñais, as espadas curtas, ata outras de maior lonxitude e largura.
A mágoa é, coma sempre, o abandono e descoñecemento destes gravados. Agardamos que a partir de agora a Comunidade de mOntes de Trasmañó, así como a corporación municipal, vaian contando con maior información sobre o formidábel patrimonio que teñen nas súas mans e poñan todo da súa parte para preservalo e difundilo adecuadamente.
Indicadores, paneis informativos cos debuxos e fotografías correspondentes que eviten que a xente rañe nas pedras pola súa conta con calquera tipo de obxecto agresor para os gravados, valado protector ao redor das rochas e unha limpeza e coidado da contorna, contribuírán a unha posta en valor tanto educativa como social que tan necesaria é nunha zona, ademais, moi frecuentada por persoas e familias que se achegan ata a área recreativa da Poza da Lagoa.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Pétroglifos Poza da Lagoa II GA26045019 (Trasmañó)
Publicado: 11 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos, Zona Poza da Lagoa Deixar un comentario »
Localización
Este conxunto de gravados rupestres está situado nas inmediacións da área recreativa da Poza da Lagoa. Dende a zona central da área recreativa, iniciamos un camiño de baixada que pasa pola poza e fonte de auga que dá nome a este lugar e 70 m máis adiante atopamos unha desviación á dereita. Conforme tomamos esa desviación collemos inmediatamente de novo á dereita, na propia encrucillada, descendendo cara a unha laxes planas que atopamos inmediatamente.
Na aplicación de Google Maps atoparedes numerosas imaxes que vos axudarán a situarvos con maior precisión.
Descrición
Este conxunto etá formado por tres rochas que a continuación describiremos detalladamente.
Rocha 1
É a primeira que atopamos no noso descenso.
Conxunto 1
Presenta unha gran circunferencia de 2,60 m de diámetro. Dende o seu interior, en dirección leste-oeste, discorren dúas liñas case paralelas que saen do circo pola parte oeste. O tipo de suco que trazan estas figuras, máis estreito e anguloso, fai pensar que posibelmente sexan de realización moito máis moderna ca os gravados que atoparemos a continuación.
Conxunto 2
No seguinte treito desta rocha, fixándonos na súa zona norte, veremos unha espada ou puñal incompleto; o gravado só conserva a súa folla. Ten uns 37 cm de lonxitude.
A continuación vemos outra espada ou puñal completo, con empuñadura. Mide en total uns 60 cm de lonxitude e 17 cm de largo.
A carón da folla desta arma podemos ver unha coviña duns 6 cm de diámetro.
As armas forman entre si un ángulo de case 90º.
Entre estas dúas armas, na parte central da laxe, podemos atopar outra coviña de forma ovalada, cunhas dimensión de 9 x 7 cm.
Estas dúas figuras están en moi mal estado de conservación e apenas se dexergan na pedra se non temos unha luz apropiada.
Rocha 2
A separación natural que presenta esta ocha con respecto ás outras dúas que a arrodean está formada por cadansúa diaclasa nas estremas.
No noso percorrido de descenso polas laxes, ao chegarmos a esta, atoparemos o primeiro motivo á nosa esquerda, en dirección sur. Trátase de oito coviñas dispostas en dúas fileiras de tres coviñas e outra fileira de dúas coviñas na parte superior.
A parte central da rocha presenta diferentes liñas de formas irregulares de difícil comprensión. Unha destas liñas está conectada a unha coviña central de forma ovalada de 9 x 7 cm. Estas liñas irregulares, con formas rectas e curvas, conservan un trazo máis visíbel ca os das rochas adxacentes.
Entre este conxunto de liñas irregulares hai dous motivos que se poden identificar, pola súa forma, como posíbeis alabardas.
Unha delas presenta un mango completo de 66 cm, rematando nunha cabeza de alabarda de 20 cm de longo e 10 cm de largo. O enmangue non describe unha liña recta, senón que presenta unha pequena creba na parte central.
A outra alabarda está conectada coa primeira: o seu posíbel enmangue semella saír da punta da anterior alabarda, cuns 37 cm de lonxitude e rematar nunha cabeza de alabarda de 24 cm e longo e 10 cm de largo.
Rocha 3
No final deste percorrido, chegamos a unha laxe na que se atopan os motivos máis salientábeis de todo este conxunto da Poza da Lagoa. Trátase dun grupo de armas que, xunto cos da Auga da Laxe en Gondomar, son dos máis representativos da zona sur de Pontevedra.
O primeiro que topamos no noso percorrido, na zona leste da rocha, son dúas coviñas de 4 e 7 cm respectivamente.
A continuación unha espada ou puñal con empuñadura. Ten unha lonxitude total de 50 cm e 24 cm de ancho de folla. Ao carón da empuñadura hai unha coviña asociada a pequenos sucos sen identificación precisa.
Perpendicular a esta arma hai outro puñal máis pequeno, tamén con empuñadura.
A ambos os lados deste puñal vemos dúas alabardas, das tres que forman o conxunto.
A alabarda situada pola banda do norte do puñal ten un enmangue de 74 cm que aproveita unha fendedura natural da pedra. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 18 de largo.
A alabarda situada pola banda sur do pequeno puñal ten un enmangue de 64 cm e unha cabeza triangular de 22 cm de longo e 17 cm de largo. Case apegada á cabeza desta alabarda obsérvase outra forma triangular incompleta de 20 cm de longo e 17 cm de largo.
Entre estas dúas alabardas hai varios sucos de difícil identificación, sobre todo tendo en conta o acusado desgaste que presentan os gravados da laxe.
A terceira alabarda, situada pola banda sur desta última, ten un enmangue algo máis curto, de 42 cm de lonxitude. A cabeza triangular da alabarda mide 20 cm de longo e 16 cm de largo. Asociada á parte superior desta alabarda hai unha figura que parece continuación e que ten unha forma máis oval, de 25 cm de longo e 12 de largo.
Valoración final
O estado de conservación desta última rocha, e a principal de todo o conxunto, é deplorábel, e apenas se poden percibir os gravados de armas. O desgaste que sofren é moi importante. Para dificultar aínda máis a súa observación, a vexetación que medra ao seu arredor impide a entrada de luz apropiada ao atardecer, que é o mellor momento para observalos.
Aquí é moi necesario un entendemento apropiado entre a administración local e a Comunidade de Montes de Trasmañó para conservar estes gravados e facilitar a súa visita.
Non se entende que sendo estes os motivos rupestres máis representativos de monte Penide non haxa ningún tipo de posta en valor social: non existe nin sinalización para chegar a eles, nin coidado da contorna (os labores forestais realizados neste mesmo lugar foron denunciados publicamente por diversos colectivos debido á falta de protección que sufriron durante as intervencións), nin carteis que os identifiquen e informen das súas características e, naturalmete, o correspondente valado de protección coas indicacións necesarias para non estragar coas nosas pisadas ou intentos de redebuxado os gravados que tan infrutuosamente se conservan na actualidade.
Esta situación é aínda máis rechamante se pensamos que están situados nunha área de lecer á que acoden moitas persoas cada fin de semana.
Entendámolo ben: a Poza da Lagoa en todo o seu conxunto está situada nunha área de habitación haumana que pode remontarse quizais a hai máis de cinco mil anos de antigüidade.
Nesta área recreativa atópase unha mámoa, mais outra nas proximidades, posibelmente da época neolítica (entre 5.000-6.000 anos de antigüidade). En toda a zona por onde se creou o espazo de lecer atopáronse restos de útiles domésticos da Idade do Bronce – Calcolítico, o que nos indica que aquí houbo unha poboación asentada, coas súas vivendas, etc, que nos sitúa hai uns 3.000-4.000 anos de antigüidade. Esta poboaciaón foi tamén a que realizou os gravados rupestres que existen espallados por toda esta área recreativa e arredores.
Como é posíbel que as persoas visitantes deste parque forestal non sexan informados de que están camiñando sobre a propia historia, que están facendo os seus xantares e movéndose por un lugar no que existiu unha aldea hai tantos milleiros de anos, que aínda conserva tumbas e gravados rupestres tan fermosos e importantes daquelas épocas tan temperás da nosa historia?
Podemos subir a pasar un día de lecer e de paso levar para a nosa casa unha gran lección de historia, vivida no propio lugar en que se desenvolveron os nosos devanceiros, comprendendo moito mellor a paisaxe e o territorio que habitaron, a súa forma de vida, a súa arte gravada nas pedras e a súa espiritualidade manifestada na forma tan especial que tiveron de enterrar e perpetuar a vida eterna dos seus mortos.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa Coto da Arca GA36045060 (Cabeiro)
Publicado: 9 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 1 das mámoas de monte Penide. Ocupa o punto nº 2 do itinerario proposto.
Está emprazada nun dos lugares máis fermosos que ten Monte Penide, na parroquia de Cabeiro, nunha atalaia con espléndidas vistas sobre o val do Maceiras e a propia parroquia.
Tamén representa o comezo da chaira, moi preto do campo de fútbol de Cabeiro e un bo lugar para comezar a andaina de visita de todas estas mámoas.
A mámoa está sobre o cumio dun promontorio de grandes dimensións chamado Coto da Arca. Este topónimo fai de seu unha clara referencia a un lugar arqueolóxico vinculado, normalmente, con mámoas (cfr. Chan de Arquiña –O Morrazo-, Pedra da Arca –Malpica-, etc.)
Descrición
É un túmulo de grandes dimensións. Ten un diámetro de case 20 m, o que o converte nun dos máis destacábeis de Monte Penide. A altura, na súa base, rolda o 1,50 m.
A pesar do ben que se observa e recoñece, unha vez que nos achegamos ao lugar decatámonos do alterado que está este túmulo.
A vexetación que hai no seu cumio non permite apreciar a forma xeral da mámoa; ademais, está atravesada por un camiño que non só é de paso a pé, senón habitual tamén de paso de motos de montaña.
Tamén se poden apreciar restos de cachotes da coiraza que van quedando ao descuberto ao redor da mámoa.
Lembremos que esta coiraza de pedras de pequeno tamaño foron depositadas polos seus construtores para dar consistencia ao túmulo e impedir a súa degradación.
Estado de conservación
A alteración que presenta esta mámoa, debida de forma máis particular ás agresións polo paso de motos de montaña ao seu través, obriga a unha inmediata intervención que impida este tránsito.
Debido a isto, estase perdendo a masa tumular a unha gran velocidade. É coma unha serra que pouco a pouco vai abrindo un suca cada vez máis fondo polo centro da mámoa. Pensamos que estas desaforadas escavacións arqueolóxicas deberían seguir outro procedemento máis apropiado.
Por outra parte, toda a perenne maleza que hai no seu cume necesita un desbrozado.
Valoración final
A simple vista, a propia lóxica xa nos indica o que necesita este lugar concreto do Coto da Arca (canto nos transmite a nosa toponimia da relación entre o ser humano e o lugar que habita!) é unha intervención orientada á súa preservación e á súa posta en valor.
Preservación impedindo o paso de motos polo centro da mámoa (doado de conseguir) e, no posíbel, de persoas –a pesar de que vai ser difícil conseguir que non se empregue como miradoiro-.
Posta en valor con indicadores que dean toda a información necesaria para saber o que é, o que representa, o que vale para nós como patrimonio, o coidado que debemos ter na súa presenza, a súa relación co propio topónimo…
Cantos anos máis de desidia deberemos sufrir para que alguén na administración local tome por fin conciencia da necesidade de intervir neste lugar?
Será que son todos tan miopes que non se atreven a subir ata este lugar pola amplitude de miras e vistas que ten?
Máis información
Galería fotográfica sobre esta mámoa.
CÓDIGO DO XACIGO: GA36045060
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045059 (Cabeiro)
Publicado: 9 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 1. Ocupa o punto nº 3 do itinerario proposto.
Para localizar este túmulo, tomamos como referencia a denominada Coto da Arca. Cara ao norte descende un camiño que nos leva polo medio dos piñeiros. Entre estas árbores, á beira esquerda do camiño (Goolge maps), consonte se descende podedes intentar atopala.
Certamente é difícil porque está completamente cuberta de maleza, mais a protuberancia alombada que observedes daravos a referencia precisa.
Descrición
O túmulo ten unhas medidas de 15 x 15 metros, unha dimensión considerábel se atendemos ao seu deteriorado estado de conservación. O desgaste tumular que presenta fai que apenas sobresaia 90 cm do nivel do chan.
Na parte que linda co camiño, a mámoa está bastante estragada, debido precisamene á súa construción tan próxima ao túmulo.
Presenta un burato central e non se aprecia ningún ortóstato pertencente á cámara nin ao corredor.
Estado de conservación
Completamente abandonado e desleixado. Só se conserva o túmulo de terra. Os chantos foron subtraídos.
Tampouco hai nada que indique que aquí se atopa unha tumba neolítica de hai tantos milleiros de anos.
Hoxe en día é difícil encontrala debido ao desgaste sufrido polo túmulo.
O peor desta situación é que as xuntas directivas cambiantes da Comunidade de Montes de Cabeiro sexan coñecedoras da localización desta mámoa para evitar a súa destrución durante os traballos forestais que habitualmente se realizan por esta zona.
Valoración final
O normal é que a corporación municipal de Redondela, de quen depende en primeira instancia a conservación do noso patrimonio local, velase pola protección deste túmulo.
Debería estar perfectamente localizado e despexado de toda a maleza que o recobre, así como das árbores que medren encima.
Perodicamente é necesario unha inspección de toda esta ruta da mámoas de Monte Mirallo para comprobar a súa evolución e estado de conservación.
O diálogo permanente coas novas directivas da Comunidade de Montes actualizando e informando sobre o patrimonio que deben protexer facilitaría a súa conservación e mesmo divulgación.
Nest sentido, a creación de roteiros escolares, coas súas correspondentes unidades didácticas, contribuiría a que a mocidade tomase conciencia deste patrimonio.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045058 (Cabeiro)
Publicado: 9 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
A súa localización non é moi doada, por estar oculta entre árbores e ter un camiño ao seu carón. Por outra banda, a escasa altura que presenta o túmulo sobre a superficie dificulta tamén a súa identificación.
Tomamos como referencia a estrada que discorre pola chaira do conxunto tumular e as dúas liñas de alta tensión.
Uns 100 m ao sur das liñas eléctricas, a estrada vese atravesada perpendicularmente por un camiño de terra. Tomamos cara ao leste durante uns 50 metros por este camiño e viramos cara ao sur antes de chegar ao seguinte carreiro que aparece ao final. A uns 40 m atopamos esta mámoa no medio dos piñeiros.
Descrición
As dimensións diametrais son de 10,50 m e 75 cm de altura.
Trátase dunha mámoa de tamaño pequeno, comparada coa media das mámoas desta chaira que roldan os 15 m de diámetro.
No centro presenta unha abertura cónica que ocupa a metade da súa dimensión total.
A vexetación herbácea que arrodea este túmulo é moi mesta e abundante, o que a mantén completamente cuberta e de difícil visión e identificación.
Por outra parte está situada entre unha plantación de piñeiros realizada hai pouco tempo. Todos eles foron plantados seguindo unha disposición lineal. Foi unha sorte que non lle tocase plantar no centro da mámoa algún deles.
Pódese apreciar claramente como algúns dos piñeiros foron plantados sobre a masa tumular da mámoa, coa realización do correspondente burato fondo con algún tipo maquinaria.
As imaxes falan por si mesmas do estado en que se atopa esta tumba neolítica de ao redor do IV milenio antes da nosa era.
Valoración final
A recente plantación de piñeiros sobre a masa tumular pon en evidencia a falta de coñecemento por parte da Comunidade de Montes de Cabeiro da existencia deste mámoa milenaria neste lugar, se non, doutro modo non se entendería que non se gardase un espazo de protección ao redor do túmulo.
Isto manifesta tamén a falta de comunicación existente entre a adminsitración local e as comunidades de montes para buscar conxuntamente as medidas de prevención que eviten as sistemáticas agresións que sofren estes xacigos arqueolóxicos situados en terreos comunais.
Coñecen realmente a directiva da Comunidade de Montes de Cabeiro a existencia desta mámoa nos terreos en que habitualmente desenvolven traballos forestais? Os buratos para plantar os piñeiros teñen que ser realizados con maquinaria que, á vista da disposición da plantación, provocou algún tipo de agresión sobre este enterramento neolítico, ao pasar sobre el coas súas rodas e as manobras correspondentes.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa desaparecida GA36045032 (Negros-Cedeira)
Publicado: 9 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cedeira, Comunidade de Montes de Negros, Mámoas, Ruta 2 das mámoas Deixar un comentario »
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide. No mapa aparece secuenciada no itinerario co número 32.
Para localizar o lugar deste túmulo, tomamos como referencia a denominada Mámoa do Rei. Dende aquí parte un camiño en dirección norte que atravesa lonxitudinalmente esta chaira onde se atopa o conxunto megalítico.
Ao final da pista de terra chegamos a unha encrucillada na que nos dirixiremos ao leste cara a unha liña de alta tensión. Á altura da primeira torreta, ao outro lado do camiño, estaba localizada esta mámoa, apenas a 10 m de distancia da seguinte mámoa que está ao seu carón, tal como se aprecia na imaxe superior.
Descrición
No momento en que se redacta este artigo, xaneiro de 2011, aínda é perfectamente perceptíbel o lugar en que se atopaba esta mámoa ata hai uns meses.
Podemos apreciar a gran zona circular terrosa, arrodeada de herba, que deixou como marca o arrasamento que sufriu; así o evidencia a circunferencia que forma o perímetro do túmulo.
Esta mámoa estaba catalogada oficialmente co número que aparece no título deste artigo, e de acordo cos datos correspondentes a esa catalogación podemos informar das dimensións que tiña no momento da súa desaparición.
Os seus diámetros eran de 17,20 x 15,25 m respectivamente, unhas dimensións que a achegaban ás grandes mámoas desta montaña. a altura do túmulo conservado apreciábase claramente dende o camiño aínda que só conservase 60 cm de altura no seu lado norte. Ao estar situada nunha zona chá, era claramente perceptíbel.
Na parte central do túmulo contiña o típico furado central no que non se conservaban, aparentemente, chantos pertencentes á cámara funeraria do interior.
Espallados pola a mámoa sobresaían numerosos cachotes pertencentes á coiraza do túmulo, esas capas consecutivas de terra e cachotes de pedra coas que se lle daba firmeza e consistencia ao túmulo que cobre as grandes lousas interiores que forman o dolmen.
Agora mesmo, estes cachotes pertencentes á coiraza están arrombados nun recanto do terreo amoreados de calquera xeito.
Nunha pescuda visual superficial polo interior do espazo que ocupou a mámoa apareceu a flor de terra un machado pulimentado neolítico. Este machado formou parte das ofrendas ou do enxoval que acompañou a algunha das persoas enterradas nesta tumba. Nestas dúas imaxes pode verse o machado no propio lugar de localización. Na imaxe precedente ocupa o primeiro plano da fotografía, coa torreta ao fondo.
Valoración final
Que aparecese un machado íntegro daquela época na superficie da terra que antes pertencería ao fondo da mámoa fainos pensar na cantidade de material neolítico que se puido perder nesta agresión patrimonial. Normalmente estes obxecto de gran valor arqueolóxico e antropolóxico para coñecermos a forma de vida e crenzas que posuían os seres humanos de hai uns seis mil anos, aparecen ao longo do corredor de entrada ao centro da mámoa e no interior do propio dolmen. Toda unha perda que xa é irreversíbel.
De todos os xeitos, aínda se debería realizar unha prospección de urxencia no lugar que ocupaba para poder rescatar calquera outro obxecto ou utensilio que puidese quedar soterrado a maior profundidade. Descoñecemos cal sería o fondo orixinal da mámoa. A rasante actual non ten por que coincidir, coa inicial de cando foi erixida.
Pensemos e tomemos conciencia de que a mámoa que tan iloxicamente foi destruída era más antiga cas as propias pirámides de Exipto. Este templo funerario que agora perdemos de monte Penide foi construído uns dous mil anos antes ca as primeiras pirámides dos faraóns.
Monte Penide ten un conxunto de 35 templos funerarios deste tipo. Se estivesen convenientemente conservados, escavados e postos en valor social como o están as pirámides, deixariamos de mirar univocamente para fóra e valorariamos máis os grandes tesouros que posuímos dentro do no noso concello.
Este é un labor que implica unha toma de responsabilidade real das administracións en colaboración coas comunidades de montes.
Este conxunto tumular do neolítico, e en particular esta mámoa irremediabelmente desaparecida, é patrimonio de todos, non é unha propiedade particular de ninguén.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitardes converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045057 (Cabeiro)
Publicado: 7 Outubro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
Tomamos como referencia a estrada que discorre pola chaira do conxunto tumular e as dúas liñas de alta tensión.
Uns 50 m ao sur das liñas eléctricas, a estrada vese atravesada transversalmente por un camiño de terra. Tomamos cara ao leste durante uns 100 metros por este camiño e viramos cara ao norte no seguinte carreiro que aparece. A uns 30 m atopamos esta mámoa no medio dos piñeiros.
Descrición
Recoñecer esta mámoa é bastante dificultoso na actualidade. Ao igual que denunciabamos a respecto da mámoa GA36045056, estátamén está case completamente destruída; máis aínda ca a anterior.
Podemos recoñecer o túmulo que forma a maleza que hai na súa superficie, bastante inaccesíbel. Mais a masa tumular da mámoa propiamente dita está case desaparecida.
As medidas son, xa que logo, moi imprecisas de determinar, tanto nos seus diámetros coma en altura.
Na actualidade percíbese un gran burato central que ocupa toda a mámoa e moitos de cascallos e refugallos no seu interior.
Na observación realizada, foi moi difícil precisar incluso se se trataría realmente dunha mámoa, xa que a pedra que está asociada a este túmulo máis parece propia dos restos dunha canteira.
Valoración final
A limpeza completa da contorna deste xacigo permitirá discernir con maior claridade se se trata ou non dunha mámoa asói como das dimensións e estado real de conservación deste posíbel tumulo funerario.
É unha mágoa que se conserve no actual estado en que se pode ver. Instamos á Comunidade de Montes de Cabeiro a menter un especial coidado con esta zona e a colaborar na súa conservación. Calquera intervención que se realice neste lugar, sen o debido coidadoe control, pode causar danos que acaben definitivamente con este probábel xacemento neolítico que a duras penas dá sobrevivido nos últimos anos, logo de máis de cinco mil anos entre nós.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045056 (Cabeiro)
Publicado: 26 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
Tomamos como referencia a estrada asfaltada no encontro coas liñas de alta tensión.
Ao sur das dúas liñas electrificadas, a uns corenta metros miramos cara ao leste. No medio do bosque, uns trinta metros cara ao interior atoparemos esta mámoa.
A primeira identificación que atoparemos é unha das pedras da cámara. O que é o túmulo apenas se percibe entre a maleza e as árbores.
Descrición
Esta mámoa ten unha dimensións diametrais de 14 x 12,50 metros. A altura do túmulo é de 0,40 metros.
Como pode verse, a altura do túmulo é moi pequena. De aí que apenas sobresaia do chan formando unha pequena elevación. Isto é debido a que foi perdendo case toda a súa masa tumular.
Entre a maleza poden dexergarse varias lousas con bastante dificultade.
Dous ortóstatos permanecen en posición horizontal, os demais están tirados polo furado central do túmulo. Este furado ocupa todo o que é a mámoa en si, por iso é difícil de apreciar o túmulo na súa forma e dimensión precisa.
1º Ortóstato, o máis grande e sobresaínte, mide 1,30 m de altura sobre o chan e 1,30 m na zona máis ancha. O grosor é de 20 cm.
2º ortóstato, o segundo en posición horizontal, mide 0,55 m de altura e 0,70 m de ancho. O grosor é de apenas 10 cm.
Un 3º ortóstato mide 0,65 m de longo e 0,50 de largo.
Un 4º ortóstato mide 0,70 m de mongo e 0,50 de largo.
Hai unha quinta pedra que non se pode identificar claramente como un ortóstato, senón máis ben coma un resto de pedra de procedencia imprecisa.
A mámoa está rodeada por escavacións de terra, difíciles de identificar en canto á súa función.
Estado de conservación
Está case destruída, moi estragada polo tempo e acción humana principalmente: toda a mámoa está moi alterada por remocións.
Como acabamos de dicir, a parte central está completamente arrasada e retirada case toda a terra do túmulo.
A maleza e as árbores, principalmente piñeiros, ocupan toda a mámoa.
Valoración final
Esta mámoa necesita unha atención moi urxente, debido ao perigo de inminente de desaparición que sofre.
Calquera nova intervención incontrolada que se realice neste lugar pode ser definitiva. Polo tanto cómpre unha limpeza de toda a contorna e o coidado da Comunidade de Montes de Cabeiro para evitar a súa perda completa.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045055 (Cabeiro)
Publicado: 24 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
Para localizala, partiremos da estrada asfaltada, entre as dúas liñas de alta tensión. Collemos, cara ao leste, por calquera das dúas devasas abertas baixo os cables eléctricos. A uns douscentos metros atopamos un camiño transversal que comunica as dúas devasas. A uns trinta metros da devasa norte, na beira leste do camiño está esta mámoa.
A pesar da abundante vexetación, a elevada protuberancia da mámoa fai sobresaír unha lombeira característica da súa identificación.
Descrición
Esta mámoa ten unha dimensións diametrais de 20,50 x 19,90 metros. A altura do túmulo chega a 1,90 metros.
O tamaño, como pode apreciarse é considerábel, para poder clasificala entra as destacábeis de todo o conxunto.
Presenta unha abundante vexetación e plantacións de piñeiros e outras árbores e abustos sobre o túmulo.
Tamén podemos observar un pequeno cono de espoliación central sen ningún ortóstato que se puidese apreciar a primeira vista.
Estado de conservación
É unha mágoa que unha mámoa destas dimensións esta nas condicións en que se atopa.
Tantas árbores sobre o túmulo están producindo un dano que pode chegar a ser irreparábel e mesmo abocala á súa desaparición. Pensemos nos traballos forestais que haberá que realizar para liberala desta agresión.
No momento actual resulta moi difícil apreciar este exemplar arqueolóxico en toda a súa dimensión. Mesmo se fixeron unhas remocións de terra ao seu carón que afectan a súa configuración orixinal.
Valoración final
É curioso que estando ao lado dunha devasa, todo estea limpo baixo os cables e que en cambio se deixe de lado a limpeza deste importante xacigo arqueolóxico.
Por extensión foron eliminadas todas as árbores que puidesen colidir coa liña de alta tensión, mais non se fixox o mesmo coas árbores que enterran profundamente as súas raíces entre as terras do túmulo.
Estando tan preto a zona que se mantén perodicamente despexada e limpa de cexetación da devasa, nada custaba aproveitar tamén para despexar e limpar esta mámoa de todos estes mesmos elementos de vexetación que tanto dano lle causan, sobre todo considerando que é un monumento arqueolóxico que leva aí dende hai máis de 5.000 anos.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045054 (Cabeiro)
Publicado: 22 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.
Pódese localizar entre as dúas liñas de alta tensión, moi preto da estrada. Está situada entre piñeiros e unha densa vexetación que impiden completamente a súa visibilidade. A pouca altura do túmulo tamén dificultan a súa inmediata localización.
Descrición
As medidas son de 13,75 x 11,25 metros nos seus diámetros. A altura do túmulo é de aproximadamente 1 metro.
No centro da mámoa hai un cono de espoliación no que sobresae un ortóstato 25 cm sobre o nivel da terra e ten un ancho de 60 cm. Non se aprecian as demais pedras do dolmen.
Sobre a mámoa hai plantados varios piñeiros, un deles de grandes proporcións mesmo a carón da depresión central. O resto do tú,mulo está cuberto dunha densa vexetación.
Estado de conservación
A pesar de encontrarse nun lugar bastante accesíbel, dar con ela non é doado debido ás condicións que acabamos de expoñer.
Os piñeiros que hai sobre o túmulo son o problema máis grave que presenta, xa que a medida que van medrando, a agresión que provocan é maior.
Cortar estes piñeiros leva de seu consigo un traballo forestal bastante agresivo contra a mámoa debido ás grandes dimensións que teñen na actualidade; mais o peor aínda é a raíz que queda dentro do túmulo, que xa non se pode extraer sen danar gravemente a masa de terra que lle dá forma.
Valoración final
Hai un traballo inmediato de intervención das distintas entidades implicadas na conservación deste conxunto patrimonial de primeira categoría en Galicia.
Tanto a corporación municipal coma a Comunidade de Montes de Cabeiro teñen unha importante responsabilidade no coidado e atención que estas construcións milenarias precisan.
Algo que foi construído polos nosos devanceiros hai máis de cinco mil anos, e que son ademais as primeiras construciósn humanas que existen en Galicia, non pode ser destruído en apenas unha xeración na actualidade; sobre todo en momentos nos que, en teoría, debería existir un control democrático e responsábel do noso patrimonio.
Esta é a concienciación na que deben traballar todas as entidades implicadas. De non ser así, poucos anos de vida lle podemos dar a este legado arqueolóxico inmemorial.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045053 (Cabeiro)
Publicado: 20 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 1 das Mámoas de Monte Penide. Ocupa o punto nº 11 do itinerario proposto.
Podemos falar dunha mámoa illada con respecto á concentración das demais deste conxunto. Encontrámola na marxe dereita da estrada durante o noso itinerario da Ruta 1. Está a uns corenta metros cara ao interior do monte. O punto que nos pode servir como referencia é a liña de alta tensión, xa que se atopa uns cincuenta metros logo de pasar a devasa que se abre por debaixo dos cables. (Ver en Google Maps).
Descrición
A mámoa mide 20,75 x 23,50 metros nos seus diámetros. A altura chega ata 1,75 m.
Todo o túmulo está cuberto de abundante vexetación e árbores como eucaliptos, carballos e piñeiros.
No cono central espoliado só se atopa un ortóstato, os demais desapareceron. Este chanto mide 1,3o m de altura, 1 m de largura e 20 cm de grosor. Este cono central presenta un fondo burato, do que nada se pode precisar debido á abundante vexetación que o cobre.
Estado de conservación
Tal como acabamos de apuntar, o túmulo ten encima eucaliptos, carballos, piñeiros e todo tipo de vexetación.
Isto leva consigo que tanto as raíces, coma os traballos forestais derivados, estraguen cada vez máis esta mámoa.
Valoración final
Aquí intervén tanto a administración local coma a Comunidade de Montes de Cabeiro para restituír e recuperar a contorna da mámoa. Non hai sinalización ningunha que indique onde se sitúa. Mesmo pasa bastante desapercibida como túmulo neolítico para calquera persoa descoñecedora deste ben patrimonial.
As directivas das comunidades de montes son cambiantes, así como as persoas que manexan maquinaria pesada para traballos forestais, en moitos casos todos eles descoñecedores da existencia desta mámoa.
Dende logo, se non se sinaliza no propio lugar, o máis normal é que as persoas que fan traballos forestais non sexan capaces de recoñecela como patrimonio arqueolóxico.
O esperábel sería tamén que a propia Comunidade de Montes, se fose coñecedora da súa existencia e valor, evitase a plantación de árbores sobre o túmulo, ou procedese á súa eliminación e limpeza.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045052-b (Cabeiro)
Publicado: 18 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Esta mámoa pertence á Ruta 1. Está situada ao lado da mámoa GA36045052. (Ver en Google Maps)
Como non aparece nas catalogacións oficiais, denominámola GA36045052-b, por estar situada contigua á anterior.
É moito máis difícil de percibir ca a outra, por ser de moito menos tamaño e estar completamente invadida por árbores, arbustos e maleza. Non obstante, está situada máis preto da estrada e pode percibirse a protuberancia alombada das árbores que hai sobre ela.
Descrición
Mide ao redor de 7 m de diámetro; as súas medicións son bastante imprecisas pola maleza que a recobre. A altura que sobresae do chan é de aproximadamente 70 cm.
Conserva o túmulo, con cono de espoliación e non posúe ningunha lousa no seu interior que se poida percibir.
Estado de conservación
Está en pésimas condicións debido principalmente á dificultade da súa visualización. Ademais de ser pequena, pasa bastante desapercibida por mor da vexetación que a recobre.
Ao ter un túmulo moito menos sobresaínte, os traballos forestais, así como as raíces e malezas deterioran gravemente a súa cuberta de terra.
Valoración final
Esta é unha mámoa na que hai que evitar a súa desaparición. Cómpre sacala á luz e destapala da vexetación que está ocultándoa.
Tamén se necesita catalogala e facer unha primeira análise das súas características e estado.
É curioso que stando tan preto da estrada asfaltada, pase tan desapercibida. Ademais forma parte dun conxunto de túmulos próximos á Mámoa do Rei.
Podemos engadir que forma unha curiosa tríade xunto coa Mámoa do Rei e a GA36045052. Esta tríade amosa tres mámoas con características singulares: a Mámoa do Rei é a que conserva os ortóstatos mellor conservados de todo Monte Penide; a GA36045052 é a que conserva o túmulo máis grande e cunhas peculiaridades abondo rechamantes, como a de poder pasear polo seu interior atravesándoa dun lado ao outro; e esta GA36045052-b por ser un exemplo de mámoa de reducidas dimensións ao carón das outras dúas, de moito maior tamaño, que nos leva a consideracións e especulacións sobre a funcionalidade que terían as distintas dimensións con que eran construídos estes megálitos funerarios.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045052 (Cabeiro)
Publicado: 16 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web. Está moi preto da Mámoa do Rei.
Na mesma man da estrada en que se atopa a Mámoa do Rei, uns cen metros de distancia cara ao sur. É doadamente distinguíbel polas dimensións tan sobresaíntes que aínda conserva.
Descrición
A mámoa 52 é a máis grande de todas as que conforman o conxunto tumular de Monte Penide.
Ten unha dimensións de 27 x 26 metros nos seus diámetros e unha altura que chega ata os 2 metros.
Dito isto, engadamos que se pode atravesar dun extremo ao outro polo seu interior, de norte a sur, debido á unha gran retirada de terra que se efectuou do seu interior. Aínda así, conserva gran parte do túmulo circundante.
No seu interior podemos sentir as dimensións que estas construcións puideron chegar a ter no seu momento. Pensemos que hoxe, despois de máis de cinco mil anos, conservamos unha parte do enorme que puido ser a arquitectura orixinal destes megálitos funerários recubertos de terra e coiraza pétrea.
No interior conserva dous ortóstatos: un de 1,40 m de ancho, 1,90 de alto e 30 cm de grosor; e outro de 1 m de ancho, 1,20 m alto e 15 cm de grosor.
Estado de conservación
A pesar do túmulo conservado na actualidade, a intensiva plantación de árbores e arbustos sobre a terra da mámoa, que ocupan toda a súa superficie, fai perigar seriamente a súa conservación futura. As raíces das árbores acabarán por deformar o túmulo e facelo desaparecer.
Valoración final
As administracións non deberían ter especial dificultade en convencer a Comunidade de Montes de Cabeiro na concienciación de que a posíbel perda económica que lles podería causar o deixar de usar os túmulos das mámoas para realizaren as súas plantacións de piñeiros iría en beneficio da conservación dun patrimonio cultural que leva entre nós máis de cinco mil anos e que temos a responsablidade de perpetualo ouros cinco mil anos máis, como mínimo.
Dito doutro xeito, os ridículos beneficios económicos duns cantos piñeiros plantados sobre as mámoas non pode primar sobre o interese común do noso patrimonio, permitindo que por catro patacos se perda un monumento neolítico que ten tantos milleiros de anos.
Pensemos que os dolmens son as primeiras construcións humanas que existen en Galicia. Son as obras de arquitectura máis antigas que temos no noso país. En moitos casos verdadeiras obras de arte e enxeñaría tendo en conta a tecnoloxía que posuían naquel momento.
As pedras que empregaron pesaban varias toneladas moitas delas. Non tiñan útiles de metal para cortalas e darlles forma; só dispoñían de madeira e outros utensilios de pedra para arrancalas das canteiras. Pensemos no traballo inmenso colectivo que tivo que pasar aquela xente para arrastralas ata os lugares en que se erixiron e o traballoso da súa colocación.
Mais sobre todo pensemos no sentido relixioso que tamén se pode adiviñar destrás destas construcións: os vivos habitaban aldeas, seguramente preto das mámoas, que hoxe non conservamos seguramente debido a que estarían construídas con madeira. A esperanza de vida era moi baixa, podemos falar de 40 anos aproximadamente.
A xente construía casas de madeira perecedoiras, que habería que repoñer cada pouco tempo, para unha vida tamén breve e perecedoira; en cambio, para os seus mortos construía moradas realizadas en pedra, imperecedoiras, eternas; e ademais cun traballo inmenso (pensemos na diferenza entre construír vivendas de madeira e “vivendas” funerarias en pedra, que deberon resultar ciclópeas para a tecnoloxía do seu tempo.
Desta exposición podemos inferir que para construír vivendas eternas para os seus mortos, é posíbel que tivesen xa un concepto moi evolucionado da vida despois da vida, como algo eterno tamén. Os achados de elementos rituais en moitas da mámoas galegas corroboran tamén esta visión relixiosa destes túmulos funerarios, como lugares sagrados para os seres humanos do neolítico.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa GA36045051 (Cabeiro)
Publicado: 14 Setembro 2011 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Mámoas, Ruta 1 da mámoas Deixar un comentario »
Localización
Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web. Ocupa o penúltimo lugar do noso percorrido.
Está situada á beira da estrada, moi preto da Mámoa do Rei, xusto ao outro lado da estrada asfaltada que discorre entre as dúas.
A súa localización é ben doada, a pouco que nos fixemos, malia o deteriorado estado de conservación que presenta.
Descrición
Esta mámoa ten unha medidas de 13,60 x 14,50 metros. A altura actual apenas acada 1 metro.
Presenta un corte importante de masa tumular debido á construción da estrada que pasa ao seu carón. Este corte tamén deformou a configuración orixinal do terreo creando unha ruptura paisaxística na continuidade do conxunto tumular que arrodea a Mámoa do Rei.
No cono central da mámoa obsérvanse súas pedras chantadas que poderían corresponder a ortóstatos do dolmen interno.
Ao redor do túmulo tamén podemos constatar a presenza de varios ortóstatos estrado polo chan, que poden pertencer a esta mámoa ou a outras do seu arredor. De feito, ao outro lado da estrada obsérvanse máis otóstatos tirados entre os piñeiros.
Estado de conservación
Despois do exposto, queda claro que o estado de conservación é calamitoso. Esta mámoa sufriu graves agresións e alteracións que a piques están de facela desaparecer. Hoxe en día é difícil percatarse da súa existencia se non se sabe previamente que se trata dun túmulo neolítico.
Cómpre unha intervención que evite o seu progresivo deterioro e desaparición. Observada dende a parte interior do monte, apréciase con mellor perspectiva o túmulo e os ortóstatos que están ciscados ao seu arredor. Unha limpeza a fondo e unha posta en valor coas apropiadas indicacións espertarían, sen dúbida, a sorpresa das persoas visitantes que na actualidade non contan coa súa presenza, tan preto da Mámoa do Rei como está.
Valoración final
A estrada foi financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra. Paradoxalmente, a administración foi neste caso a principal responsábel da agresión patrimonial que sufriu esta mámoa. Daquela, unha asociación cultural de Redondela, Alén Nós, defensora do noso patrimonio cultural, intentou por activa e por pasiva a paralización das obras e a rehabilitación deste conxunto tumular. A intervención agresora da Deputación foi rápida e contundente. Dun día para outro, toda a pista forestal apareceu asfaltada e os feitos consumados.
Máis información
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Petróglifo da Porteliña II GA36045025 (Trasmañó)
Publicado: 23 Agosto 2008 Arquivado en: Comunidade de Montes de Trasmañó, Petróglifos Deixar un comentario »
Localización
Chegamos a el collendo a entrada á área recreativa da Poza da Lagoa, dende Trasmañó. Conforme se colle a pista que leva a ela, está na ladeira que sobe á nosa dereita. Hai un carreiro que sobe xusto ata os gravados, que están nunha gran laxe a rentes do chan. As vistas sobre a ría son excepcionais, sobre todo na hora do solpor.
Descrición
O deterioro progresivo e acelerado que se produciu nestes gravados en moi poucos anos fai que a descrición actual non teña nada que ver coa que coñecemos hai apenas quince anos.
Atopamos unha laxe plana, a rentes do chan, con gravados distribuídos por gran parte da súa superficie.
No croquis que podemos ofrecer na actualidade, elaborado tras un estudo completo e catalogación dos xacigos arqueolóxicos desta montaña, realizada en 1997 por Santiago Vázquez Collazo, xa non aparecen algunha formas visíbeis anos antes.
Aínda así, destacan especialmente o gran número de cazoletas agrupadas por diferentes lugares (1, 2, 3, 5, 8, 10, 12, 13) ou asociadas a formas circulares (7, 9, 11, 14, 15, 16, 17). As cozoletas son de moi diferentes tamaños, dende moi pequenas ata algunhas de relevante profundidade e diámetro (entre 9 e 12 cm). Aquí podemos engadir que nalgúns casos hai cazoletas grandes rodeadas de cazoletas pequenas (10, 12, 13)
Tamén salientan os grupos circulares (9, 11, 14, 16, 17), case todos cun só trazado e só un gravado ten dous círculos concéntricos. Os tamaños oscilan entre os 11 cm (16), 23 cm (11, 17), 34 cm (14) e os 58 cm (9) de diámetro de cada un deles.
Outro dos elementos a destacar son os dous gravados naviculares. Habituais noutros moitos lugares, en Monte Penido só existen aquí estes dous e outros dous en Coto do Corno, na outra ladeira da montaña, sobre o val do Maceiras. Alí tamén están vinculados a un numeroso grupo de gravados circulares e cazoletas, así como un cervo.
Estado de conservación
O deterioro é patente a nada que observemos os gravados. A pedra estase descompoñendo a unha velocidade moi rápida. A superficie esfarélase e os sucos actuais case están desaparecidos e de moi difícil apreciación nalgúns casos.
Valoración final
A Porteliña está vinculada á Poza da Lagoa. Toda esta ladeira estaba chea de laxes que desapareceron baixo as picas dos picapedreiros. Só se conservou esta laxe completa. Hai un petróglifo máis na parte baixa desta aba formado por coviñas. Abaixo de todo, ao lado da pista, hai un novo vieiro asfaltado que vai cara a un restaurante. Á entrada dese vieiro agora asfaltado había dous gravados de círculos concéntricos que desapareceron recentemente baixo o cemento. Solicitouse permiso municipal para cementar máis dun cento de metros de camiño? E se así foi, coidou a corporación municipal –non só é responsabilidade do
goberno- que eses gravados non fosen sepultados?
Podemos afirmar rotundamente que a corporación municipal de Redondela non controla nada do que suceda con todo este patrimonio arqueolóxico: nin asfaltados, nin desbrozamentos, nin uso de maquinaria pesada no monte, nin construción de tendidos eléctricos ou telefónicos, nin repoboacións forestais… nin nada de nada de nada.
Desapareceu máis patrimonio arqueolóxico nos poucos anos que levamos de democracia ca nos últimos cinco mil anos. Non será que levan dende sempre as mesmas persoas apoltronadas na corporación coa mesma incompetencia, inoperancia e falta de ideas ano tras ano para solucionar este gran problema?
Con respecto á preservación destes gravados, hai xa moitos anos que os arqueólogos levan propoñendo medidas de protección contra a erosión das propias laxes, sobre todo na actualidade, coa chuvia ácida, da que Galicia é ademais unha especial prexudicada.
Se non se toman medidas apropiadas que defendan os gravados da erosión natural, en poucos anos non serán recoñecíbeis a maioría dos gravados que observamos na actualidade.
Isto pódese ver dun xeito aínda máis alarmante nos únicos gravados de armas que temos en Redondela, que están na Poza da lagoa. Atopar hoxe unha alabarda é unha tarefa case reservada ás persoas
avezadas e que coñecen esta rocha dende hai moitos anos.
Máis información
Galería fotográfica: Angel de Prado.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Mámoa do Rei GA36045050 (Trasmañó)
Publicado: 21 Agosto 2008 Arquivado en: Comunidade de Montes de Cabeiro, Comunidade de Montes de Negros, Comunidade de Montes de Trasmañó, Mámoas, Ruta 1 da mámoas, Ruta 2 das mámoas 2 Comentarios »Situación: está emprazada no principal cruzamento de camiños que hai entre Cabeiro e Trasmañó. Hoxe en día existe unha estrada asfaltada que rodea esta mámoa, feita a finais dos anos noventa. Pódese chegar á Mámoa do Rei perfectamente en coche e aparcar xusto ao seu carón, tanto dende Cedeira, Trasmañó, Cabeiro e o monte do Vixiador en Candeán.
Descrición
Diámetros: N-S: 20.30 m, L-O: 19.20 m
Altura: 1.75 m
Túmulo: cada vez conserva menos masa tumular debido ás continuas agresións que sofre: árbores plantadas, construción dunha estrada ao seu carón, numerosos tobos de coellos, marco de Telefónica. Aínda así, apréciase a estrutura do túmulo en toda a súa dimensión.
Dolmen: conserva 6 ortóstatos. Falta un nun dos laterais. O conxunto conservado na actualidade dános unha dimensión do tamaño que debeu ter antes da súa degradación. Ao redor da mámoa do Rei hai varios chantos tirados, dos que algún deles puido pertencer a este dolmen. Hai persoas maiores que aseguran recordalo aínda co túmulo de terra ata a parte superior das lousas.
Tradicións
A máis interesante das recollidas fala de que os acompañamentos mortuorios que antes pasaban dun ao outro lado da montaña facían parada diante da mámoa do Rei para rezar responsos pola persoa que levaban no cadaleito. Isto ten un interese especial pola conservación da significación mortuoria deste lugar, a pesar de que con toda probabilidade a xente xa no sabía realmente que as mámoas eran utilizadas seis mil anos atrás para enterrar mortos.
Podedes observar, ademais, que un dos ortóstatos pertencente ao comezo do corredor ten unha cruz inscrita no seu cimo.
Tamén se recolleu a memoria da tradición de ser lugar de parada da mocidade que atravesaba dunha a outra parroquia nos días de festa para parar diante da mámoa do Rei a troulear un pouco.
Outra das mulleres entrevistadas contaba que de pequena subía para esta chaira co gando e lembra a introducirse nalgunhas das mámoas xogando cos cachiños de “azulexos” que había no seu interior e mesmo recordaba ter roto nunha ocasión unha vasilla de barro que estaba enteira.
Estado de conservación
A construción da estrada, a pesar da protesta que xerou no seu momento, deteriorou o túmulo que rodea o dolmen; especialmente a zona de entrada do corredor que conduce ao seu interior. A construción da estrada implicou a realización de fondas gabias pola beira, que non respectaron ningún tipo de distancia con respecto ao túmulo.
Ao estar nun lugar polo que, grazas á oportuna estrada, pasan tantos vehículos a diario, as agresións son constantes: os paneis informativos son obxecto de actos vandálicos; o ortóstato reposto amosa unha ocorrente pintada de alguén con menos intelixencia e coñecemento ca as persoas que o construíron hai milleiros de anos; os coellos teñen tobos furados con entradas e saídas por todas as partes do pouco de túmulo que vai sobrevivindo.
Sobre o túmulo tamén hai un pequeno poste de pedra de Telefónica. O enxeñeiro que deseñou ese trazado foi un deses eméritos licenciados que pasan por unha universidade, pero que a universidade non pasa por eles, e marcan liñas rectas nos planos sen importarlles o que leven por diante.
Valoración final
A Lei de Patrimonio de Galicia, con ser do ano 1995, non impediu que a Deputación provincial de Pontevedra acordase asfaltar a finais dos anos noventa a pista de terra que comunicaba Trasmañó con Cabeiro, a pesar de que no pleno da Deputación había varios representantes da corporación municipal de Redondela.
Ata agora, podemos asegurar que o desprezo e indiferenza que mostra a corporación ao completo do concello de Redondela por este conxunto arqueolóxico –quizais o máis importante de Galicia- é absoluta.
Non hai vixilancia de ningún tipo. Non hai medidas efectivas de protección –as comunidades de montes son as auténticas propietarias do noso patrimonio, e fan, desfán, constrúen e destrúen segundo o seu propio criterio-.
A única actuación de información e significación que se levou a cabo foi a sinalización do paso do Sendeiro das Greas por diante da mámoa do Rei. Iso permitiu que se fixese unha intervención no dolmen que concluíu na reposición dun chanto caído (nas imaxes podedes ver o antes e o despois).
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitardes converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Vídeo de Xoán Arco da Vella.




